As Repúblicas de Homes Libres (II): Pegadas nos penedos

Last updated on 9 / Abril/ 2010

Oito coviñas nunha pedra dan entrada a un prado aos pés dun lugar fascinante, o castelo de Fruime, en Lousame. Estamos no Confurco, o Pindo do Barbanza, un gran conxunto de montes inzados de enormes penedos graníticos que, ao cabo dunhas horas, se converten en espellismos para o buscador de pasados. Distinguimos un pequeno outeiro con grandes penedos e, ao ascendermos, aparece a muralla. Se cadra por mor da distancia de calquera aldea, o Castelo de Fruime debe ser un dos castros -senón o que máis- mellor conservados do Barbanza. Está tal e como o abandonaron.

Emocionados, observamos como unha muralla de numerosa pedra simplemente foi caendo, protexendo teimudamente o acceso a ese labirinto de bolas de pedras e pechando todas as fisgas que estas deixan entre a altura e o interior. Obsérvese que digo castro, e non castelo. Aquelo parece un castro da Primeira Idade do Ferro. Ten as súas plataformas, as súas nivelacións. Pero conforme nos achegamos, movéndonos con coidado polo alto desa inestable muralla, ata o penedía máis alta, atopamos dúas cousas: o pedrugallo parece distinguir unha porta, e unha chea de cachote metido entre unhas fendas permite subir ata a parte máis alta. Alí, e só alí, comezamos a atopar anacos de tella. E, desde o alto, a panorámica é todo unha definición deste lugar. O contorno dálle igual. Este castelo está controlando a Ría de Arousa e o camiño que desde o importantísimo enclave comercial do castro de Neixón sube por Bealo en dirección ao interior de Galicia. Bealo: un lugar importante, con estraños petróglifos, unha gran romaría e ¿sabedes que? O seu nome antigo era Vialis. Ehem. Imaxinas os carromatos de ánforas preparándose a cruzar o Confurco. Unha agudísima ladeira agocha, aló embaixo, a vía de comunicación natural que permitía saír de aquí en dirección Noia e o interior de Galicia. Pero é que hai máis. Xusto en liña recta, enfronte nosa, no monte xemelgo da outra banda do Confurco, está outro castelo, San Mamede (por certo, un dos santos máis recorridos nas ermidas e igrexas galegas, pero que, coma moitos dos patróns das igrexas bretonas, non hai constancia de que existira).


O castelo de San Mamede.

A concentración de tella na peneda alta fai pensar que, no antigo espazo do castro, nalgún momento entre o mundo romano e o século XI construiuse alí un castelo. A súa ubicación é paradigmática, e revela unha condición obxectiva de todos estes lugares fóra do rexistro documental da nosa Historia. José Carlos Sánchez Pardo presentou na USC no 2008 a súa excelente tese Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Edad Media. Aínda que Pardo non leva a antigüidade destas fortalezas antes do século IX -malia non ter datos arqueolóxicos ou documentais ao respecto-, o investigador, a través do estudo intensivo do poboamento da terra de Nendos (ao redor de Betanzos), localizou que había tres fases de imprantación dos castelos. Na segunda fase, que corresponde á Baixa Idade Media, están o modelo de castelo que máis coñecemos, o castelo feudal: próximo ás aldeas e ás terras de cultivo, exemplo de control señorial sobre un contorno agrario e viario directo, desde os que se exercían os atributos de control e cobros de tributos. Pero no seu estudo atopou que os castelos máis antigos, é dicir, estes dos que non hai documentación, seguían un patrón distinto. Non controlaban ás xentes, aos labregos e mariñeiros. Controlaban as vías de comunicación, o mar, os camiños. Estaban próximos a ríos e próximos ás vías de comunicación, especialmente ás antigas vías romanas. Existe unha diferencia enorme na capacidade de abranguer visualmente o territorio entre un castelo do século IX e outro do XIV.

Polo tanto, estanos a falar dun mundo distinto. Nun mundo en teoría pobre e aillado como o que transcorre entre o final do Imperio Romano e ano 1000 preocuparse tanto polo movemento resulta cando menos curioso. O segundo factor importante que atopou Sánchez Pardo é a relación directa entre estes castelos e os antigos castros. Nesta primeira época da Idade Media, os castelos vólvense construír sobre as abandonadas fortificacións da Idade do Ferro, lugares esquencidos durante algúns dos séculos do Imperio. Fíxense no detalle. Conforme avance a Idade Media esta relación cos antigos asentamentos irá desaparecendo. Como tamén desaparecerán as respublica ingeniorum. Non deixa de ser curioso que o proceso é similar ao que pasou na Idade do Ferro. De acordo con González Ruibal, na súa tese de doutoramento Galaicos. Poder y comunidad en la Protohistoria del Noroeste de la Península Ibérica, o mundo castrexo ten dúas fases moi diferenciadas. Na primeira, os castros subían ao alto das serras, en lugares moi altos, con capacidade de controlar pero con poucos recursos alimenticios inmediatos procedentes do labor do campo, e si do pastoreo. Na segunda fase, os castros baixan aos vales e percíbese unha relación clara co contorno agrario. Exactamente igual que na Idade Media. Para Ruibal, as evidencias arqueolóxicas sinalan que na Primeira Idade do Ferro, a sociedade estaba máis xerarquizada que na segunda.


Un lacus en Fruime.

Estabamos en Fruime. O sol vaise poñendo, e nós camiñamos ao redor do castelo. Aos pés do castelo atopamos algo que nos chama a atención. Alguén se preocupou de moldear os bordos desta gran coviña, e labrarlle unha canaleta para facilitar a saída de algo. Tecnicamente a isto chámaselle lacus, un lugar vinculado a usos relixiosos. Eu teño moita prevención contra o síndrome da coviña pantasma, que é a que te provoca ver petróglifos e áreas rituais nas pedras con moita erosión, pero neste caso repaso a acanaladura e abráiome.


A Casa das Meigas

Ao longo do Barbanza, a Mahía e as Terras de Padrón é doado seguir o percorrido destes antigos castelos, acochados nos cumios, controlando a ría de Arousa e os camiños que dela levaban ata o interior, pasando polo castro no que naceu Compostela pero tamén noutras direccións -que fan pensar en que a construción non tiña só como fin controlar a invasión normanda a Compostela. Aquí só falo de algúns deles. Enriba da Angueira de Suso, localizamos a Casa das Meigas, metida entre dous penedos. Non foi doado dar con ela, pero alí estaba, conservando algo da maxia do seu nome. Un carballo nace no medio dun edificio cadrangular.


O Castelo Redondo


Restos cerámicos apreciables a nivel superficial

Seguindo a corda dos montes, aparece o importante lugar do Castelo Redondo, visible desde todo o val de Padrón, no alto do monte da Meda. Este lugar é sorprendente. Aos seus pés hai mámoas. Está a tella. E no castelo está a Cova dos Mouros, por onde entran estes seres míticos. Agora, unha pista arrasou parte do perímetro que o rodea, e unha singular mámoa que existía xusto aos pés do castelo, nun pequeno chan na súa base. Alí a tella e os anacos de cerámica están por todas partes. O Castelo Redondo parece seguir o mesmo patrón que a Casa das Meigas, controlando o camiño que leva da ría ata Iria Flavia.

Outro día, Jorge Guitián guíanos ata un lugar moi interesante nos Montes de Oleirón: o Coto do Castelo. Cunha visibilidade algo menor que os anteriores, ao seu redor parecen apreciarse estruturas gandeiras, e está rodeado de tres ou catro puntos moi interesantes a nivel histórico, como unha capela medieval -Jorge recolleu lendas que din que no seu momento a procesión subía ata os pés do castelo- ou o Coto dos Mozos, un sitio onde as parellas da contorna ían a namorar con discreción. No Coto do Castelo tamén se conserva, segundo Guitián, a lenda de que alí se agachaban os fuxidos da Guerra da Independencia.

Pero hai máis. Uns cantos máis que non consigno aquí por non eternizar o post. Son lugares abandonados, esquencidos, pero están aí. Dun xeito que non damos comprendido de todo, coa súa peculiar distribución, nos están falando dun determinado concepto da defensa e das fortificacións. Estes castelos empatan ben cuns territorios formados por homes libres, un tipo de estrutura social que xa existía antes da formación da monarquía galaico leonesa, dunha Idade Media que aínda non era feudal, tal e como hoxe os entendemos. E isto para min é o máis interesante. A un galego do século XV os castelos lles parecían ominosos instrumentos de dominación. Refuxio de malfeitores, os seus alcaides practicaban o secuestro, o soborno, o roubo e o cobro de tributos sen cortarse, e convertían a campiña nun escenario de batallas que aos labregos nin lles ían nin viña. Pero estes castelos dun tempo remoto non nacen para dominar aos veciños. Vixían, miran e supostamente déixanse ver. As veces están ubicados en lugares que tiñan un antigo valor simbólico: outras, en antigos asentamentos que se habían perpetuar como valor na tradición dos veciños. Se cadra gardan significados que aínda non comprendemos de todo porque nos faltan datos. Tense falado deles como antigos sistemas de comunicación que transmitían información a partir de fachos. Pero ao mellor tamén nos falan doutras cousas.

No vindeiro post sobre as Repúblicas de Homes Libres, que escribirei nun par de semanas ou así, cando teña algúns datos que ando a procurar, falarei sobre as cousas que se nos ocorren ao respeto. Si quero aclarar que isto non é unha investigación histórica realizada de xeito sistemático, senón, de forma totalmente consciente, unha crónica persoal das miñas exploracións neste mundo, a medias entre as fontes documentais, a investigación e os restos arqueolóxicos co obxectivo de chamar a atención sobre esta Época de Ninguén.

Polo de agora, se andas picado ou picada e queres subir a explorar, aquí tes un ficheiro KMZ con todas as localizacións que levamos descubertas ata o momento. A única que está aínda sen ubicar é a do Monte Castelo, na Pobra do Caramiñal.


Descargar o ficheiro KMZ dos Castelos dos
commissos de Pistomarchi (Barbanza) e Amaea (A Mahía)

Anteriores entregas:

10 Comments

  1. 4 / Outubro/ 2009

    Unha boa recollida de información e tradición oral sobre o Coto do Castelo dos montes de Oleirón a atopas no libro que Clodio González dedicou ó concello de Brión. Interesante, tamén por esta zona, o Monte de San Marcos, en Ames.

  2. 4 / Outubro/ 2009

    Moi interesante traballo! esperamos impacientes os seguintes posts! efectivamente en calqueira momento parece que vas a atopar a lanza de longinos, o santo grial ou un eternísimo cabaleiro templario nunha cova en medio das penedías.. ;)

  3. 5 / Outubro/ 2009

    Excelente.
    Por certo, eu xa escoitei varias veces que Mamede é unha adaptación ao galego-portugués do nome do mesmísimo profeta Muhammad (Mahoma ou Maomé).

  4. 5 / Outubro/ 2009

    Si, empreguei o libro de Clodio para varias cousas, entre elas a valiosa información que ten sobre a terra e o couto de Luania.

    Xurxo, grazas! De todos os xeitos, o que trato de demostrar é que a Historia pode ser apaixoante sen necesidade de meter o Santo Grial polo medio… :-)

    Pablo, hipótese tentadora polo directa que é. O certo é que non sei ou eu aínda non vin -non sei se existe- algún estudo sobre as orixes ou o tempo no que se iniciou a advocación do “santo” Mamede nalgunhas parroquias. O único que sei os lugares chamados San Mamede sempre teñen algo (un castro curioso, un castelo, unha anta…).

  5. 5 / Outubro/ 2009

    Meus antergos, por parte de nai, veñen de Fruime e Ces, a vegadas non sei por que non poñen en valor todos ises ben patrimoniais, mesmo as minas de San Finx non estan todo o ben aproibeitadas (patrimonialmente falando) como deverian. SAúdos e apertas

  6. 5 / Outubro/ 2009

    Agora hai unha serie de proxectos para San Finx. A ver se hai sorte e prosperan.

  7. Moncho
    5 / Outubro/ 2009

    No alto do Coto do Castelo atopei algún que outro resto de tella… Anaquiños moi pequenos, pero habíaos…

    (Por certo, Jorge: por fin atopei os restos da Capela de Santa Cecía coas túas indicacións. Graciñas!!)

  8. Ramón Barcia Seijo
    11 / Outubro/ 2009

    En Mos no alto do monte Salgueirón temos un Castelo, unha rocha enorme en forma de meseta. Ten algúns ocos polos pes onde ainda se ven tellas antigas. Dende alí vese todo o val da Louriña e incluso a Ría de Vigo. Ninguén investigou este lugar a fondo.
    Moi cerca, a uns 3-4 km en liña recta está o castro de Torroso (esta parroquia ten por patrón a San Mamede). Este é un castro moi antigüo, do século VII ac. http://gl.wikipedia.org/wiki/Castro_de_Torroso
    Os montes dos arredores son unha zona moi rica en petroglifos e mámoas, ademais existen numerosos lugares en todo o concello que se chaman Castro.
    Cando describes no teu artículo parece que estás describindo este Castelo do meu concello.

  9. candepalleiro
    4 / Marzo/ 2011

    Manuel,estou a repasar os teus posts das Repúblicas, pois son case un recén chegado á túa apaixoante serie.Pareime en Fruíme e San Mamede, pois coñézolos ben. Amáis de destacar o seu dominio visual sobre as rías de Muros-Noia e Arousa, destacaría de novo, o control sobre as vías romanas, neste caso, con moita probabilidade, sobre a nºXX do Itinerario Antonino, a famosa “per loca marítima”, moi cuestionada, que da ría de Arousa pasaría cara a Noia polo Confurco.Disto saben moito os arqueólogos Tito Concheiro e Juan Naveiro, que teñen investigado sobre o trazado desta vía costeira, aínda que non sei se teñen algo publicado ao respecto.

  10. 5 / Marzo/ 2011

    Si, si, os dous castelos beirean o paso do Confurco. Cando estás neles, daste conta de que é unha potente vía natural cara a zona de Noia e para enriba. Por exemplo, desde Fruime decátaste da posición de Neixón como zona de comercio: está na estrema deste roteiro natural, pero de aí permite internarse noutras áreas con facilidade.

    Na conferencia de onte estivemos presentando o caso de Luania, e de como relacionar os elementos que hai nesa área estanos facendo reflexionar sobre a funcionalidade destes castelos. Agora vemos todo de xeito máis complexo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará