A Casa dos Martínez, en Padrón: o noso acocho gastronómico

Last updated on 26 / Setembro/ 2009


Feira popular en Padrón. Foto: Enrique Castillo

Ocorre sempre igual. Despois dunha temporada estresante, ou a piques de iniciar unha longa viaxe que me garante máis longas horas de traballo que tempos de bo xantar, achegámonos, sempre de noite, ata o noso refuxio gastronómico. O noso acocho gastronómico ten só sete mesas, e é un dos restaurantes máis bonitos e íntimos da área de Compostela, a uns quince ou vinte minutos de casa.

Xa teño falado del, por suposto, do ben que se come neste niño gastronómico que é A Casa dos Martínez [981810577 / localización] , que está na Praza de Baltar, en Padrón, unha praza que no centro ten un busto dedicado a un tal Baltar, na que hai unha óptica tamén chamada Baltar, un bufete de avogados Baltar e unha gran casa de pedra con galería que dáme a min que tamén debe ser dos Baltar. Nesa praza, un toldiño verde garda este restaurante preferido, coidado co bo gusto dun bonito bistró de pequena cidade francesa de provincias. Pero non vos vou falar hoxe de como se come, senón do seu propietario, Enrique Castillo, un home singular, que non deixa a ninguén indiferente. Unha vez, hai uns meses, levamos a uns amigos sevillanos.

-Eu quero retratarme con este señor -concluiu Luis abraiado.

E non porque Enrique Castillo sexa feo ou guapo, famoso ou descoñecido, senón porque é un suxeito único. Xefe de sala, sumiller, camareiro, director dun restaurante atípico que atende el só enteiro mentres o seu pequeno equipo familiar traballa na cociña. Socarrón, amante do humor, lector ávido de gastronomías, cunha retranca coa que satiriza a gastronomía popular e a culta mentres na súa cara amosa unha faciana circunspecta que te desconcerta cando non o coñeces, con hábitos cerimoniosos de restaurante finisecular. E cunha teatralizada corrección de formas que fai que todo se convirta nun pequeno espectáculo de mesa.

-Señor Gago, tráteme de ti.
-Non podo, señor Castillo. É que a vostede préstalle mellor o vostede.

Porque eu estou convencido de que, con algunhas persoas, o trato de vostede significa, sobre todo, confianza.

Enrique é da caste de foráneos que chegou aquí por amor e por amor quedou, no seu caso, desde Cataluña. En Galicia somos unha potensia en reclutar talentos a base de amor. Pero os seus ollos foron moito máis alá. As paredes de pedra da sala do restaurante teñen as súas fotos expostas, porque Enrique é un bo fotógrafo afeccionado. Retratos de xentes da comarca padronesa. A súa serie Héroes cotiás retrata con agarimo os tipos rurais e costumistas da Escravitude, de Rois, de Herbón.


Ramiro “pituso” e señora. Foto: Enrique Castillo

E ao velas, decátaste de que a gastronomía non é algo alleo ao resto do mundo. A gastronomía é parte un xeito de ollar ao redor. Por exemplo, un dos pratos que sempre provoca sorrisos cando o les na súa carta, é o seguinte: carilleiras de porco guisadas moi melosas como lle gustan ao cura de Rois.

viene por la vieja constumbre (…) de que las abuelas de ciertas aldeas del rural, los Domingos despues de misa, se le daba un guisito hecho en casa,ya podia ser Pollo de casa, Jarrete, Cordero, que siempre sabia igual, -pero como era asi como le gustaba.- decia mi suegra.

E que queren que lles diga: hai chiscadelas tradicionais que gañan unha sona, como neste caso. É tan atípico este home no mundo que lle rodea que debe ser o único blog dun restaurante galego no que non só se desvelan todas as súas receitas, coa ironía fina que repite en sala, dun xeito tan persoal, senón que tamén se fala dos platos que fracasan e dos que triunfan e -sen dúbida é o único exemplo que eu coñezo no mundo- se atreve a facer unha crítica -en clave de humor- dos seus clientes e hábitos.

Sobre os Figos da nosa horta, xeado de vainilla e viño tinto:

Por cierto este postre es de la carta del LUIS XV de Monaco del chef- Alain Ducasse, donde pagaria 26€ +iva (19.5%), eso sí con cuberteria de oro y un cuarteto de musica al lado para darle mas satisfacción al estomago.

Veranme pedir unha fideuá de rape con choquiños -un plato que me gusta tanto que me teño que reprimir porque acabaría por pedilo cada vez que vou por alí-, ou deleitarme cun magnífico tartar que non dou acabado, ou flipar coas súas croquetas, ou a filloa rechea de rape e centola. Veranme pedilas e a Enrique Castillo dicir profesionalmente, ao estilo da vella escola de maîtres, mentres toma nota:

-Excelente elección. Un clásico da nosa casa.

Veranme disfrutar dun magnífico viño -de prezo contido, como todos os que ten a moi selecta adega de Enrique- e de postres sempre balanceados nos que sobrancea unha gran presenza de cítricos. Sentímonos confiados e tranquilos neste lugar, na nosa mesiña ao carón do cristal da fiestra, nesta cociña que é cultísima e ao mesmo tempo popular e burguesa, na que non me ten fallado un só plato en todas as veces nas que teño ido, e nas que se fallara non pasaría absolutamente nada porque estamos entre amigos. Síntome cómodo na Casa dos Martínez. E así mesmo comparto este tesouro convosco.

Imaxínome o cambio cualitativo da gastronomía deste país se en moitas das nosas vilas os propios e visitantes puideran contar con establecementos tan cálidos, elegantes e coidados, que non renuncian nin á identidade nin á aposta pola excelencia nas cousas pequenas.

Grazas, Enrique.

A Casa dos Martínez custa ao redor de 35-40 euros con viño.

5 Comments

  1. PabloV
    27 / Setembro/ 2009

    Ostras! non sei se será único pero o feito que no blog do restaurante expliquen o prato é unha aposta que me gusta

    haberá que darlle unha volta e media a ver que tal :)

  2. 27 / Setembro/ 2009

    O que o fai único non é explicar no prato, senón atreverse a dicir cales funcionan, cales non, detallar prezos sen problema e facer “crítica” humorística dos clientes. Poucos teñen ese valor, e hónralle. :-)

  3. rteflexf4
    29 / Setembro/ 2009

    Tendrei que ir xantar, en canto poda , desconocia o tema co cerca que cae.

  4. javier
    9 / Outubro/ 2009

    Estou descubrindo un monton de lugares bos para xantar gracias o teu blog. Nos ultimos dous meses fun ao meson do labrego, ao capricho e ao muiño da caniza. E podo dar fe de que todo o bo que falabas deles era certo. Non tardarei moito en pasar pola casa dos martinez. Un saudo dun agradecido lector.

  5. 9 / Outubro/ 2009

    Moitas grazas, Javier! Comentarios coma estes son os que me fan que lle bote tanta ilusión a este blog.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará