Casa Manolo: un gran lugar para degustar o mar en Caldebarcos (Carnota)


Zamburiñas e caldeirada de raia en Casa Manolo. Fotos: Sole

Aquel home -Manolo- tiña algo que me deixou descolocado xa de principio. Comezou a recitar o marisco que tiña fóra de carta. E co canto da excelencia de cada especie -unhas zamburiñas impresionantes, uns bos percebes- indicaba honestamente o prezo da ración. E sorprendeume porque creo que debe ser a primeira vez que me pasa: no mundo da cociña tradicional hai demasiado camareiro mudo á hora de enunciar os prezos dos pratos e racións fóra de carta, algo que sempre me molesta moito porque sempre sospeitei que en tal práctica había, por parte do hosteleiro, algo de aproveitarse do pudor que aos galegos nos dá falar de diñeiro nun lugar -o restaurante- reservado aos ricos ata hai pouco (a típica frase: “a ver se van pensar que somos pobres”). Ou sexa, que ben por Manolo.

O caso é que alí levabamos un repaso detallado aos prezos do marisco. Estabamos en Casa Manolo [T: 9817603 06 / localización], en Caldebarcos (Carnota), nun fermoso día de azul claro para a Costa da Morte. Casa Manolo é un lugar especial. Na súa carta de viños, se comezas polo final, vas ver que alí, nun confín do litoral, se sirven Petrus (3.500 euros) ou Château Margaux (sospeito que a euforia construtora da Costa da Morte o ano pasado debeu influír algo nesta carta), pero o resto da carta, cun bo surtido de galegos, gran mostra de riojas e riberas pero curiosas incursións en DOs do resto do mundo, mantén prezos moi razonables. Casa Manolo é para comer marisco e peixe de gran calidade, con calderetas ben famosas, aínda que algunhas especialidades de carne coma o xarrete tamén teñen sona. Nós arrincamos cunhas zamburiñas king-size, perfectas, seguidas dun cabracho e unha caldeirada de raia que era unha delicia. Con postre -unha boísima tarta de queixo caseira- e unha botella de bo godello (non tomei nota de cal), a cousa saíu en trinta e poucos euros por cabeza. Moi razoable para a calidade do produto e especialmente estimable nunha zona, a Costa da Morte, na que conviven excelentes e honestos restaurantes con outros espazos de caza do turista incauto. Casa Manolo está do lado honesto. Volverei. Varias veces. É o típico sitio para convidar a un amigo de fóra de Galicia sen que a cousa te saia por un pastón.

Se ides, reservade. O sitio ten tanto éxito que vin triplicar mesas ao noso redor.

21 Comments

  1. 10 / Setembro/ 2009

    Xusto do outro lado da estrada está o Fontevella. É outra historia, pero teñen unha caldeirada de raia é espectacular. Se aínda non o coñecedes, dádelle unha oportunidade.

  2. 10 / Setembro/ 2009

    Hai que darlla, hai que darlla. Hei pasar dentro de pouco de novo por Carnota, a buscar os petróglifos, así que pode ser unha gran opción. Faláronme moi ben del. E alí mesmo en Caldebarcos vin outro que me chamou a atención e estaba tamén cheo, a Casa da Crega. ¿Sabes algo del?

  3. 10 / Setembro/ 2009

    Desoutro dou fe eu. Moi bo no trato e excelente neses produtos do día. Teño pra min que Caldebarcos é un dos últimos redutos gastronómicos da Costa da Morte que resiste agora e sempre ao invasor…

  4. Xabrés da teixeira
    10 / Setembro/ 2009

    En Caldebarcos fai uns cantos anos, arredor de vinte, xa existía Casa Manolo. Estando nos hospedados pola zona de Fisterra, pasémos por alí un día, de volta de Carnota(por certo non curuto do monte de frente o hórreo, hai nunha pedra unha fermosa serpe) é paremos a xantar en casa Manolo.
    Recordo que nos recomenderon unas “robalisas” moi fresquiñas, que estaban de morte, e se non recordo mal estaban ó vapor e cuns cachelos. Chupémonos os dedos. Cando xa case estábamos acabando vimos pasar unha centola, nunhafonte trans-portada por unha muller, e preguntei se tamén tiñan marisco.
    -Claro- foi a contestación, temos un viveiro metido na mar.
    Pedimos unha centola, a critério da señora, é trouxonos unha soberana centola, que unha vez reservada a parte non engulida, dounos para volver a cenar pola tardiña.
    O precio daquela, foi case de risa.
    Haberá que volver algún día.

  5. miguel
    10 / Setembro/ 2009

    Non che atendeu un camareiro,ti mesmo o dís:”Aquel home tiña algo que me deixou descolocado xa de principio.”
    eles falan do peixe, do mar; ti de caldeirada, de terra… vas volver para mellorar este post.
    Eu invito se non é así, senón pagas tí

  6. 10 / Setembro/ 2009

    Xabrés, un canteiro hai poucos anos descubriu no alto dos montes que rodean Carnota unha abraiante secuencia de petróglifos que percorren os montes. Son de diferentes épocas pero hai, cando menos, tres valiosísimos. Un xa o vin, pero non tardarei moito en ir e falar dos outros dous.

    Miguel, síntoo pero non comprendo ben o teu comentario. Como podes ver as fotos, fixémoslle unha boa homenaxe ao mar. Pero non teño problema ningún en volver. Todo sexa por mellorar un post! :-)

  7. pan
    11 / Setembro/ 2009

    Casa Manolo está ben, por suposto (unhas zamburiñas de vicio) pero a Crega é moita Crega.

    Por certo, na Costa da Morte nos últimos anos abriron un grupo de restaurantes de moi alto nivel.

    Os dous últimos en Corcubión, o restaurante do Hotel Horreo e tamén As Hortensias. Os dous ao lado da ría, cunhas instalación impecables e unha cociña moderna baseada no tradicional, un pouco máis eleborada a do Horreo.

    E en Fisterra hai agora polo menos media ducia de restaurantes moi recomendables. Tamén por orde de apertura, o que estaá ao lado da lonxa que non me lembro do nome, O Fragon, con so media ducia de mesas e unha cociña de primeira; O Fin do Camiño, comida tradicional tamén de primeira calidade. O Centolo é dos de sempre e nunca falla, e por suposto o Tira da Cordel todo un clásico, este último ten unha sucursal en Muxía que se chama o Tira da Barca, que xunto do Coral ben merecen unha visita a Muxía. O venres estiven en Cee ceando no Insua e comín unhas navallas, almejas e arroz con lubrigante de auténtico vicio.

    Bueno Gago, quedame aínda moita Costa da Morte e quedanme moitos moi bos, As Garzas, A Cunca, Mar de Ardora, Pastoriza, A Estancia, Miramar, Isidoro, San Francisco, Zurich, Villa de Oro, …

    Si tes interés facemos un especial, jajaja

  8. 11 / Setembro/ 2009

    Pan, grazas por tanta información da Costa. Hei ir a algún dos que recomendas. Faláranme tamén dun par en Vimianzo levados por xente nova, pero desgrazadamente perdín o apuntamento. Se alguén ten o dato, agradecido estou!

    O Fragón: encántame ese sitio, o outro día non me faltou nada para volver. Fíxenlle un post hai tempo porque o que fan eses irmáns paréceme un interesantísimo camiño para explorar na súa propia tradición:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/10/06/o-fragon-ou-como-a-gastronomia-de-fisterra-se-volve-inconformista/

    A todo isto, esa Casa da Crega xa queda fichada, arredemo. E picáchesme co Hórreo. Aínda vai ter que ser certo o do especial. :-)

  9. Xabrés da teixeira
    11 / Setembro/ 2009

    Magago, ese Señor Canteiro, haberia que darlle-las garcias. Case seguro que non traballa as ordes de algúnha empresa desas que cando se atopan con algo similar, o primeiro que fan e desfacelo todo para que xa non teña remedio, e poder facer a falcatrúada prevista.
    Gostaríame invitalo a un albariño, cando volva a Fisterra.
    A invitación fago-a extensiva a todos aqueles de boa bontade nas cousas galegas.
    Apertas.

  10. 11 / Setembro/ 2009

    A min a Casa da Crega paréceme correcto, aínda que un pouco irregular cos prezos . O Hórreo debería chamarse Horror e As Hortesias é, simplemente, unha tomadura de pelo moi comentada este verán en Corcubión (uns amigos pagaron o outro día 60€ por cabeza: entrantes, bacallao, viño, sobremesa e cafés. Nos entrantes non había trufas nin tampouco angulas).

    Casa Pila, un pouco máis ao sur de Casa Manolo e Fontevella, ten cousas xeitosas (a filla colleulle o punto á caldeirada da raia da nai, do Fontevella).

  11. 11 / Setembro/ 2009

    O canteiro e Jose Cernadas, de Carnota, un fora de serie. Ten localizados mais de 80 conxuntos de petroglifos nos montes da zona, dos que publicou unha guia cos 25 mais salientables.

    A xente asi haberia que facerlle un monumento. Sobre todo porque cando hai anos intentou notificarlle os seus achados os responsables administrativos o unicoque atopou foi desprezo e suspicacias, no mellor dos casos.

    Teño a guia pola casa, se a precisas.

  12. Xabrés da teixeira
    11 / Setembro/ 2009

    Gourmetdeprovincias: Agradecería moito, unha referencia, por si podo atopala. Non so estas invitado a un albariño se non tamén a un godello.
    Apertas.

  13. Xabrés da teixeira
    11 / Setembro/ 2009

    Obrigado, Mr. Magago. Algún día chúparemos una botella de calquer bon viño galego.

  14. 11 / Setembro/ 2009

    Jejejejee!

    Sr. Magago, agora que vexo esa reseña o asinante me resulta familiar
    ;-)

  15. 11 / Setembro/ 2009

    Certo! Nin me fixara. :-)

  16. Alejandro Lamas
    11 / Setembro/ 2009

    Vente por Corcubión e imos ás Hortensias!!

  17. pan
    13 / Setembro/ 2009

    jaja, Rodigo, pero pormisfogones que mes dis jajaja

    que mala sorte tes os dias que vas comer fora ;-)

    Gago o de Vimianzo debe de ser Casa Sabina, unha calidade precio impresionante, incluso para o plato do día. os outros que hai ao lado da estrada son correctos. o Santos e o Montevideo son restaurantes de bodas moi afamadados na zona, ao ifual que A Lagoa, na saída para CArballo, que tamén fai bodas e plato do día.

    bueno, a ver cando quedamos con Rodrigo aínda que sea coa mala sorte que ten, jeje

    saúdos a todos e unha xuntanza na Costa da Morte cando queirades, eso si teremos que botar a sortes o restaurante.

  18. 14 / Setembro/ 2009

    Casa Sabina, efectivamente, Pan.

    Non estaba mal organizar un tour Costa da Morte para coñecer o mellor da súa gastronomía: o turista galego ou non galego está moitas veces desorientado (cantas cousas hai por facer, diormío).

  19. Rodrigo
    15 / Setembro/ 2009

    @Pan Vaaale… recoñezo que estaba algo encendido porque o grupiño de amigos da vila collimos con ilusión os dous novos restaurantes, a ver se nos salvaban do aburrimento. Pero bueno, eu xa non estou para tentar a sorte e sempre aposto polo seguro: Caldebarcos.

    @magago, creo que o que está desorientado é moito restaurdor (e xa me veu o arranque de mala uva e voz :P). A desfrutar na Rioja!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará