A cultura pola man

Cada día que pasa confírmomo máis. Percorro Galicia de Norte a Sur, de Leste a Oeste, continuamente, e a rede é unha importante fonte de información para facelo. Durante moitos anos, en numerosas comarcas do país percíbese sempre a mesma carestía da información. Meses tras meses, determinadas palabras clave só devolven resultados ermos, viles réplicas de malos textos históricos da web do concello confeccionada e deixada sen actualizar desde o ano 2000.

Non podemos agardar por ninguén para que a nosa cultura, o patrimonio, o coñecemento local, non estean na rede. Existe un concepto que é a lóxica cultural, que é o conxunto de prácticas que resultan coherentes nun tempo determinado. En Galicia, ano 2009, as lóxicas culturais están crebadas. Sigo sen comprender como moito historiador local, moito activista da cultura local, agarda a unha minoritaria publicación en papel subvencionada por unha axuda de terceira dunha Dirección Xeral para publicar os seus achados, os seus inventarios e o seu traballo no mundo. Agardamos por unhas administracións que non chegan, ou que tardarán aínda unha década ou década e media en chegar. Pero o noso patrimonio, a nosa cultura, o coñecemento, non pode agardar por quen non a valora, quen o xestionará como unha mercadoría de segunda clase que hai que asumir por non quedar mal. Comarcas enteiras do país están ermas de contido na rede. Si, a responsabilidade é das administracións. Pero, no 2009, a responsabilidade tamén é de quen as transita e as investiga, moito máis. A rede obríganos a posicionarnos sen excusas.

O mundo da cultura debe comprender, ano 2009, que toda publicación, todo acto de publicar, hoxe por hoxe, é Internet; as minoritarias edicións en libro de 200 exemplares en mal papel van destinados ás bibliotecas locais, a satisfacer o ego dos autores e -paréceme o máis importante-, a ser o proceso final dun traballo comunitario coas fontes de información, como por exemplo agasallarllos aos vellos que contaron lendas ou deron datos: iso é hoxe a función máis relevante dun libro de divulgación. O resto do mundo pasa por aquí, por esta banda da rede. Xa está ben de botarlle a culpa preguiceira ás administracións. Non pode ser que a Ulloa, a Costa da Morte, o Barbanza, o Salnés e tantos outros sitios sigan sendo desertos da cultura na rede, opacos territorios dixitais, cando existe unha certa bibliografía local sobre elas. Fagan un blog. Suban un PDF. Xúntense nunha rede social improvisada. E que saiban que publicar en papel xa non quere dicir nada, que é unha parte mínima de todo o proceso de investigación e difusión cultural.

19 Comments

  1. 7 / Setembro/ 2009

    Cada vez gústame máis lerlle, sobre todo cando di cousas tan certas.

  2. tocajuevos
    7 / Setembro/ 2009

    chapó, ten toda a razón.
    Pero o ego húmano é moi poderoso, e a “mística” do papel tamén. Incluso chega ás consellerías e ministerios, que non valoran as publicacións en blogs, ou páxinas persoais, á hora de recoñecer méritos.

  3. raimundo
    7 / Setembro/ 2009

    Coincido plenamente con vostede.
    A necesidade de “visibilidade” da cultura galega non se pode deixar nas mans das administracions.
    Eu, humildemente suxiro unha biblioteca de imaxes de todos os concellos,pobos, villas, parroquias, pedanias ( gosto pouco desta palabra).
    Fai falta “visualizar” o pais.

  4. Xabrés da teixeira
    7 / Setembro/ 2009

    Amigo,(gostaríame) estou dacordo contigo. Temos na Galicia(eu son da irredenta), un tesouro inimaxinábel, tanto no mundo enterrado(aqueolóxico), como no da transmisión oral.É unha pena que caseque todo, ou todo, está no eido rural, o que nunca entenderei é o proqué caseque sempre se trata de ignorar, agochar, ou ningunear.
    O que dis pareceme unha boa e grande idea, eu non teño nin os coñecementos para pola en marcha. (fixen unha rede social para falar da miña terra é prácticamente so publico eu).
    Estaría ben que alguén o tentera a nivel de Galicia. Podo por un exemplo: Celtiberia, unha páxina que agora está pechada, que era a nivel Ibérico, e que poderia servir como exemplo.
    Con ganas e boa vontade, poderiase conseguir moito. Que naide esqueza que a cultura, e mais se é popular, no dá renditos, mais é necesaria.
    Apuntome a colaborar.
    Perdón pola extensión

  5. 7 / Setembro/ 2009

    ten vostede toda a razón! Permitame suxerirlle (no caso de que non a coñeza) a web http://www.aqualatam.blogspot.com, na que atopará un excelente traballo sobre as terras de Agolada feito e recompliado dia a dia por Manuel Busto. Tame´n convidoo a wisitar a web da Asociación Cultural “O Naranxo” http://www.onaranxo.org, na que tamen poderá atopar algunhgas cousas interesantes do Deza, ainda que o traballo de subir cousas feitas ao longo destes 20 anos, teñoo un pouco retrasado.Parabéns polo seu traballo!

  6. 7 / Setembro/ 2009

    Perdón desgraciadamente mi gallego es peor que malo.

    Firmo y comparto al 100% lo que dices y espero que no te moleste si hago un ‘copiar y pegar’ completo, para divulgar este idea.

    Saudos/Saludos

  7. 7 / Setembro/ 2009

    Por suposto, Eifonso, copipega o que queiras.

    Alberto, precisamente aqualatam é un bo exemplo do que se pode facer, de xeito sinxelo -a nivel tecnolóxico- desde unha localidade. Tamén coñezo o voso traballo no Naranxo. Afortunadamente, ao longo do país tamén temos excepcións á norma. Outro exemplo doado de comprender é o grupo de arquitectura tradicional galega en Flickr, feito por usuarios, e que a día de hoxe é a mellor colección etnográfica galega que hai na rede. Leva tres mil e pico fotos e é unha gran idea concebida por Xavier, desde Sandiás:

    http://www.flickr.com/groups/arquitecturatradicionalgalega/

    Xabrés, o de Celtiberia é tamén un exemplo típico de algo máis currado que, ademáis, estaba cheo de contidos publicados por galegos. Non sabía que estaba parado. Unha mágoa. Pero eu xa non pido tanto. Creo que o que hai que ter é unha actitude proactiva, con gañas de publicar. Habendo esa actitude, é doado que aparezan infraestruturas que soporten eses contidos.

    Farei outro post sobre esta cuestión.

  8. Cesar
    7 / Setembro/ 2009

    Pertenezco a la generación que ha sido “capada” del arraigo de la patria galega, por motivos que no vienen a cuento, pero siempre he presumido de galleguismo por donde voy y no entiendo el mérito que algunas poblaciones conceden a sus cosas al compararlo con lo que aquí tenemos..(playas, gastronomía, fiestas,parajes,paixajes, cultura,etc). Por ello cuanto se haga por el desarrollo de Galicia será poco, no obstante, internet lo carga el diablo, por lo que conviene que lo que se haga sea serio, contrastado y no llame a engaño…basta echar un vistazo a algunas páginas de ayuntamientos que despistan, más que informan.
    Yo también pido permiso para poner en mi modesto blog recién inaugurado la dirección de esta página.

  9. 7 / Setembro/ 2009

    Manuel son grandes verdades o que dis, mais o minufundio non so esta nas terras senon nas cabezas de moito.
    Espero que esta nova xeración aprenda dos erros do pasado.

  10. Fran
    7 / Setembro/ 2009

    Completamente de acordo coa túa reflexión. Na miña humilde opinión o problema poderiase atacar en dúas frontes: facer que agrome todo ese coñecemento, e facérmolo “visible” para nós mesmos, e logo facer Galicia visible na rede a nivel global. Iso é o que vexo cando lle boto un ollo a http://sweden.se, poñendo por caso. Parabéns polo artigo.

  11. 7 / Setembro/ 2009

    Debo aclarar que a idea do post non é facer unha páxina web nova, senón animar a que se fagan moitas por moita xente que deixa ese coñecemento en soporte analóxico. A cuestión de como ordear eses recursos é posterior e máis complexa.

  12. 8 / Setembro/ 2009

    Graciñas polos teus parabéns! Moita xente laiase de que non haia cartos pra facer certas cousas, mais o que mais magoa da é que non haxa ideas!

  13. Canabal
    8 / Setembro/ 2009

    Non podía estar máis de acordo. O crecente éxito de Magago animará sen dúbida aos homólogos de Manuel a adaptarse aos novos métodos de difusión.

  14. 8 / Setembro/ 2009

    Fran, acabo de ver a web de Suecia e teño que dicir que realmente é flipante o ben montada que está. Está pensada a un nivel global e non só de uso para os turistas. E o deseño resulta un primor, sobre todo cando a comparas cos portais de Turespaña e xa non digamos de Turgalicia, que son unha vergonza polo que teñen de carpetovetónicas. (Por certo, a web de Turgalicia dá lugar a enganos: parece que os títulos son, digamos, interactivos, e logo resulta que o que parecía clicable era unha gran foto que non leva a ningures; e a saber a de cartos que se fundiron niso.)

    Por outra parte, estou completamente de acordo con Manolo en que non se pode, nin se debe, consentir que bisbarras de tanto interés como son O Salnés ou A Ulloa -comarcas que coñezo moi ben e que aconsello visitar- non teñan un referente nin propio nin unificado na rede no que poder dar con toda a información que si está dispoñible en catro bibliotecas públicas. Así que coincido en animar a que todo o mundo a que se deixe de agardar anos para publicar en papel aquilo que é de interese de todos e de utilidade pública e que podería estar xa na rede.

  15. manoel
    8 / Setembro/ 2009

    Efectivamente, pero é que á xente tampouco lle gusta traballar de balde. Eu fago unha web e participo en que haxa informacion sobre o Barbanza, pero….quen me paga ese traballo??? Que traballe quen lle corresponde, e si non o fai…. non o votemos!!! A democracia é así.

  16. 8 / Setembro/ 2009

    O 95% dos libros que se publican sobre historia local son editados sen retribuír nada de diñeiro aos autores, moitas veces porque son edicións institucionais ou con diñeiro institucional de distribución gratuíta ou con custes de cobertura da impresión e outras porque, simplemente, venden uns poucos exemplares. Mesmo vendendo moitísimo -caso de novelas, non de estudos de divulgación- a retribución aos autores é a mínima.

    Do que se trata é de que o autor non se resigne a que o que tanto traballo lle deu localizar quede limitado a repisas de mobles bares e bibliotecas locais e que se anime a subilo á rede. Un bo exemplo é Xesús Antonio Gulías, historiador afeccionado que realiza valiosas achegas sobre castelos desaparecidos da Mitra compostelá. Edítaos (Toxosoutos) e despois fai un blog cos principais datos para que os poida ver todo o mundo:

    http://castelodeoutes.blogspot.com/

  17. 8 / Setembro/ 2009

    Meus parabéns por decir o que dis e tan ben dito.
    É verdade que a investigación, non só a escala local senón incluso galega, publícase laboriosamente (cando é o caso) por voluntariosos AAF (autores autofinanciados, en terminoloxía Umbertoeconiana). Pero un fato de xente xa estamos a tentar desenvolver ferramentas de divulgación na rede e a criar o noso propio espazo vital-virtual. Aínda moi pouco a pouco, pero como ben di, admirado Manuel, a rede e o intercambio libre de información son o camiño.

  18. Rafael
    24 / Setembro/ 2009

    Non sei moi ben como cheguei a esta páxina, pero é o bo da Rede, sobre o comentario no que coincido apuntar que por algunhas zonas xa andamos traballando nesta materia con blogs de investigación e divulgación.
    Podedes coñecernos: http://www.tudensia.blogspot.com
    Estamos abertos ao intercambio e colaboración con outras iniciativas similares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará