O que a pedra ten dentro


Pedrafita do Monte Curuto. Foto: Calros Solla

Este impresionante achado arqueolóxico atopouno o escritor Calros Solla e publicouno no seu blog O embigo do becho (grazas por deixarme reproducir as fotos). Tratábase dunha pedrafita ubicada a mil metros do cumio do monte Curuto, en Cerponzóns (Pontevedra). Un canteiro afeccionado levouna do sitio e púxoa no xardín da súa casa. Se vedes, na foto da esquerda pode apreciarse un enorme serpentiforme que descende polo chanto. A súa cabeza está tapada pola pedra que o canteiro calzou para soster o pedrolo, pero as dimensións son espectaculares. Lembroume ao motivo ofilátrico da Pedra da Serpe, no Castro de Penalba (Campo Lameiro). En si mesmo, isto é un pedazo achado arqueolóxico do quince. Pero o que me impactou máis foi a outra cara do chanto. Nela, o canteiro labrou, hai nada, esta composición: un home dentro dun templete. Podería parecer unha tosca tumba romana dun patricio de provincias, pero está feito no século XXI. É unha homenaxe ao seu sogro. De súpeto, esta peza substraída da súa ubicación orixinal multiplica os seus significado.


Foto: Sole

Acontece o mesmo nestoutro lugar que atopamos. Na aldea de Triáns, en Boiro, preto de Abanqueiro, nunha zona de especial relevancia histórica, dámonos de fronte con esta cabeza ubicada no tellado de uralita dun alboio [localización]. A figura está completada cunha base de cemento. Un adolescente dinos que a fixo o seu avó. Pero a min non me queda claro se o avó a completou co cemento ou a fixo enteira. Non o sei. Os trazos parecen os propios das esculturas guerreiras da cultura castrexa.

O certo é que podería ser feita, tranquilamente, ao longo de dous mil anos, incluso no noso propio presente. Na cultura galega hai unha tendencia ancestral á representación de cabezas. Lembrei o que me dixo humildemente outro canteiro afeccionado de Palmeira, un señor que esculpe fantasías atávicas fermosas no granito (un día temos que facerlle unha boa reportaxe gráfica).

-Eu simplemente saco o que a pedra ten dentro de si.

As lendas do país falan sempre de como os monstros e os seres mitolóxicos se convirten en pedras, como nos illotes de Sagres que levan á illa de Sálvora. Cando este home mo dixo, imaxinei un mundo petrificado no interior das pedras, que só mans sensíbeis son quen de desvelar; a ese mundo granitificado polas maldicións míticas. Cando un canteiro popular bate co cincel no granito, amosa as siluetas dos antigos moradores do mundo.

Sempre o dixen. O noso mundo tradicional está cheo de poesía.

8 Comments

  1. 4 / Setembro/ 2009

    Grazas por agasallarnos co enésimo capítulo do Capítulo 0.

  2. Xabrés da teixeira
    4 / Setembro/ 2009

    Efectivamente, a pedra o mesmo que a madeira, teñen un mundo de imaxes dentro, so fai falla a man que as poña as vistas. Esa man non é unha man calquera.
    A imaxe do alboio, recordame moitísimo a dun guerreiro celta dun castro de Portugal, que agora mesmo non recordo o nome.(Porblema de tentar levalo todo na memoria).
    Sen afirmar nada, coido que pode ser antergo. Fixádevos no que marca o pelo, e nas orellas…… non sei, semellase moito.
    Grazas polo post.

  3. 5 / Setembro/ 2009

    Si, habería que examinar máis en detalle a figura, xa que desde abaixo, co cemento e tal, non é doado. Por exemplo, esa orella non parece moi castrexa, pero o frontal si. En todo caso, ademáis do interese que pode ter a súa antigüidade (moito), paréceme relevante a dúbida que temos neste momento, porque na nosa certeza isto podería ter, cabalmente, só vinte ou trinta anos. E iso tamén é unha pasada.

  4. 7 / Setembro/ 2009

    Conta isto mesmo Galeano em algum dos seus livros: um escultor trabalhava sempre com meninos à sua volta. Um dia enviarom-lhe um grande bloco de mármore para umha estátua de encárrega. Era verám e os meninos forom de férias às praias, às montanhas. Qando voltárom, na entrada do outono, o escultor andava a dar os últimos toques à escultura. E a surpresa do menino mais pequeno foi enorme: E como sabias que dentro da pedra havia um cavalo?, perguntou.

    Penso que o título do continho é “teoria da arte”, “ventana al arte” ou algo assim. Tal qual o canteiro do que falas.

    Por certo, poderias contar en algum post a história das serpes de Sagres?. Ainda andei por aí este verám.

    Obrigada.

  5. 7 / Setembro/ 2009

    Curioso, dedoscomovermes. Si, buscarei unha boa versión da lenda de Sagres e farei un post con ela. Teño pendente unha visita aos illotes que rodean Sálvora e cando vaia prepararemos fotos e todo iso.

  6. Galupin
    5 / Outubro/ 2009

    Sobre a cabeza que está no teito dun alboio en Triñáns…

    Eu paro por alí e os donos da casa dinme que a escultura é obra dun canteiro da zona (creo que do Graso concretamente). Supoño que datará de principios do XX. Era unha especie de firma, como poñerlle o ramo á obra. Cando acababa de facer unha casa, colocáballe nalgún curruncho unha cabeza como esa da foto. Polo visto había máis na contorna, nas casas vellas de pedra e moitas foron desaparecendo ao írense esbandallando as casas. Os desta casa tamén remozaron o edificio, apenas fica nada do vello. Pero eles non quixeron desfacerse da cabeza e conservárona. (Quizais non no mellor emprazamento, pero algo é algo).

    Parabéns polo teu blog e pola túa curiosidade incansable, Manuel. Son seareiro.

    Por certo, que queres dicir con ‘zona de especial relevancia histórica’?

  7. 5 / Outubro/ 2009

    Que bo, Galupín! Agora entendo algo que me comentaran algunha vez ao respecto, sobre que “antes había moitas cabezas” por alí.

    Por “zona de especial relevancia histórica” refírome a que toda esa área da costa boirense é riquísima en arqueoloxía (petróglifos, mundo romano, castrexo) pero tamén en patrimonio (unha chea de cruceiros, varios pazos moi conectados con acontecementos históricos) e por riba unha chea de documentación que fala da explotación comercial do mar (ostras, sardiña) xunto co cultivo tradicional. Unha mina, vaia.

  8. Galupin
    5 / Outubro/ 2009

    Vaia, pois moito me queda por ver, porque moito petroglifo por alí non vin. Vin un este verán que sinalizaron, pero xa perto dos castros de Neixón, xa fóra da ‘península’. Xa me darás referencias se podes porque me interesa moito. Dame pena que moito do patrimonio que poida haber por alí non se respete demasiado. Na mesma aldea de Triñáns onde viches a cabeza, se dás unha volta arredor das casas vellas, verás dinteis de cortellos feitos con anacos de grandes pedras con inscripcións latinas, e moitas barbaridades onde as pegadas do pasado están destrozadas ou recebadas de cemento. Unha pena…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará