Alma Atlántica, a liña de viños casual de Martín Códax

Onte asistín á presentación social en Santiago de Alma Atlántica, a nova proposta da liña de viños de Martín Códax, na Bodeguilla de San Lázaro; degustamos os caldos coa banda sonora dun trío de jazz que cambiaba o repertorio para, en teoría, axeitalo ao tipo de viño. Os Alma Atlántica son tres viños procedentes de diferentes denominacións de orixe galegas, e con cadansúa personalidade, que se humaniza nos nomes e na descrición de cada produto: está o Mara Martín, un godello de Monterrei (sobre lías, certa persistencia en boca pero un tanto plano de sabor), o Anxo Martín, un Rosal con albariño, caíño e loureira (cun nariz estupendo, como unha bomba de froitas frescas coma o melocotón, pero curto no trago) e o Alba Martín, un albariño do Salnés (o mellor con diferencia, máis estruturado, con notas minerais e o cítrico que caracteriza a este varietal no sur da Arousa, acidez atemperada).

O que fai peculiar a esta liña é o concepto de deseño e marketing que está detrás, non moi habitual nas adegas galegas. Claramente, está orientado a un público novo, de postvintañeiros e trintañeiros con vida social. A un consumo casual, para consumidores non moi entendidos aos que lles apetece disfrutar dunha copa doada nun ambiente de conversa e encontro social, como festas ou encontros. A min paréceme moi ben que en Galicia se aposte tamén por viños así, caldos de consumo doado e apetecible, para un público que se agarda máis amplo do habitual, aínda que me gustaría que ese godello fose algo máis godello e o Rosal tivera algo máis de persistencia. Creo que un tipo de viño sempre tira polo outro e, nestes momentos, apostar por chegar a determinados públicos é unha boa idea.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará