Máis brancos na Ribeira Sacra!

Se fuches algunha vez ao restaurante Yayo Daporta, en Cambados, xa sabes como vai. A carta de viños do restaurante é a súa propia adega climatizada: unha caixa de cristal na que te metes antes de comer e escolles directamente o viño que che apeteza probar. Nós escollimos un viño do que non tiña demasiadas referencias, un godello Alma Larga 06 da adega Pena das Donas, na Ribeira Sacra (máis coñecida sobre todo polo seu tinto mencía, o Verdes Matas, que ten unha boa distribución por Galicia).

O Alma Larga, mesmo dunha anada xa respectable (2006) para un branco non concebido para envellecer, revelouse como un viño excepcional, con corpo, glicérico, untuoso e moi goloso, como un caldo que fose un auténtico luxo. Nota: se o tomas, non o enfríes demasiado, déixao lixeiramente fresco. A gama aromática e de sabor vai saír moito máis.

E esa é unha cuestión importante na Ribeira Sacra. Os seus adegueiros, temerosos de competir nun mercado, o do branco, dominado pola D.O. Rías Baixas e o Ribeiro, e un mercado do tinto conquistado polas denominacións castelás e rioxanas, buscaron o seu espazo na uva mencía e deixaron atrás as posibilidades dos brancos. E na Ribeira Sacra teño tomado brancos excepcionais, con godello, con treixadura, con albariño: monovarietais e en atrevidos coupages. E moitas veces, cando están feitos con cariño e técnica, aparece toda unha personalidade definida, con suxeitos de corpo suxerente, verbos florais e predicados de longa expresión na boca, que deixan notas suaves no padal. Froitas de óso, froita madura, pouco cítrico e moita mazá, ás veces coa mineralidade do xisto aí por debaixo. Teño a percepción de que dun esforzo serio en brancos nesas encostas de Amandi e no resto das ladeiras da denominación aparecerían caldos fantásticos que nin nos imaxinamos.

One Comment

  1. Cesar
    23 / Agosto/ 2009

    Penso que os refrás vellos (pido disculpas polo galego, estou a faer un esforzo)fixeron-lle moito dano o viño branco..”o branco e branco e o tinto e vinho.”
    Pero xa fai tempo que topo pracer nos brancos..(sobre todo si non os alexan da mesa..)
    Espero ese comentario a aquel feito de alexar o viño.
    Cesar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará