Importante achado arqueolóxico na ampliación da estrada a Laxe

Atención: se te interesa o patrimonio e a arqueoloxía en Galicia isto é importante. As obras de ampliación da estrada AC-433 a Laxe acaban de revelar un achado fascinante. Creo que esta é a primeira vez que se ve en público.


Entrada monumental ao castro de Castrelo. Fotos: Sole

Na altura do lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto (Laxe), os arqueólogos encargados de facer unha prospección valorativa no trazado da ampliación da estrada AC-433 acaban de localizar unha porta monumental de entrada a un xacemento castrexo da segunda Idade do Ferro [localización].

A escavación, entre varias casas da aldea, amosa un gran muro, dun ancho superior a tres metros, e unha gran entrada de carácter monumental, similares á do próximo Castro de Borneiro ou ao de Elviña, con grandes laxes que cubren o seu chan.


Laxes cubrindo o chan da entrada monumental


O ancho da muralla pode superar os 3 ou 4 metros

Na zona interior poden verse, se cadra, os inicios dun corpo de garda. Trátase dun achado moi importante, nada habitual nas escavacións do mundo castrexo en Galicia. A muralla ten un escalonado característico, que está a aparecer nas últimas escavacións da Idade do Ferro en Galicia, pero creo que deste tipo de murallas aínda se sabe pouco. Tras del, un castro cunha interesante configuración de plataformas e parapetos está acochado baixo un pinar. Pero este espazo monumental, ubicado no medio dunha aldea actual parece indicar que o xacemento de Castrelo é especialmente valioso. E, sen dúbida, é un dos achados máis relevantes desta campaña arqueolóxica de verán en Galicia. Non puiden falar cos arqueólogos, xa que fun en fin de semana, pero sería interesante coñecer que atoparon nestas ruínas.


Porta tapiada (coloreada dixitalmente)


Posible porta tapiada ou derrube (coloreada dixitalmente)

Pero hai máis: o achado complétase cun intrigante detalle curioso que, cando menos, se produce nunha ocasión nesta escavación. Ao carón da entrada monumental, á súa esquerda, advírtese unha segunda porta, pero tapiada. Na foto está coloreada dixitalmente para que a poidas apreciar. E uns metros máis ao norte, como ves nestoutra foto, tamén podería haber outra porta tapiada. ¿Por que? Un misterio. Trátase de algo rarísimo, excepcional, no mundo dos castros.

E agora vén o tomate. Resulta que isto está no medio do paso da ampliación da estrada comarcal. Unha estrada que xa están a construír e para a que están a levantar o monte próximo. Aínda que a Consellería de Cultura asegurou a La Voz de Galicia que o trazado da estrada non vai pasar por aí (aínda que foron os veciños os que deron o aviso), que queredes que vos diga. Se un está alí pode ver como a liña da estrada pasa en liña recta desde os desmontes do norte, tumbando a entrada monumental do castro e seguindo para a aldea da Torre, porque do contrario ou tira algunhas casas da aldea ou dá unha volta do demo. Espero estar confundido na miña suspicacia. Se así é, e como se comprometeu Patrimonio, os restos fican protexidos, benvido sexa.

Eu, polo de contado, acábolle de mandar unha ligazón deste post a varios medios e ao concello de Laxe porque, agás que eu me trabuque, aínda non se publicou información de tan importante descubrimento e é unha mágoa que unha escavación, uns resultados e unhas obras que custaron tanto diñeiro público non sexan coñecidos polos cidadáns que as pagaron. Eu recomendaría que pasarades por aí con rapidez, non vaia ser o demo. Aquí está a [localización]. Respectade a área de escavación, se ides.

17 Comments

  1. lapatianco
    18 / Agosto/ 2009

    Esto vai permitir que vexamos como “respira” a nova Xunta neste eido. Se volvemos ós tempos “escuros” da arqueoloxía dos anos do fraguismo, ou se acaba de apostar por valorizar o noso patrimonio.

  2. 18 / Agosto/ 2009

    Si, xa as ligara no post cando o publiquei. Foi o único que atopei na procura de algo de documentación sobre o achado. Mira no penúltimo parágrafo.

  3. 18 / Agosto/ 2009

    Naquel momento (febreiro) só se fixeran unhas catas valorativas, como se ve na foto. O gordo, a escavación en área e todo o que está dentro dela, apareceu nos últimos meses, despois desas noticias.

  4. 18 / Agosto/ 2009

    A todo isto, enviei unha mensaxe de aviso ao concello e aos grupos da corporación, a partir dos correos que se indican no web oficial do concello. Todos viñeron de volta, como non existentes ou cheos. Momento Sociedade da Información en Galicia.

  5. r.r.
    18 / Agosto/ 2009

    ¡Ah, pois non o vira! :-S

    Si, vese que nos asuntos tecnolóxicos están en todo. Lémbrame a outros ámbitos como a Xustiza, nos que seguen cos papeis dun xulgado para outro como no século XIX. É dicir, que haberá que mandar carta…

  6. 18 / Agosto/ 2009

    Tampoco sabía nada de este tema. Esperemos que no le pase lo mismo que al castro da Atalaia.
    Sólo una aclaración. No es nada “rarísimo ni excepcional en el mundo de los castros” que aparezcan puertas “tapiadas”. La propia puerta monumental de Elviña que mencionas (digo la nueva, no la localizada en los años 40) sufre varias modificaciones a lo largo del tiempo. Los torreones no forman parte de su configuración original y en un momento dado, tanto la puerta como la calzada en cuesta enlosada se ciegan con un potente derrumbre de piedras y arcilla. Al menos allí aparece mezclado con material del siglo I d.C. (Boletín dos Amigos do Arqueolóxico de Coruña, 2005, nº 10: 22).
    Un saludo

  7. 18 / Agosto/ 2009

    Grazas pola apreciación, Bea! Un asunto interesante, o da evolución e construción dos castros ao longo do tempo. Habitualmente, tendemos a velos como unha “fotografía estática” no tempo, como se non mudaran. E non reparamos en que moitas veces son poboados que tiveron séculos de historia viva antes de seren abandonados.

  8. 18 / Agosto/ 2009

    Efectivamente, eu non atopei a nova da Voz senón Magago.
    Parabéns polo artigo! Nin eu nin ninguén sabiamos por que a ese lugariño lle chaman Castrelos.

  9. Cristina
    19 / Agosto/ 2009

    Ola que tal? Estiven mirando pero non atopei nada en relación ao grupo de escavación. Son estudante de Historia e estaba interesada no tema. Se por favor coñece algunha maneira de pórse en contacto cos directores da escavación estaríalle tremendamente agradecida. Un saúdo!

  10. 19 / Agosto/ 2009

    Cristina, se non me equivoco, o traballo lévao unha empresa chamada Arqueoloxía do Noroeste:

    http://arqueonor.net/

  11. laxense
    21 / Agosto/ 2009

    hola a todos!!!

    eu estou preocupadisimo que pase a carretera cerca.iso non se pode permitir por que e un achadego importantisimo. a ver a xunta que coño fai, por que hai que escavar e sacar todo a luz, por que non e patrimonio noso, dos de laxe, senon de todos os galego

    moitas grazas e segide asi

  12. Un
    31 / Xaneiro/ 2012

    E que foi disto? Vai haber que ir por Soesto un día destes…

  13. Elixio Vieites
    12 / Febreiro/ 2013

    O Castro de Castrelo no pxom de outubto de 2009 do Concello de Laxe
    (ver a páxinas 20 21 e 22). Polo menos xa está visible na documentación.
    http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/mapes/LAXE/documents/27189CA132.pdf .
    Eu andaba buscando o castro de Lourido, e tamén está, pero este é moito más grande. (parte superior do mapa esquina dereita). O outro evidentemente en Castrelos a escasos 1600 m. parte de abaixo esquerda)
    Plano de pendentes Lidar da Zona
    http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0043A-0507.pdf

  14. 6 / Novembro/ 2014

    Onte falei co xefe da obra que está facendo a carreteira e efectivamente vai pasar por encima do camiño con laixas que vai ata a entrada do castro (según teño entendido o único en Galicia con este tipo de entrada enlaixada), as obras empezaron este luns, e se nadie para esto en breve a porta de entrada ó castro será sepultada baixo a carreteira, esto e información de primeira man (o xefe da obra) El mesmo me dixo que a solución máis sinxela e máis coherente sería que a carreteira seguira polo trazado actual, que non perxudica a nadie e ten ancho de sobra para as características da carreteira que se pretende construir pero que non sabe por que intereses políticos se insiste en pasar por riba do castro, os arqueólogos que agora mesmo están traballando alí tampouco o entenden. Ós da Xunta impórtalles un pimiento.

  15. […] imaxe foi tomada de Capítulo 0 do Manuel Gago, que foi o primeiro que dou a nova. Nesta ligazón atoparedes máis cumprida […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará