Restaurante Pazo Lagar, en Vilaxoán: unha tradición recuperada

Chegamos ao Pazo Lagar [T: 986 506 874 / localización], un restaurante ubicado nos baixos do impresionante Pazo de Sobrán, en Vilaxoán, seguindo o rastro das Querrechas, Ana e Concha, as lendarias dúas irmás que durante os setenta e oitenta fixeron deste lugar unha referencia da cociña galega. As Querrechas instalaran o restaurante nos baixos do pazo porque eran as donas desta casona con orixe no século XI que, posteriormente, pertenceu ao fundador de Vilaxoán, no XIV. Nunha máis que insólita circunstancia en Galicia, as señoras tornábanse en cociñeiras e dos seus fogóns saíron empanadas sonadas e uns fideos con ameixas que seica eran memorables. Pero as Querrechas -ás que chamaban así porque eran pequerrechas– xubiláronse e o restaurante pechou hai cinco anos.

Pero no 2007, dous sobriños farmacéuticos colleron as rendas do negocio e volveron abrir as portas. Hai algunhas cousas que seguen aí: o impresionante xardín do pazo, o enorme lagar dun dos comedores. Outras, coma os fideos con ameixas, para a miña mágoa desapareceron. O que hoxe hai aí é unha oferta moi baseada no mar, de aire clasicista, de cociña tradicional galega con toques do recetario burgués, para aqueles que gosten dos sabores esenciais da cociña galega. Tras unha boa empanada, xentileza da casa, chegaron un par de entrantes abundantes pero un tanto excesivos (a ensalada morna de vieiras era un totum revolutum de ingredientes, o revolto de ourizos con queixo tetilla eran esencialmente queixo, se ides dous eu recomendo que pidades só un entrante), probamos un excelente arroz caldoso con rape que todos os amantes destes grandes arroces con peixes e mariscos non se deberan perder. Todos os postres son da casa: non dimos chegado a eles pero tiñan unha pinta excelente.

A adega, algo limitada -algo difícil de comprender no caso dos albariños-, pero a prezos razoables. Cunha botella de albariño, a cousa saíunos en 35 euros por cabeza. Ben, tendo en conta o marco e o lugar. Volveremos cando nos apeteza abundancia, un bo arroz, un bo peixe e elaboracións tradicionais coidadas e con sabiduría.

2 Comments

  1. 14 / Agosto/ 2009

    Eu vivin os cambios de humor (míticos) das Querrechas alá polos 80 ou pode que primeiros 90. Pero recordo un soufflé xeada que se fambeaba na mesa de proporcións mastodónticas e que recordo como todo un espectáculo.

  2. ldt
    10 / Maio/ 2011

    Dende que escribiches isto o pazo ha sufrido notables cambios, e a o meu parecer para ben, a gerencia ha cambiado de novo e agora e regentado por dous rapaces que lle aportan o sitio unha pizca de esperanza de voltar a aqueles tempos dorados; A atencion e boa, deixandose entremezclar a pasion dos camareiros cun toque de familiariadade que tanto se botaba de menos dende as querrechas, no que se refire os viños acantidade de referencias sigue a ser algo escasa, pero a calidade ha subido notoriamente, han pasado dos “viños de semprre” a apostar por viños de autor de unha gran calidade, e polo que dicia o camareiro e que a carta este en continuo movemento poñendo e quitando referencias segun a calidade do ano. No que se refire a comida, solo podo facervos unha recomenda, ide e probadea.Poderia falarbos dos curiosos entrantes o do maravilloso pato que tomin, pero seguramente en todo o que diga me quedaria curto.
    A pasion destes dous mozos darnos mais dunha grata sorpresa, e entre outras a de en veran poder comer diante de ese maravilloso horreo que teñen que para os que nos gusta deleitarnos cun cigarriño despois da comida e de agradecer o de que algun restaurante pense en nos, e mais coas vistas que ofrece este xardin.

    ahi che queda a recomendacion de que o probes eu pola miña parte segirei indo a ver con que me sorprenden porque segun o que falaban teñen mais dun as debaixo da manga

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará