De cando os mouros deron de comer aos desherdados do Barbanza


O outeiro do Castelo de Vitres. Fotos: Sole

Esta fin de semana enfiei máis unha historia alucinante; dela tiña relatos dispersos, pero agora comezou a escribirse con trazas de novela fantástica. Nela, a lenda mestúrase, na desesperación, coa realidade. Vouvos falar dela e do lugar protagonista: Vitres.

O Castelo de Vitres [localización], no concello de Boiro, pendurado como unha aguia sobre a ría de Arousa alí onde comeza a caer a Serra do Barbanza, é un lugar sorprendente. Ata o castelo sube un camiño, máis ou menos á altura da aldea de Mosquete, coñecido popularmente como a “calzada romana”. Quen así etiqueta este camiño afírmao coa mesma ausencia de probas que aqueles que negan tal orixe, se ben é certo que hai constancia oral de que o camiño -como todos os camiños usados neste país- foi reparado comunalmente no século pasado. Esta misteriosa vía ascende maxestuosa ata os chans da serra, entre penedas de granito e lugares nos que se segue a construír a lenda aínda hoxe. Ao separarse un chisco do camiño, verás un estreito canón que encaixa o rego do Batán, o río salta nunha fervenza e na parede contraria, invisible para quen non vaia prevenido, unha cruz branca camuflada entre as penedas. Alí se refuxiou, aterecido, o neno Manoliño Brión antes de morrer no ano 94, mentres o buscaban as familias, os pastores, os gandeiros da serra e ducias de voluntarios e efectivos da Garda Civil e outros corpos. É a proba de que a serra, aínda no mundo moderno, é un lugar perigoso.

Ao subirmos máis enriba, a calzada decide aforrar ben de tempo. Fendendo penedías, creando grandes terrapléns, crea enormes cóbados que permiten colocarse en Vitres en moito menos tempo do habitual nas ascensións.


Aquí podemos ver como as penedías foron fendidas para manter o ancho da calzada

Por alí han de estar as pegadas das Mouras, petróglifos podomorfos que eu vin algunha vez e os meus ollos agora non dan atopado (e non queren pensar que estaban alí onde un cabestro provisto de martelo hidráulico fixo unha brutal picada na pedra), e que o meu irmán coméntame que están aquí. Fixéronos as mouras, afirman as vellas, mentras subían ao Castelo cunha pedra na cabeza e facendo filloas na outra nunha tixola. Ao final, aparece o castelo.


As cabras de Josefa de Mosquete sempre suben ata os penedos próximos ao Castelo

Alí hai tella, restos de edificacións, mesmo hai unha pedra labrada, ben estraña e curiosa, no que están as muescas de pousar cinco dedos dunha man, como acontece no Pórtico da Gloria. Obsérvase o asento da torre, os muros caídos. E ao subires, o vento comeza a zoar queréndote levar aos abismos que rodean a penedía. Teño vido moito a Vitres, durante a miña adolescencia, nunha longa camiñada desde a Pobra do Caramiñal. Nos abrigos descubriamos ostras e mexilóns dos que alí viviran. ¿Quen vivira? A tradición oral culta situaba aquí, ao carón da calzada, un destacamento da Legio VII Victrix, a Victoriosa, que tiña a cargo a Gallaecia. Quen sabe. O que hoxe se ve parece medieval, pero lévanos a un tempo case inédito en Galicia, onde remata o Imperio, ascende e cae o reino suevo, os árabes desmontan o reino visigodo e Galicia vive en silencio. Pero a historia lexionaria é chamativa, novelesca, sorprendente. Gustábame tamén a conexión cos míticos chans do Barbanza, os nosos Highlands: vía unha torre na escuridade, no inverno, azoutada polo vento, unha torre que esconde un segredo ou a alguén que o leva consigo, rodeada por lobos salvaxes que xorden, pola noite, das mámoas próximas.


Josefa de Mosquete cóntanos as historias de Vitres

Moitas historias rodean a Vitres, onde a lenda alimenta a realidade e viceversa. Na posguerra, este camiño subíano greas de desesperados, homes e mulleres sen terra de seu no Barbanza, xentes de extracción mariñeira sen barco co que vivir. Josefa, labrega vella de Mosquete, que vive na aldea por riba dunha grade de ouro que un día as patas das cabras desencantarán, falounos deles. No alto dos chans, por riba do rego do Batán, ao redor do monte Meán, no Campo dos Gregos, no rego de Marcelei, antes das Brañas de Leis, os pobres máis pobres da posguerra do Barbanza subían a procuraren o que a terra podía dar e non era de ninguén. Eles sachaban para buscaren estaño, e botaban o extraído no río. As mulleres, máis abaixo, peneiraban o material, na procura destas frangullas brillantes que habían dar para vivir, con técnicas simples e milenarias. Josefa dinos que eles, os de Mosquete, non subían, “nós eramos labradores”, ou sexa, que tiñan pan que botar á boca e un porco no baño de sal. Lembrei nese momento a Juana, a comadre da miña avoa, co seu home e varios fillos por criar, naqueles escuros anos. Lembrei o que nos contara Juana:

-Meu home ía traballar ao castelo de Vitres, a procurar no mineral que sacaran os mouros e que alá volveu aparecer.

Na escura posguerra, os mouros montañeses deste castelo concedéronlles unha esperanza para sobrevivir aos desherdados da ribeira. Non é a única historia que escoito no que o Outro Mundo apoia a este, o noso, neses duros anos 40 aquí coñecidos coma o Tempo da Fame. Noutros lugares do Barbanza, como a aldea de O Castelo, aos pés o castelo de Burleu, os misteriosos veciños que vivían “baixo unha bóveda dourada” nas profundidades do monte, deran a unha pastorciña unha bandexa “de ouro” chea de comida, “que nunca se baleiraba” para que aqueles veciños, orfos, viúvas, tísicos, neumoníticos, feridos de guerra, sobreviviran aos tempos das tebras. Ao escoitarlle a Josefa de Mosquete como eses mineiros de Vitres eran os máis pobres da posguerra sentín unha forte emoción: como a fantasía pode chegar a meterse nos soños dos pobres e desgraciados do mundo.

12 Comments

  1. Xabrés da teixeira
    10 / Agosto/ 2009

    Unha entrada digna de MaGaGo. Cada vez que vexo algo da zona do Barbanza relatado por voçe, neste blog, sobre as cousas dos nosos antergos, faltame tempo para lelos.
    Teño un pequeno problema: fago a intención de visitar todos os lugares que dis, mais xa non sei se serei capaz. Tentaremolo, polo menos.
    Coido que os antepasados da zona estarán contentos, por teren alguén que fale deles.
    Apertas.

  2. MJ Méijome
    10 / Agosto/ 2009

    Mire que me gusta o Barbanza, pero con cada perliña de sabiduría sua… A finais desta semana tentarei subir a Vitres que xa me meteu vostede o bicho.

    Saúdos.

  3. 10 / Agosto/ 2009

    Moitas grazas, señores, alégrome de que lles guste.

    Méijome, voulle dicir un truco, porque coller a calzada non é cousa doada. Metín no mapa a indicación de como acceder, un pouco antes de Mosquete, porque senón é un cacao. Tamén ten as indicacións para localizar o podomorfo, as “pegadas das mouras”.

    http://maps.google.es/maps/ms?ie=UTF8&hl=es&oe=UTF8&num=200&start=396&msa=0&msid=116032577529155518220.00000111d78e2747569d4&ll=42.662841,-8.917937&spn=0.012813,0.037336&t=h&z=15

  4. 12 / Agosto/ 2009

    Vos conocin grazas a certo.es en hora boa excelente traballo sobre todo e experiencia vivida, vos felicito, fotos maravillosas todo excelente saudos http://www.ribeira.eu

  5. MJ Méijome
    15 / Agosto/ 2009

    Obrigado, non puido ser desta pero queda apuntado para a próxima visita.

  6. edoarado
    26 / Agosto/ 2009

    Soy suscriptor de tu blog desde hace ya tiempo. Más de uno de tus artículos han dado lugar a interesantes excursiones pero nunca había agradecido tu labor, ahora me redimo y te doy gracias por ese trabajo de divulgación que para muchos es de descubrimiento de pequeñas joyas, como este caso.

    Saludos

  7. 26 / Agosto/ 2009

    Grazas, edoarado. Alégrame de que te gustara. Para min é unha auténtica alegría que Capítulo 0 sirva para que a xente poida coñecer esa parte de atrás, menos coñecida pero non menos chula, de Galicia.

    E tamén me gusta moito que, a través de Capítulo 0, outra xente me axude a min a descubrir os seus tesouros locais.

  8. danielo
    16 / Marzo/ 2010

    Impresionante o sitio, aínda que só sexa polas vistas sobre TODA a ría.

  9. miguel
    16 / Agosto/ 2010

    Esta fin de semana ardeu o Castelo de Vitres; tamen uns centos de hectareas mais do Barbanza no concello de Boiro; o domingo pola tarde, na Graña habia unha exibicion cabalar, con carreiras de burros(sic) e todo, varios centos de persoas e centos de vehiculos que colapsaban a estrada, deixando bloqueada a UME, que viña dende o outro lado do Iroite da carretera de Noia, cando a pouco mais cincocentos metros unha motobomba do concello de Boiro con dous operarios axudaba a unha humilde vivenda que hai na entrada das aldeas da Figueira e Sabugueira…, e a menos de un quilometro, un convoy cuns douscentos homes e uns 20 vehiculos, motobombas e transportes, bloqueados pola rapa das bestas… surrealista. E esa misma noite (onte) houbo festa en Posmarcos, non faltou ninguen, vamos, estou seguro. Hoxe xa queda pouco por arder; merecemonos todo o que nos pase.

  10. artabris
    19 / Agosto/ 2010

    non dou entendido a falta de movilización que hai dentro da nosa sociedade, non sei se é apatía, se é egoismo, se é ignorancia, pero o caso é Manuel, que a frase coa que rematas o teu comentario estase a oír cada vez máis, merecemos o que pasa, oxalá non fose así!

  11. artabris
    19 / Agosto/ 2010

    por certo acabo de copiar o teu texto, mágoa que non estivera hai 2 mesiños! que había de botar man del para o traballo de investigación do Terceiro Ciclo! se ti mo permitías claro! se atopas algo máis sobro o Sn… compárteo con nós eh!

    Como comentario, engadir que así pasa pola miña zona, aínda que sin a lenda das Mouras, o comentario da señora é cuspidiño ao que escoitei na miña casa, ían ao mineral os que non tiñan onde sachar… que cantidade de recursos temos e que mal aproveitados están!e cando se aproveitan parece que se fai sen ningún tipo de limitacións, que cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará