Restaurante Shis, no Porto: elegancia e alento cosmopolita na Foz do Douro


O Shis na Praia de Ourigo. Ao fondo, dereita, o Faro da Foz do Douro. Fotos: Sole

O novo -abriuse no 2007- Restaurante Shis, no Porto, xusto na corna norte da Foz do Douro [T: +351 22 6189593 / localización] é todo un prodixio de elegancia e sutileza. Decorado por Antonio Lobo e co chef Antonio Vieira na dirección gastronómica, é un destes lugares dos que sabes que te vas lembrar sempre.

Ubicado na esplanada do Castelo, desde a rúa non ves o restaurante, senón tres bandeiras co emblema do establecemento. De alí, baixas entre madeira escura ata o restaurante, montado con ese mesmo material practicamente sobre as pedras da Praia do Ourigo. A fortísima oleaxe, os ventos norte que caracterizan a Foz do Douro rompen contra a estrutura de cristal que protexe aos comensais das inclemencias. Este proxecto ten tres partes: un lounge, pensado para o picoteo informal e o disfrute dos días de sol na praia, a esplanada, que é a terraza do restaurante, e o interior do local, propiamente dito; o Shis é unha estrutura en branco -no interior- cunha barra para ver os sushimen e enormes ventanais nos que se aprecian as lapas brancas de escuma do mar sobre ti.

Chegamos a unha hora insólita, ás 9, para ver o solpor desde a esplanada. O Shis combina dúas cartas ben diferentes: unha xaponesa e outra portuguesa de fusión internacional. A maior parte da xente alterna as dúas. De feito, eu recomendaría comezar por un bo mix de sushi e sashimi, de 18 e 22 pezas, e despois continuar con algúns dos fermosos pratos da carta. Nós probamos tamén as saborosas tempuras, uns magníicos ravioli xaponeses de polo, pero daban gañas de comer a carta enteira.

Mentres se abre unha botella de Quinta do Crasto 07, un branco afrutado do Douro, con esa rememoración mineral que acompaña a todos os viños deses socalcos míticos, o sol vaise poñendo, enorme e místico, entre as ondas. Na esplanada, cos fogóns, cos cortinóns, sentímonos protexidos do ventarrón. O servizo móvese rítmico, meticuloso, e o comedor está cheo a rebentar de xente guapa do Porto. Circulan os viños por todas partes. A luz é tenue, dan gañas de sentar e acougar para sempre. Soa música electrónica do fondo.

Comemos sushi de froitas, un magnífico atún, unha sorte de escabeche dun peixe que non din identificado, un bo sashimi. Parte do sushi chega morno (se llo ofrecen deben probalo de primeiras), un absoluto vicio. De poste, un apfelstrudel, unha crema queimada con xeado cun pouco de Tawny para facerlle homenaxe ao lugar. Os gins e a longa conversa chegan no lounge, xa co son do mar prendendo por todas as orellas.


O lounge do Shis

Sabedes que ten este lugar? Que é un lugar para quererse. Un lugar único, de cociña zen, de cociña do luxo colonial; unha cociña para viaxeiros melancólicos. Fichádeo para emocionar a alguén nun momento especial e deixalo emocionado, lentamente, coa elegancia deste lugar, coa sensibilidade dos seus pratos, coa calidez da súa luz relaxada na noite. Con viño, postres, sobremesas, pratos, saiunos en 45 euros por cabeza. A ampla carta de viños é de notable alto, cando menos.

Truco 1: Cómpre chamar uns días antes para reservar. Se calculades que está bo tempo, reservade para a Esplanada (a terraza) e pedide espresamente algunha mesiña ao carón do cristal do mar. Non te preocupes polo frío. A partir das 21:30, os braseiros na Esplanada xa están a pleno rendemento e o teito está protexido. Senón, non interior. E facede o mesmo. Ese Atlántico do Douro é hipnótico. Fermoso.

7 Comments

  1. Nuno
    28 / Xullo/ 2009

    Grande Manel. Que linda descrição! Foi um prazer ter-vos por cá aos 2!
    Abraço,
    Nuno

  2. 28 / Xullo/ 2009

    Nese local non estaba antes o Praia do Ourigo? é o mesmo ou diferente?. Tamén na Foz están o Cafeína (informal, primeira copa) e o Oriental xusto ao fronte, a primeira vez que fun (hai uns 6 anos) encantoume por decoración e comida, logo perdeu algo.
    Haberá que volver pola Vila do Porto no vindeiro outono.

  3. 28 / Xullo/ 2009

    Grazas a ti, Nuno, por tan agradábel noite.

    Nico, efectivamente, ese local era o anterior Praia de Ourigo. A punta da Foz do Douro é un tremendo territorio gastronómico. Están os que mencionas e tamén o Foz Velha, valorado por moitos como, tamén, un dos mellores restaurantes do Porto. Falarei del mañá ou pasado.

  4. 28 / Xullo/ 2009

    Apuntado queda!!!!! Preciosas fotos.

  5. 30 / Xullo/ 2009

    Impresionante lugar; va a merecer una visita.

    Saludos,

  6. Miguel Caramés
    30 / Agosto/ 2010

    Obrigado Manuel, estiven esta fin de semana en Portugal e escollín a cea do sábado neste lugar grazas a ti. Totalmente entusiasmado e ademais cos prezos moi contidos. Grazas de verdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará