A Xunta fará un “diagnóstico” gastronómico de Galicia


Na rolda de prensa posterior á xuntanza: Rafael Ansón, Enrique Ruiz de Lera, Carmen Pardo e David Massip. Foto: Sole

Semella que o 2009-2010 vai ser un ano moi decisivo porque os gobernos, tanto estatais como autonómicos, van comezar a deseñar políticas vinculadas á gastronomía por primeira vez, da man estreita do turismo e como xeito de “desestacionalizar” a oferta. Puidémolo saber hoxe en Santiago, onde no Hostal se celebraba a segunda reunión preparatoria do Congreso Europeo de Turismo e Gastronomía, que se celebrará en abril do 2010 en Madrid, coincidindo coa presidencia española da UE.

Este venres o Consello de Ministros aprobará un plan específico de Turismo e Gastronomía de 7 millóns destinado a 20 países do exterior, e investirá certo diñeiro en programar a celebración dun gran congreso europeo sobre Turismo e Gastronomía durante a Presidencia española da UE. Pregunteille a Ruiz de Lera, voceiro na xuntanza de Turespaña, polos contidos que se debaterán nese evento tan institucional, que marcará unha “folla de ruta” nas políticas de turismo e gastronomía do Estado. Lera aludiu aos problemas do sector de cara o exterior: mailia a sona dalgúns chef triestrelados, a gastronomía española é moi pouco visible, “infrarrepresentada” no exterior, e para compensalo achegou a idea de crear unha “rede de restaurantes españois no estranxeiro”. Lera insistiu tamén na necesidade de traballar na formación, e de institucionalizar un programa de “stages” para cociñeiros e estudantes con chefs de sona no estranxeiro. Lera indicou que se buscará coordinar a “caótica xungla da promoción” gastronómica e turística.

A visión galega

Chamáronme a atención os anuncios da Secretaria Xeral para o Turismo, Carmen Pardo, toda vez que debía ser unha das primeiras veces que se producían anuncios da estratexia institucional galega nestes temas do xantar e do beber. Pardo concedeu moita importancia ao deseño de “rutas enogastronómicas”, que vinculasen as festas gastronómicas de exaltación cos recursos turísticos (fixo alusións reiteradas ás “festas gastronómicas” durante a súa intervención), e tamén falou dun plan específico de promoción das “especialidades locais”. Pero o que máis me chamou a atención foi o anuncio dun proxecto: “a elaboración dun diagnóstico actual da gastronomía galega”. Segundo a Secretaria, este diagnóstico centrarase na análise de zonas, de festas gastronómicas, etc. Quería pedirlle a Carmen Pardo máis información sobre este “diagnóstico”, os seus ámbitos de análise e a aplicación, pero tivo que marchar á metade da rolda de prensa. Polo de agora, aí queda o anuncio; non é unha noticia menor, xa que unha vez realizado podería marcar os pasos do Goberno nestes ámbitos.

3 Comments

  1. 23 / Xullo/ 2009

    Hooooooooooola !

    Non me deu tempo a saudarte ! A ti nin a Soledad !
    A verdade, e que sin a barba no te recoñecín na primeira ollada
    Así q aquí vos deixo hola máis unha aperta ;))

    (A ver q sae deste proxecto…. quédanos moito camiño por recorrer)

  2. 23 / Xullo/ 2009

    “Ánson” in the primer plano?????? Miedo me da. Ahí hay pasta……..

  3. 23 / Xullo/ 2009

    Normal, María, non me coñezo nin eu… agardo que esa situación se solucione en breve… :-)

    Pingue, podes percibir o interese das súas palabras no texto deste post.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará