Máis tapas do Santiago (é)Tapas que debes probar (e 2)


Fotos: Santiago (é)Tapas.

Pois aquí continuamos dándolle duramente ás tapas de Santiago (é)Tapas. Como prometín, aquí vai unha segunda (e última) entrega das tapas que me resultaron máis ricas do certame de tapas de Santiago. Nas fotos que vedes enriba, no sentido das agullas do reloxo, están algunhas das imprescindíbeis: Papada de porco, cigaliña e limón, unha delicatessen por 1,80 da que quedas con gañas de máis e que se pode probar na Tafona do Peregrino. Despois están a empanada aberta de xardas escabechadas, do Garum, que está francamente ben, e tamén do Garum o Cubo crocante de atún con marmelada de tomate á vainilla, que xa verás como te recorda ao día de festa na zona dos chiringuitos, a nubes e garrapiñadas. A Torrada de Pucheiro do Catro (inicio da rúa de San Pedro) é outro must. Puro sabor a xantar de domingo na casa da aldea.

Pero é que hai máis. Da outra banda da cidade, moi recomendábeis as tres tapas que se sirven no Madam Ragú. Por quedarme con dúas, serán con este bacallau marabillau, fresquísimo prato de verán, e as albondigas de sardiñas, unha marabilla do uso das especias e o peixe azul. ¿E de postre? No Casal do Cabildo, na rúa de San Pedro, sirven un delicioso final de tapeo. Esa améndoa, chocolate e laranxa. E se alguén lle apetece gañas de aventurarse algo máis, ten que achegarse a curiosear a novísima Quinta da Auga, un luxoso hotel de encanto con spa aberto na antiga papeleira de Brandía hai un mes. Alí sirven un bacallau en codia de broa dun gran nivel. E podedes flipar coa marabillosa terraza e toda a reforma do conxunto.

Aproveitade estes últimos días de Santiago (é)Tapas. Este ano subiu o nivel medio e a verdade é que hai uns cantos pratiños que paga a pena compartir cos amigos.

One Comment

  1. Nachinho
    14 / Xullo/ 2009

    Quinta da Auga, Flipar, si. Marabilloso, se te gusta sentirte como no showroom dunha tenda de decoración un tanto kitsch.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará