Manual para disfrutar dos peixes e mariscos no verán


Mariscadoras na ría de Arousa. Foto: Proxecto Coas Nosas Mans

Segundo vai chegando o verán, veñen a Galicia moitos amigos e familiares cos que temos o compromiso habitual de levalos á costa a degustar os peixes e mariscos das rías. Para o Come e Fala desta semana preparei unha guía rápida para saber que produtos do noso mar están, ao longo do verán, no seu mellor tempo de consumo. Para iso contei coa colaboración amábel do meu pai e do patrón maior da Confraría da Pobra do Caramiñal. Obviamente, a guía está feita a partir de sabedoría arousá. Se cadra varíe lixeiramente para as outras rías.

As luriñas da ría. É un produto privilexiado, un manxar que durará desde agora ata setembro, na nosa familia considérase o tesouro da Arousa. Durante todo este tempo, se as consumes en semanas diferentes, vas ver como medran gradualmente as luriñas. “Parecen as túas fillas, as pobres”, di meu pai entre risos. A min gústanme agora, cando son pequenas. En setembro xa serán exemplares considerábeis. Cóllense boas luras no Laghareu, en Ribeira, no Castro, en Aguiño, na zona de Sálvora. Os mariñeiros que máis andan á lura son os de Cambados e Vilanova. As tabernas dos seus portos son un bo lugar para degustalas.

A nécora. No verán ábrese a veda da nécora, pero é antinatural, faise pola presión turística. O bo da nécora, como de todo o marisco, son os meses con r. O verán non é tempo de centolas nin de bois, porque a estas alturas do ano non cambiaron o cacho. Por moito que o teu tío madrileño ou andaluz porfíe, tenta convencelo de que veña catalos para o Nadal. Segundo te vas metendo nas rías, a nécora é máis saborosa. As de Vilanova de Arousa teñen sona, e tamén as que se collen no Calduario da Pobra do Caramiñal. E, entre xéneros, os machos son os máis saborosos (son os que sirven nos restaurantes, habitualmente), pero as femias teñen o agrado dos sibaritas, sobre todo cando veñen con ovas.

A sardiña. Por San Xoán, a sardiña molla o pan. Xoubas e sardiñas son a mesma especie, pero hai restricións na súa pesca derivadas do tamaño. Está prohibido pescar a sardiña (o exemplar grande) no interior das rías. Hai grandes zonas clásicas en mar de aberto, nas aforas da ría de Arousa. As mellores veñen de tres “caladoiros”, a Pedra da Marosa, Pragheiros e Meáns, que están á altura dos illotes de Sagres, e tamén na Praghiña, por baixo de Corrubedo. No interior da ría, as de Rianxo teñen sona, e non é por menos. Os mariñeiros de Rianxo péscannas cunha arte secular: o xeito, totalmente artesanal, algo único. Xunto coa sardiña á grella, nas rías hai que degustar o prato máis tradicional, o guiso de xoubas. E serán afortunados, moi afortunados, se en Cambados lle fan a súa receita inmemorial: o guiso de xoubas con nébeda, ou néboda. Na nosa zona cremos que é a herba de San Xoán, pero a cousa ten bastante graza, porque é alucinóxena: é a herba que empregan os gatos para colocarse (ver unha demostración moi cachonda aquí).

Por suposto, no peixe azul, hai que falar do xurelo, e da xarda, que están no seu momento. Tamén a robaliza. E o sargo tamén está moi ben: en xuño xa vai abandonando o seu comportamento característico durante a primavera, cando navega agrupado en grandes mandas que poden facer a fartura económica do pescador que a atope.

A ameixa.
A ameixa vén de pasar dous meses duros, de desove, en abril e maio, nos que os exemplares acaban moi enfeblecidos, pero en xuño comézase a recuperar. En xullo e agosto estarán estupendas. O berberecho é máis variábel. Realiza varios desoves ao ano e non se pode predecir tan facilmente. A navalla, nestes momentos, está excelente.

O percebe.
O percebe ten un calendario máis caprichoso. Pódese capturar en marzo, xuño, setembro e decembro. Ou sexa, este é o tempo. A ver que tal vai este ano, porque seica houbo moitísimo máis furtivismo que noutros anos, por mor da crise económica.

Estes son algúns trucos para disfrutar do marisco e peixe que están no mellor momento durante o verán. Se coñeces outros, non dubides en publicalos nos comentarios.

16 Comments

  1. 21 / Xuño/ 2009

    Ben se ve que é perspectiva arousán, mais algo de bonito vén chegando á zona: e Xuño é o mes do bonito. Aínda non chegou, por certo. Á vindeira semán. Creo.

  2. 21 / Xuño/ 2009

    Eu pouco sei do marisco e iso que me gusta. Iso si, nunca probei polbo máis rico que o que fan na illa de Arousa, nunha taberna do porto que non lembro o nome.

  3. 21 / Xuño/ 2009

    Bar Risón no porto de Xufre.
    Topeino no arquivo.

  4. 22 / Xuño/ 2009

    Grazas pola achega, paideleo. Arume, certo que a miña perspectiva rías baixas non contemplou o excelente bonito cantábrico.

  5. danielo
    22 / Xuño/ 2009

    Como é iso de luras con nébeda!? Intrigado me quedo e google non sabe nada…

  6. 22 / Xuño/ 2009

    Danielo, guiso de xoubas, non de luras, con néveda. A néveda emprégase como aromatizante, saborizante, condimento…

  7. danielo
    22 / Xuño/ 2009

    Ahh. vale, vale, as presas que me impediron fixarme. Pois soa ben, heino de probar logo

  8. 22 / Xuño/ 2009

    Para polbo na Illa, tamén o “Saratoga”, no porto que da cara o parque do Carreirón e O Grove. A única pega é que o serven en bandexas de louza branca, e non na tradicional táboa de madeira.

  9. 22 / Xuño/ 2009

    Por certo que o polbo leva en veda desde principios de maio e remata a veda o 6 de xullo. Que saibades que se o tomades estes días, é conxelado segurísimo (o cal é algo perfectamente normal, ao meu ver, eu creo que todo o polbo que se consome hoxe en día pasa pola conxelación para facilitar a rotura das fibras, e un periodo de 2 meses de frío tampouco é demasiado).

  10. REFLEXF4
    22 / Xuño/ 2009

    Pero que canibales somos….:-)

  11. 22 / Xuño/ 2009

    Sería bo debate decidir que é mellor para o polbo: a madeira ou a louza?

  12. 22 / Xuño/ 2009

    A nébeda (Calamintha nepeta) emprégase nalgunhas zonas para aromatizar o bandullo ou vincha, e noutras para aromatizar as castañas cocidas

  13. 22 / Xuño/ 2009

    Por certo, que atopei no Anuario Brigantino (agora non localizo a ligazón) unha referencia a que en Baio se facían bolos do pote con recheo de nébeda. Curioso como se nos foi esquencendo esa pranta.

  14. 22 / Xuño/ 2009

    Arume, un mítico debate. Sen ningún tipo de base científica, eu prefiro a madeira. E non só por tradición (que tamén). Eu creo que, de algún xeito, lle presta ao aceite e o pimentón.

  15. Os aristócratas teutóns saben dende centurias dun restaurante exclusivo no que se pode degustar o mellor polbo da Illa De Arousa: “Bar López”, na Avenida da Ponte.

    Poderán vostedes saborear aí o devandito polbo arousán en tres modalidades exquisitas: “á Illa”, “en vinagreta” ou á clásica “feira”, sen esquecer igualmente unha grande delicatassen xermánica de temporada estival, as luriñas que menciona Herr Gago, unha grande éxtase gastronómica que no “Bar López” se acompañan con pementos de Padrón.

    Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

  16. estrelas
    22 / Xuño/ 2009

    Eis… como cada quén tiro pro meu: as necoras de Bueu, polo amor de deus:

    # Os bolos típicos de Bueu estanche ben bós. Son máis de setembro pero xa andan bós.

    # Os chinchos están impresionantes (ciclo similar á sardiña)

    Teño dúbidas e gustaría saber das navallas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará