Máis de 100 tapas por probar na nova edición de Santiago (é)Tapas

Cando o ano pasado escoitei a xente pola rúa, no traballo ou no ximnasio comentar que tapas probaran na I Edición do Santiago (é)Tapas, o programa-concurso gastronómico dinme conta de que a cousa estaba funcionando ben. Os cinco roteiros pola cidade, que conectaban locais participantes, eran percorridos por grupos de amigos en múltiples direccións. Son ese tipo de cousas que demostran que moita xente quere explorar o lado máis lúdico da gastronomía, e que somos máis abertos e flexíbeis nas cousas do xantar do que ás veces queremos crer.

A nova edición do Santiago (é)Tapas comeza o 25 de xuño e remata o 12 de xullo. Hai 109 tapas diferentes, 50 locais participantes -5 máis que o ano pasado- e cinco roteiros que se poden completar co xa mítico Tapasporte, no que a xente dos locais vai certificando que te entregaches alí aos praceres da degustación; como o ano pasado, ao completar roteiros hai premios seguros e un sorteo final. No web oficial cóntase todo. Mesmo hai paquetes especiais en bos hoteis para quen queira vir de fóra a meterse de cheo na competición.

Particularmente, a min gústanme moito dúas cousas do concurso. A primeira, é que xenera conversa e intercambio. Non é habitual que compartas información gastronómica con tanta xente, que recibas e deas tantas recomendacións, que te intercambies descubrimentos. Cando estas cousas axudan a falar, é xenial. E interésame outra cousa a nivel culinario: o Santiago (é)Tapas permite ver como a sinxeleza gastronómica non é doada. Conseguir un prato rápido e directo, rápido e versátil para ser consumido con toda clase de líquidos, é algo difícil, se te vas alén das fórmulas clásicas. Por iso, o concurso é toda unha toma de pulso para coñecer a capacidade de innovación e esforzo da hostelería compostelana.

2 Comments

  1. Jenjiskan
    20 / Xuño/ 2009

    Prezado Manuel é un pracer escoitarte e o do mítico tapasporte encantoume. Este ano parece que tamén hai nivel. Unha magoa que a xente non participe máis e de seguro que para a xesta edición haberá outro xeito de entender o tapeo nalgúns bares de compostela. Que a xente o disfrute e entre ruta e ruta ogallá nos atopemos polo camiño.

    apertas.

  2. 20 / Xuño/ 2009

    Será un pracer, Jenjiskan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará