Luania: o alfabeto das pedras

Last updated on 15 / Xuño/ 2009


O castelo de Luania desde o inicio do cordal

Desde o primeiro día que coñecimos o castelo de Luania, atopamos xa algúns curiosos petróglifos, pero desde aquela, todos os seráns que fumos ata alá aproveitando os raios alongados do solpor, tivemos un maldito tempo coma ese que vedes na foto de enriba. Céos grisallentos e unha luz plana, que aniquilaba o relevo das pedras. Falta moito por mirar. Pero atopamos cousas. Formas que se repiten en diferentes pedras. Moitas están concentradas nun prado ao pé do castelo, no que hai un pozo hoxe seco (hai unha fonte da outra banda do monte) e onde pastan os cabalos bravos. A maior parte dos petróglifos comparten características: sucos profundos, feitos con punzón de ferro (o cal leva os petróglifos a unha datación que podería comezar na Idade do Ferro ata épocas históricas) e unha tendencia a repetir un motivo en diferentes pedras, mesmo entre conxuntos pétreos distanciados entre si.

Este primeiro motivo que vemos é como un modelo para outros que nos atopamos despois nas proximidades. Foi atopado por Jorge Guitián, que andivo por aquí hai anos. Este óvalo -que ten unha raia no medio-, mide sobre uns corenta centímetros, e está na pedra máis alta dun pequeno outeiro que está antes do castelo (o primeiro que se ve na foto), nunha posición excéntrica en relación ao resto dos atopados. Pero o curioso é que esta forma oval repítese despois noutras penedías da área do castelo, de xeito simplificado (e sen a raia do medio). Poño aquí unha escolma dos máis visíbeis que atopamos polo de agora. Hai máis, pero coa luz gris e plana destes días non se poden apreciar nas fotos.

Este, en concreto, mide un montón, máis dun metro de longo e rebana toda a pedra. Está ubicado neste prado no que están a maior parte deles, pero teremos que volver cun especialista para comprobar se é en verdade artificial. Hai que ser prudentes.


Podomorfo coloreado dixitalmente para facilitar a súa visualización.

Unha raiola de luz ás dez en punto da noite exactamente permitiunos descubrir un valioso elemento, nunha pedra chea de cazoletas, óvalos e puntos que xa localizaramos na visita anterior. Apareceu un podomorfo, un pé, orientado cara o castelo.

Non e o único. Na banda norte do castelo tamén hai estoutro posible podomorfo. Próximos, na mesma lanxe, hai cando menos outros dous óvalos, exactamente igual que no anterior. ¿Preguntarédesme que significan? Respóndovos que nin puñetera idea. Pero o realmente raro é a repetición continua da forma óvalo en numerosas pedras da área.

E ao redor do castelo de Luania, nas pedras adxacentes, tamén atopamos outras formas que se repiten con frecuencia. Estas déronnos a risa. Imaxinamos a alguén aburrido aquí enriba durante semanas. Seguro que vós tamén vos dades conta do que significan.

Unha vez que fagamos un paseo por alí con condicións axeitadas de visión, levantaremos un mapa con xeolocalizacións para que sexa máis doada a súa localización.

One Comment

  1. 14 / Xuño/ 2009

    Creo que esto refuerza mi teoría del nombre…interesante XD

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará