Signos do verán


Arroaces nunha ría galega. Foto: Cemma

Hai dúas fins de semana, durante o tradicional periodo de dous ou tres días coñecido noutras latitudes como “verán” e que aquí é un punto e coma entre as estacións chuviosas, collimos a piragua e desde a Pobra do Caramiñal fumos ata Palmeira beireando pedras, penedos e praias -que bonita é Palmeira desde o mar. Había calor, había sol, pero ¿sabedes que? Cando pasamos as caliñas máis fermosas da ría de Arousa, as que están entre a Punta Ostreira e os enigmáticos baixos de Calduario, baixo a Pedra da Moura, antes de Cabío, uniusenos unha mandiña duns seis ou sete arroaces. Esta xentiña acuática debía volver de Rianxo, onde é tradicional que baixen ao fondo da ría a limparlle a xouba aos mariñeiros da Guadalupe, que aceptan a convivencia sustentábel con estoicidade desde hai séculos; o golfiño está ausente da tradición oral mariñeira, que eu saiba, pero non por iso deixou de ser nunca aceptado con simpatía no ronsel das embarcacións arousáns.

De feito, era un marcador. Un marcador ecolóxico importantísimo nas vilas mariñeiras. As súas aletas ondulantes sobresaíndo o mar, xa o dicía Cornide, eran a alerta de que a sardiña entraba na ría; os golfiños baixaban seguindo os bancos ata Rianxo, se cadra desde a illa de Sálvora. Sempre os viamos botándose ao medio da ría á altura de Ribeira; unha noite, volvendo a vela desde O Grove ata a Pobra, coido que nolos atopamos a todos, encabalgando ardoras entre os dous illotes Ghidoiros, o Areoso e o Pedregoso e a gris illa de Rúa, como se estiveran posuídos dunha borracheira da lúa chea que había aquel día. E cando chegan os golfiños e a sardiña, chega o verán e a fartura do peixe azul, graxo, comido sobre o pan de broa. Os arroaces, as sardiñas, son o noso verán, por riba do sol ou a calor. Sentas co paraugas e eles camiñan diante do porto, como se nos quixeran dicir algo e o pensaran dúas veces. É o verán. E dá igual a temperatura que vaia fóra do mar. Os arroaces é o código que todo o mundo entende, por algunha enigmática razón. O mar non é só noso. Tamén é deles.

Os nosos arroaces arousáns, na calmada tarde, por veces mergullábanse e desaparecían. Non dixen nada por non asustar, pero un par de veces metín a man por baixo da piragua durante esas desaparicións. E unha nerviosa corrente de auga inesperada vindo de abaixo peinoume os dedos.

7 Comments

  1. M.J. Méijome
    11 / Xuño/ 2009

    Fermoso certamente.

    No interior non temos arroaces, pero se un pecha os ollos pode chegar a imaxinalos rebrincando sobre dos cumios tentando bicar o sol.

    No interior temos unhas faíscas tolas, que se chimpan no ar como se non soubesen voar, co seu pra riba pra riba baixar baixar. Son faíscas douradas, raiadas en tizón e abondosamente cristadas. Son faíscas cantoras, que chegadas de outros lares sempre sorprende miralas.

    No interior tamén chegou o verán, xa viñeron as bubelas.

    Un saúdo.

  2. 11 / Xuño/ 2009

    Bufff!! ese Mar de Arousa
    Onte tomei un Pago de Xoan da adega Benito Santos perfecto para evocar todos estes teus/nosos Signos do verán… e ese mar…

  3. carlos
    11 / Xuño/ 2009

    non estaria eu tan sejuro que acepten a convivencia sustentabel ,senon terialos que oir cando lle estrajan as pesas……….(ou os petardos,caseque bombas, que usan para espantalos)

  4. danielo
    11 / Xuño/ 2009

    Son un espectáculo!
    Eu teño coincidido con eles collendo ondas nas praias do Son e cando os ves pasar ao teu carón case voando impresionan. Están no seu medio, claro.

  5. Xabrés da teixeira
    11 / Xuño/ 2009

    Ougg, so un apontamento, é sen ánimo de ofender e menos de polémica.
    Cando dís ” mar no é só noso. Tamén é deles”, eu cambiaria a forma da frase.
    “O mar é deles. Tamén podía ser noso”.
    Saúdos.

  6. 11 / Xuño/ 2009

    Ai, Xabrés, nós somos bichos tanto coma eles…

    carlos, sen negar que sempre hai cabestros polo mundo, o que eu teño observado entre os mariñeiros ao referírense aos golfiños é, sobre todo, resignación…e nunca se lles manca se non é de xeito accidental.

  7. Moncho
    12 / Xuño/ 2009

    Por sorte as corridas de arroases :-S que facían por Pontevedra son cousa de hai dous séculos… (Menos mal! Algo avanzamos. Agora quedan as de touros…)

    Eu tamén teño coincidido con eles na piragua e na barca, pasando xusto ó meu lado. Unha vez, pescando á noitiña, pegáronnos un bo susto: todo en silencio e, de repente, o resoplido fortísimo dun deles pasando á beira da batea na que estábamos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará