12 voltios 2007, un viño pouco corrente

Había bastante tempo que tiña gañas de probar o traballo do enólogo Francesc Grimalt na súa nova adega mallorquina, pero as botellas (son poucas e moi disputadas) non daban chegado a Compostela. Grimalt abrira unha nova xeración de adegas insulares, baseadas na recuperación de variedades autóctonas de carácter moi marcado como a callet. Gustábame o seu AN/2, que probei en moitas ocasións con gusto. Pero Grimalt non acougou, marchou de AN e fundou a adega 4 kilos cun socio. O nome alude ao investimento en pesetas que fixeron os dous para fundar a adega. A partir de aí comezaron a producir dous viños. Primeiro, o 4 kilos, a estrela da adega, e despois lanzaron o 12 Voltios 2007, chamado así porque era “o viño máis corrente”. Son uns cachondos, e iso nótase ata nas estrañas etiquetas do viño, deseñadas por Gary Baseman.

Pero ademáis das excentricidades, o 12 Voltios 2007 é un viñazo a un prezo contido (14 euros en Valladares), aínda que non ten un carácter tan enxebre como o seu AN/2, puro espírito mediterráneo e insular, o calor que crea en boca te avisa de que este é un viño do Mare Seu, un viño seductor que trae o sol á boca, pero que, a diferencia de moitos viños mediterráneos, tamén trae unha sedosa e persistente capa tánica que lle engade ao viño unha gran complexidade e estrutura e importantes notas a cereixa ben madura. Moi recomendable (aínda que se cadra, máis en outono).

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará