Dime con que te anuncias e direiche do que careces

Last updated on 29 / Maio/ 2009


Imaxes promocionais de Andalucía, Castela A Mancha e Aragón

Eu estou convencido de que tralos que toman as decisións sobre a publicidade turística institucional hai suxeitos dignos de diván de psicoanalista. Na publicidade promocional das comunidades autónomas hai unha norma psicótica e non escrita que vén sendo algo así como isto: se careces de algo, amósao como o teu principal recurso turístico. Se non coñeceramos as outras terras da Península, o certo é que cando visitamos os stands da España seca, as Castelas, Extremadura, Andalucía, Aragón, parece que entramos, en realidade, no reino da España húmida. Non falla. ¡Sempre hai pósters de xente metida na auga do río! Caudais dos que carecen a maior parte das correntes da meseta ou do interior; tamén aparecen paseantes metidos en bosques espesos ou en vales verdes como se estiveran en Negreira. Posiblemente esas tomas e planos son certos, son reais, están no respectivo territorio desas comunidades autónomas. Ocorre o mesmo con Escocia: colles un folleto promocional e sempre hai unha marabillosa luz, un sol sen ausencia de nubes, un azul envexábel. Todas as fotos dos folletos de Escocia -estou convencido- deberon facerse o mesmo e excepcional día: aquel de 1985 que amenceu despexado por primeira vez desde a morte de Rob Roy. Pero ¿é iso o que define a paisaxe que vai percorrer o turista? ¿Non sementamos a destrución do propio turismo?

Os responsábeis turísticos están atrapados entre o ser ou non ser. Un dilema hamletiano no que detrás sempre está un certo complexo sobre o produto que exhiben. As campañas turísticas sempre ensinan unha cara amábel, maquillada, mesmo escasa (as carballeiras, a costa sen destruír en Galicia), pero non deberan ensinar unha imaxe contraria, unha cara contraditoria da realidade.

E se non me credes, contade o número de pontes, ríos, estanques e lagos que aparecen nestes anuncios de Castela León e Extremadura.

Spot: Castilla León es Vida

Spot: Extremadura, ven y verás

6 Comments

  1. Un fan
    29 / Maio/ 2009

    Pois si señor, non caera eu…

  2. Nico
    29 / Maio/ 2009

    Dacordo en case todo,salvo con aragon, que ten auga abondo e unha montaña de huesca fermosisima e verde.Ordesa e sen dubida un dos paraísos da peninsula.
    Non tenho ningunha ascendencia aragonesa, por certo

  3. 29 / Maio/ 2009

    Como antigua responsable de comunicación turística de La Rioja (la de España, no la de Argentina), me ha resultado muy divertida la imagen del psicoanalista. Coincido contigo en que una cosa es presentar la realidad desde su mejor aspecto y otra, muy distinta, reinventarla…
    Gracias por sacar estos temas a la luz!!!!
    Saludos,

  4. 29 / Maio/ 2009

    Cando en deseño de webs hai que enfrontarse a un logo previo (e inamovíbel) co que non nos sentimos demasiado cómodos e que hai que colocar na parte da web, eu sempre teño a mesma máxima: non o agaches. Amósao máis. Busca a súa esencia. Acaba resultando.

    En todo caso, o da España seca coa publicidade é un pouco triste. Asumen que os paisaxes secos son unha carencia, un problema, e que a xente demanda auga. Non o teño nada claro. O visitante que vai a Castela e a zonas secas ten, hoxe por hoxe, unha idea bastante definida do que vai a atopar en boa parte do seu territorio. E eu creo que no páramo de Terra de Campos ou Soria tamén hai beleza (aínda que non sei se moi vendible a nivel popular).

  5. 4 / Xuño/ 2009

    Supoño que nos spots de Galicia pasa outro tanto: non hai construccións chambonas, non medra un só eucalipto nas fragas, e o marisco é sempre da ría.
    Eu viña notando unha cousa paralela á que comenta vostede, señor Gago, respecto aos anuncios das compañías enerxéticas (dá igual cal): todas parecen sacar a enerxía da fotosíntese!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará