A Gaia de Lovelock

Hai moitos anos, eu era un adolescente, un bo amigo presentoume a James Lovelock. Non fisicamente, refírome. Foi a través dun fermoso libro de divulgación da Hipótese Gaia. Supoño que foi un destes volumes que -sábelo co tempo- percibes que cambiou a túa percepción do mundo e a túa disposición ante as cousas. Este científico formulara unha hipótese sobre a vida no planeta: para James Lovelock, o planeta era un todo autorregulado. No seu modelo, a Terra, chamada na súa Hipótese como Gaia, na vella lingua grega, non era un ser consciente, pero o bautizo mitolóxico desta biosfera activa triunfou como poucos na divulgación popular. É a nosa tendencia a humanizar para comprender.

Lovelock era un divulgador finísimo e hábil: para explicar que era Gaia, recorría á metáfora da secuoia. O 98% da súa masa está morta, ou inerte, pero no 2% restante, existe un sistema disposto para a vida. Así é a Terra para Lovelock, un sistema con capacidade para coordinar, de algún xeito, a acción de océanos, terra e atmósfera. Mentres lía a Lovelock cunha man, coa outra lía a Tolkien en O Señor dos Aneis. E atopaba entre a ciencia e a fantasía un equilibrio, unha harmonía e un sentido evidentes e lóxicos. En realidade, decateime no momento, o discurso de Lovelock, a súa combinación coherente coa visión da Terra de Tolkien, era en realidade o discurso de como nós, os seres humanos, encaixamos nesa biosfera, nese sistema. Eu de aquela era un furibundo militante da república das letras puras, cousa que hoxe xa non sería. Pero lendo a Lovelock un aprendía que estudar e ler ciencia tiña un sentido alén da abstracción e as técnicas instrumentais: o de comprender o mundo. Cando menos, para min foi o primeiro científico capaz de facermo entender. Así que lle estou eternamente agradecido.

Por iso alegreime moito que hoxe a miña universidade concedera o Premio Fonseca de Divulgación Científica ao señor James Lovelock. E dareime de cobadazos para escoitalo na súa conferencia.

Para quen queira coñecer algo máis de Lovelock, aquí vai un fragmento dunha entrevista que lle fixo Punset:

4 Comments

  1. Juan Castro
    27 / Maio/ 2009

    A verdade é que a nova foi un subidón.

    No meu caso, cheguei a Lovelock en plena adolescencia, devorando ó mesmo tempo a Hawking e Orwell, e coa seguridade de que os tres comparten, cada un á súa maneira, unha cosmovisión común.

    O tempo colocará á Gaia de Lovelock (se non está xa) á altura de teoría heliocéntrica ou a da Relatividade.

  2. minhato
    27 / Maio/ 2009

    Eu non lin a obra de Lovelock, pero sí sobre un dos modelos eco-matemáticos do traballo orixinal. Recordo que tentaba encaixar a aparente contradicción entre dous feitos probados da historia natural: que a enerxía solar que recibe a Terra aumentou a súa intensidade un 25% durante a historia da vida, e que pola contra a temperatura media do planeta se mantivo constante nese período. Lovelock pensou na capacidade de autoregulación da temperatura do planeta como solución. Tiña un modelo teórico dun planeta poboado con flores brancas e negras, con poboacións variabeis de ambas especies dependendo da temperatura, de forma que se aumentaba a temperatura proliferaban flores brancas, facendo baixar a temperatura. Se a temperatura diminuía proliferaban flores negras, facendo subir a temperatura. Deste modo, o sistema mantiña a temperatura dentro dun intervalo independientemente de variacións externas. O modelo era moi importante porque dotaba a un sitema ecolóxico da capacidade de regulación dalguna das súas propiedades sen intervención externa ou interna en forma de conciencia. Nunca antes se plantexara tal hipótese cun modelo científico. E abría as portas a comprender moitas propiedades do planeta como ecosistema que hoxe aceptamos como certas.
    Agora ben, concluír que a Terra ten conciencia, como se fixo masivamente, creo que contradí o espíritu da hipótese Gaia. A novidade do modelo era, precisamente, a autoregulación sen conciencia.
    De todas maneiras, polémicas aparte, felicidades, Lovelock, porque tí es dos grandes!!

  3. 28 / Maio/ 2009

    Efectivamente, a natureza da Terra Media rebélase contra a industrialización a través dos ents, que destrúen as fábricas que á súa vez levantaran os sicarios do Señor Escuro sobre terreos deforestados. Qué gran alegoría, esta de Tolkien, que ademais se adianta ao seu tempo e á teoría de Gaia.

    O último filme de Shyamalan, “O Incidente”, baséase tamén nesta teoría de Lovelock: son as árbores, unha vez máis, as que se rebelan contra o home e comezan a producir unhas hormonas unicamente tóxicas para unha soa especie. Non vos conto máis sobre o argumento, que se cadra vos estrago o visionado, aínda que xa vos podedes facer unha idea.

  4. 29 / Maio/ 2009

    Cagoenlamar, faragunde. E eu ben sei por que me amola saber dese argumento…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará