Nas devesas de Bustelos


A devesa e a aldea de Bustelos. Foto: Google Earth

No Mesón O Cruce en Vilatuxe (Lalín) hai uns paneis, algo descoloridos xa polo tempo, nos que aparecen unhas fotografías da natureza montañosa do veciño Candán, nos confíns do concello de Lalín: vales pequenos coma os da remota aldea de Zobra, nos que aínda non había aeroxeneradores. Nun deses carteis, había un paspallás virado en primeiro plano, prestando atención a un fondo chamativo e descoñecido para min, a Devesa de Bustelos. Mentres rematabamos a excelente carne do Mesón (croca, chuletóns “pequenos”), convencímonos de que tiñamos que atopar ese lugar.


Riqueza ecolóxica na devesa de Bustelos. Fotos: Sole

Bustelos está rodeado destas descoñecidas devesas. As devesas son os bosques autóctonos ubicados nas ladeiras máis inaccesíbeis das montañas. Bosques en pendente, fragas que son en si mesmas un tesouro da biodiversidade, conservadas de miragre porque son inaccesíbeis e case impracticábeis para a silvicultura actual. E aínda máis consecuencias, mesmo saborosas: en Zobra, na aldea rodeada destas fragas diversas de matorrancas, atlánticos verdes, flores, fíxose o ano pasado o mellor mel de Galicia, unha marabilla que temos aínda na casa e que tomamos como un animador de espírito. Esa mel marabillosa do Candán hai que agradecerlla a estas devesas.

A de Bustelos, descoñecida, descoñecidísima, é como unha manta espesa que gabea pola montaña, con acivros, castiñeiros, carballos, bidueiros. Como sempre no Candán, as variacións -case por metros- da densidade e altura do manto vexetal informan de como neste planeta a combinación de factores como a insolación, ventos, altura, auga, solo e capas xeolóxicas xeneran consecuencias apreciábeis e explicábeis nos seres vivos: nas poboacións de flora e no desenvolvemento dos exemplares. Sentímonos acompañados na Devesa de Bustelo por múltiples animais que nos observan e vixían. Os homes xa abandonaron o lugar hai tempo e hai como unha confianza inocente nos bichos que saltan por diante nosa, nas rapaces que nos observan desde escasos metros mentres vixían as presas que derribaron. Localizamos o vello carreiro que baixaba aquí desde Bustelo. Nunha parte concreta, hai séculos, os homes de Bustelo ergueron o camiño, nalgúns tramos, literalmente sobre o aire, tirando grandes lousas para vencer o desnivel.

Non hai roteiro de sendeirismo aquí. Recomendo coller a pista onde indico “Pista de entrada” ou escoller o carreiro tradicional pero…importante: o carreiro tradicional está a piques de desaparecer. As xestas e os toxos xa o están a comer, pero se non andamos por el desaparecerá. Ver a localización dos puntos de partida.

7 Comments

  1. 22 / Maio/ 2009

    Unha preciosa descuberta.
    Tés un premio-recoñecemento no meu blogo.

  2. 22 / Maio/ 2009

    Grazas, paideleo. Mira que curiosidade: outro dos blogs aos que das o premio, Ao pe do Farelo, estivo na mesma aldea, Bustelos, no mesmo día (onte) que nós! Xa é casualidade!

  3. 22 / Maio/ 2009

    Xa que vostede gosta tanto da zona, heille dicir dun sitio ben fermoso preto donde estivo. Na aldea de Ameixedo (remata a carretera pero non é o fin do mundo) podese baixar por uns camiños ata un fermoso bosque de acivro con alguns pes que semellan levar ben anos ai( na entrada do lugar hai un exemplar que de grande case parece carballo) Eses camiños cruzan o rio e chegan ata a aldea de Bustelos. Un bonito paseo que pode complementar ó que vostede propon.
    Ameixedo

  4. 22 / Maio/ 2009

    Pois si que é casualidade. Enteireime cando puxen a ligazón. Xa miras: na miña vida oíra falar de Bustelos e nun día aparecen tantas referencias a ese sitio.

  5. M.J. Méijome
    25 / Maio/ 2009

    Seguindo por un deses camiño de lousas, e a escasos 1500 metros, podemos chegar a aldea de Grovas, facendo deste pequeno recuncho do Candán unha das áreas máis interesantes para unha visita.

    O camiño debe esperarse semi cuberto de toxos, polo que é recomendable roupa axeitada e achegarse con tempo. No caso de non poder acceder non estaría de máis plantexarse a subida ata o camiño forestal dos eólicos dende Bustelos e baixar por él a Grovas. Obrigados os prismáticos para un val certamente agradecido.

    O camiño de lousas (desculpas polo trazado “manual”):
    http://img196.imageshack.us/img196/6374/bustelosgrovas.png

    Algunha foto e posicionamento do lugar:
    http://maps.google.es/maps?f=l&source=s_q&hl=es&geocode=&q=grovas&vps=1&jsv=159e&sll=42.579535,-8.269143&sspn=0.004029,0.009656&ie=UTF8&near=&split=1

    Situacion de Grovas e Bustelo:
    http://maps.google.es/maps?f=l&source=s_q&hl=es&geocode=&q=grovas&vps=2&jsv=159e&sll=42.567542,-8.204234&sspn=0.00806,0.019312&gl=es&g=zobra&ie=UTF8&near=zobra&split=1

    Un saúdo.

  6. 25 / Maio/ 2009

    Grazas polos detalles, Méijome. Son unha contribución interesantísima para quen queira facer o roteiro. Fíxate que entre a túa achega, a de seve e a miña, podería montarse con algúns retoques un roteiro ben interesante. Haberá que darlle algunha volta.

  7. 26 / Maio/ 2009

    Vexo que Seve e Méijome déronche bos datos, sen esquecer descansar e cavilar un anaco no río da Trigueira, un remasno de paz único e fermoso para unha tarde fresca de primavera ou vran.
    E logo como xa sabes unha boa croca no Cruce

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará