Como facer sentir incómodo a un político malaio

¿Como ten que arrincar un cibermedio para facerse un oco e diferenciarse nun panorama competitivo? O outro día falabamos, por exemplo, de como en lainformacion.com -ao meu ver-, a tecnoloxía devorou o arrinque do xornal; hai noticias pero non hai historias propias, diferenciadas, que amosen a vocación do medio e que o diferencien de calquera xornal xeneralista español.

Pero en Austin tiven a oportunidade de coñecer un exemplo moi diferente que nos entusiasmou, o Malaysiakini.com. Premesh Chandran, o Chief Executive Officer do cibermedio, deunos unha lección sobre como facerse un espazo e diferenciarse da prensa convencional, tan pegada ao poder. Coas súas preguntas incómodas, co seu compromiso cos temas máis candentes, cos seus reporteiros a pé de rúa -nada contraditorio con traballar nunha plataforma dixital, alén da pouca capacidade financeira e de persoal que adoitas ter-, coas súas gañas de propoñer un xornalismo alternativo, dinámico e multimedia, o Malaysiakini.com foi medrando ata entrar nun novo nivel, con máis persoal e mellores recursos. Pedinlle a Chandran que me deixara subir o vídeo que presentou para amosalo aquí (thanks!) e contribuír a dar ideas do que é posible. Encántame, sobre todo, a primeira parte, cando os políticos de Malasia bufan contra o xornal. Non puiden evitar lembrarme dun amigo meu que, na rolda de prensa de despois dos Consellos, lle facía a Fraga preguntas incómodas sobre os temas exclusivos nos que estaba a traballar. Aínda que Fraga aínda botaba algunha faltada, o peor naquel caso era como se rían en voz alta del algúns dos outros xornalistas sentados canda el en sintonía presidencial.

2 Comments

  1. Jose
    30 / Abril/ 2009

    Pese a progresar a barra de de carga do arquivo, non visualizo os teus videos de Vimeo, ¿tes idea de por qué?

  2. 30 / Abril/ 2009

    Jose, sospeito que tes que actualizar o Flash Player no teu navegador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará