Mentes abertas, bocas pechadas


En moitas ceas, o viño é unha especie de mal necesario

Coñezo a persoas dispostas a recibir todas as avangardas sen seren snobs. A concederlles uns segundos a cada novo escritor, a cada novo músico que lles pasa por diante dos ollos. Coñézoos capaces de pensar en viaxar ao sitio máis remoto, mercar revistas de viaxes, e disfrutar do rural e do urbano, do norte e do sur. Xente aberta, que non vai ao ritmo das modas, senón ao da súa propia curiosidade. ¿En todo? Non, non en todo. Hai pouco coincidín cunha coñecida moi nova que encaixaba neste perfil, e que comía co seu mozo na mesa do carón. O meu voyeurismo enolóxico escoitou o que non debía na comanda ao camareiro (profesional dun restaurante cunha das mellores adegas de Santiago).

-¿Viño? Si, un Marqués de Cáceres.

Ollo, non teño nada contra o Marqués de Cáceres. Pero revireime na cadeira, mirei para ela (hai confianza) e díxenlle: “¡Pero mulleriña!”. A ela deulle a risa e deume unha explicación que me descolocou:

-É o que sempre pide meu pai. Non sei…

O certo é que eles, por pedir, terían pedido cervexa, pero a convención social parecía dictarlles que neste lugar era preciso o viño. E, para pedilo, ante a maré de marcas e anadas que había naquela carta, acudiu á memoria do seguro. Se cadra, a consecuencia será pensar que todos os viños son coma o Marqués de Cáceres, e continuar nesa crenza de que o viño é unha sorte de mal necesario ou obrigatorio, que non entusiasma. Eu, pola contra, coma o amigo Juan Manuel Gonzalvo, son dos que penso que a cada persoa, nesta vida, hai un tipo de viño, ou un estilo, que é o seu. Pero moitos non se atreven a descubrilo.

É algo que sempre me sorprende: a paradoxa de que algunha xente moi curiosa, moi aberta de miras, disposta a aprender en todas os ámbitos da vida, vólvese na arte de xantar unha cavernícola, reaccionaria, temerosa dos cambios, das cousas novas ou de aquelo que se diferencie moito da mesa da súa infancia ou mocidade. A gastronomía é unha artesanía en constante evolución, que hoxe por hoxe vive inmersa nun constante cambio e exploración; pero para moita xente aberta, estes cambios lle xeneran unha curiosa intolerancia mental. ¿Será o gusto o noso padal máis conservador?

3 Comments

  1. 10 / Abril/ 2009

    Que podemos facer os que non podemos probar o alcohol para ter unnha boa adega? (no meu caso microadega) eu boto man do que máis demandan os que me visitan…pero a vegadas tento sorprender mercando algunha das tuas recomendacións ou servindo algo que me agasallan, fai un mes agasallaronme un viño nipon (kifugo creo que se chamaba) ei de tentar facerme con outra botella por que gustou…o dito, a xente como min ten que fiarse de vós para non ter unha mala adega. …por certo oiches do tunel que apareceu en vilagarcia? saúdos e apertas

  2. 11 / Abril/ 2009

    Pareceme moi exaserada a noticia, sobre todo sabendo que onde se atopa inda que agora é unha urbanización, en tempos que eu lembro, todo aquelo era unha braña e pantano que queda máis alta co cmbento… Saúdos e apertas meu

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará