Castro Valente: a Batalla da Noite das Cabras e os Zapatos de San Xoán

Last updated on 27 / Novembro/ 2012


Foto de homer4k

Carmela (¡grazas!) avisoume o outro día nos comentarios que no libro A Estrada Rural, de Manuel Reimóndez Portela, o profesor Olimpio Arca dera algunhas novas lendas sobre o Castro Valente, do que xa vos teño falado e do que sospeito aínda vos vou falar máis. O que me queda claro é que o patrimonio oral ao redor dese lugar é inesgotábel. Ningunha das lendas que recolleu Arca escoiteina eu, e mira que recollín unhas cantas.

Algunha, por exemplo, é moi divertida. Aos pés do monte do Castro Valente hai unha ermida dedicada a San Xoán, nun lugar chamado O Caeiro. Esa é a ermida que segundo a tradición estaba aló antes aos pés da muralla de Castro Valente e a fonte. De feito, ao carón da fonte pódese distinguir con claridade as bases dun edificio cadrangular… Pois ben, unha das lendas -e respira ancestralidade por todas partes- conta que os veciños atoparon ao San Xoán da ermida ao carón da fonte e, cando o quixeron coller, o San Xoán escapou monte arriba, seguido polos veciños. Ata que non lle deron quitado os zapatos non foron quen de paralo e levalo para a súa ermida. Por certo, ao carón da ermida hai un fermoso cruceiro. A tradición conta que antes estaba noutro lugar, máis enriba no monte (máis cara Castro Valente), no que se chamou de antigo o Camiño do Sal. O cruceiro foi pagado polos arrieiros como protección máxica contra as numerosas bestas bravas e foraxidos que había nesas soedades. Despois foi trasladado ao carón da ermida de San Xoán. Que había moito animal salvaxe tamén se advirte na segunda advocación do templo, a San Uberto, patrón dos cazadores…

E logo aparece outra lenda, que se repite con moita frecuencia en moitos castros, e que fala do enxeño por riba da forza. Cada mouro “tiña a súa fogueira” dentro das murallas do Castro Valente (bonita metáfora para explicar que a xente non lembraba construcións no interior dese enorme recinto). Para vencelos, ao non poderen entrar nesa muralla inexpugnábel, os veciños xuntaron todas as cabras do Confurco, Requián, Trasande, Santa Mariña, San Miguel e Bandín, atáronlle candeas nos cornos e pola noite, coas candeas prendidas, levounas o pastor polo monte de arriba. Pensando os mouros que chegaba un exército inmenso de guerreiros, fuxiron e remataron por afogar no Ulla ou ficaron atrapados en Carcacía. Por certo, nalgures próximo a Castro Valente, aínda non sei one, está un chan chamado A Armada, no que había a tradición de que alí se librara unha gran batalla…

Aquí está o pdf
. Por certo, que pedazo traballo de microhistoria, e microetnografía, o de Reimóndez Portela na Estrada. E aínda hai máis cousas…

2 Comments

  1. carlos
    9 / Abril/ 2009

    enroleme no seu barco…………(inda que sea na pirajua ben me vale)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará