A Coroa Ladeira Vella 2005: as garnachas dan moito que falar

Last updated on 8 / Abril/ 2009

Unha das adegas máis solventes de Valdeorras é A Coroa, autora dun sedutor branco godello. Pero estes días engancheime sorprendido a A Coroa Ladeira Vella, un viño que desde que comezas a catalo, percibes algo especial e sobresaínte. De produción limitadísima, só 2.500 botellas, trátase dun tinto que parece que non está feito con variedades autóctonas. Aínda que non se menciona na etiqueta, a variedade, polo que contan nalgún web, parece ser a garnacha tintureira.

A min paréceme moi ben que as adegas tamén experimenten con outras variedades, explorando como se materializan e expresan nun solo e clima concretos. A garnacha, que estivo moi estendida no país ao longo do século XX, hoxe foi substituída en gran medida por variedades do país, como a mencía, pero como podemos observar no A Coroa Ladeira Vella 2005, pode dar unha expresión moi interesante derivada da contorna do viñedo. Neste caso, unha gran expresión floral e fresca, con segundos matices ben complexos a soutobosque; unha madeira ben ensamblada ofrece uns tostados nada agresivos que lle outorgan complexidade.

Un tinto galego moi recomendábel para quen queira explorar matices interesantes alén da mencía. É unha curiosidade solvente para amantes do viño galego. Non lembro canto me custou (non se pode estar a todo), se cadra entre 12 ou 15 euros. En Santiago eu atopeino en Valladares.

5 Comments

  1. 7 / Abril/ 2009

    Hai cinco anos que nunha visita a esta adega o propietario sacounos na comida unha única botella dun tinto sen etiquetar, fixoo como se fora un tesouro secreto, de feito so o pequeno grupo que estabamos o seu redor nos enteramos e, claro, degustamos o viño.
    Antes na adega pasara inadvertido para a maioria o depósito de 2.000 litros dun mosto fermentando de bagos vendimados habia poucos dias. Aquel tinto de tintureira fixo que un dia á semana dos seguintes meses, fruito dunha estrana febre, estuvera coma o buscando Santo Grial entre vellas viñas dalgunhas zonas de Valdeorras.
    Xa me conseguirás unha botella.

  2. 8 / Abril/ 2009

    Non te preocupes. Cando nos vexamos dentro dun días, lévoche unha. :-)

  3. 8 / Abril/ 2009

    De feito, eu alo menos penso que parte do exito dos Dominio do Bibei tintos pasa por ese aporte de Garnacha que da unha finura e unha clase o Lalama e o Lacima que outros o mellor non teñen… a parte claro do excelente traballo do equipo da Adega…

  4. 8 / Abril/ 2009

    Certamente a personalidade que mostrou unha mostra de seu nunha das barricas do Dominio deixoume outra vez enfebrecido.

  5. 5 / Xuño/ 2009

    Que descubrimento de viño, hoxe estiven nesa Bodega case casualmente e fixenme con algunhas botellas…estou desexando abrilas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará