PRG 77: secretos fóra do roteiro na Senda de Boborás

Last updated on 1 / Abril/ 2009


Fotos: Soledad Felloza

Espertou a primavera, o sol chegou acompañado de ventos fríos que moven os plumóns (¿como lle chamades a esta pranta da foto?). Percorremos un dos roteiros máis bonitos do país, o PRG 77, a Senda de Boborás (Ourense), un itinerario cheo de cultura, no que o principal valor é descubrir por un mesmo a riqueza dos detalles da natureza e da historia. Beiramos o río Arenteiro, subimos outeiros, internámonos en bosques na procura de castelos esquencidos. Unha auténtica fermosura.

No PRG 77, algunhas das cousas máis interesantes non están sinalizadas, ou peor, hai postes indicando que “o sendeiro non vai por aí”. Pois ben, si que vai. No interior do post tedes un mapa con puntos interesantes á beira do roteiro. Neste post abusamos algo das imaxes, pero non podía ser doutro xeito, atopándonos tantas pequenas marabillas da historia e do rural.

A Ponterriza

Unha importante ponte medieval, xestionada no seu momento polos cabaleiros de Malta. Aquí, todo está en calma, e nun curioso cruceiro, reconvértese un antigo baixorrelevo de mártires. Uns lánguidos gatos siameses mornean ao sol. Comeza o camiño. Na fraga da Ponterriza, un sendeiriño natural (prohibido por un sinal) lévanos ata unha antiga presa do Arenteiro, no que os carballos demostran a súa natureza anfibia.

Moldes

Aquí houbo mercado, e aínda se poden ver pendellos, algo máis novos e traballados que os da Golada, ao carón da igrexa nova (do XVIII). Alí nace o muro do Pazo Tizón, unha propiedade vinícola, onde está o pequeno pazo familiar do galeguista Antón Losada Diéguez e a adega nunha casa, remedo de antigo pazo, ao carón. Pero en Moldes hai que subir o bosque polo camiño enlousado. Pouco a pouco, a carballeira vai silenciando os ruídos e entramos nun vello castro cunha igrexiña no medio.

A igrexa románica de Moldes está aí, humilde, chea de símbolos, como estes curiosos peixes e serpes, e serpes comendo peixes por riba dos canzorriños da cornisa. Aquí está soterrado Chamoso Lamas, o arqueólogo, e a súa casa está ao carón da estrada. A aldea fica bastante abaixo, pero os seus habitantes, malia teren unha igrexa ao carón das casas, teiman en subir ao castro para soterrar aos seus mortos e para os principais oficios. Seguimos camiño, entre piñeirais, ata Paradela.

Paradela

Paradela é un verxel. Os vellos veciños da aldeíña parece que se puxeran de acordo para converter a súa aldea nun auténtico xardín de frutais, flores (glicinias, camelias, xazmíns, margaridas, flores de marmelo, maceiras, amendoeiras). Canto solucionariamos do feísmo simplemente con algo de amor ás flores como hai nesta pequena aldea. Comemos nunha terraza privilexiada sobre estes montes que o Arenteiro e o Miño furaron. Pero a aldea está chea de sorpresas.

Xusto por baixo da casa de José Luis Cuerda, o director de cinema, un atopa esta adega. Nesta banda que vedes, unha inscrición indica que foi erguida en 1507! No interior aínda conserva enormes bocois, e unha estancia como suspendida no aire. Beireando o edificio, aparece esta recoleta fiestriña de inicios do Renacemento, cunha copa na parte superior.

Seguimos paseando pola aldea.

-¿Queren comprar?

Pregúntanos dous vellos distintos cando nos ven mirando casas medio abandonadas. Todo un símbolo dos tempos no Ribeiro. “¿A el gústalle moito andar nas cuchufeiras, non?”, dinos unha muller sinalándome. Pero eu sei que no Ribeiro hai que meterse nas cuchufeiras, como esta.

Porque se un mira ben, atopa estrañas columnas coma esta fundidas no medio dos alpendres, dos estreitos corredores destas aldeas seculares.

Castro Cavadoso

Camiñamos, camiñamos, xa baixando. O roteiro indícanos que imos cara a Ponte do Castro, no Arenteiro. Pero antes eu sei que hai outro sitio. Castro Cavadoso. Nunha curva moi pechada, antes de cruzarse coa tubería do encoro, veredes unha sinal que indica que o roteiro non é por aí. Non señor. Si é por aí. E tanto.

Castro Cavadoso foi un castelo derrubado polos Irmandiños. Pertencía á Condesa de Ribadavia. Eu pensaba que sería a típica mota, o clásico torreón controlando o paso da Ponte. A primeira impresión, esa fotografía, así o confirmaba. Algunhas fiadas de pedra e os restos dalgún parapeto anterior, castrexo, se tal. Enganeime.

Aí dentro hai todo un burgo medieval: ves as rúas, ves as casas, ves os sotarregos, vivendas extramuros baixando cara o castelo. As potentes murallas continúan a existir, emerxendo como colosos adormiñados diante dunha húmida fraga de carballos. Mesmo para entrar no segundo recinto aínda debes gabear pola ladeira, sorteando as ruínas dun bastión. Explorei algo máis ao chegar a casa. Xaquín Lorenzo, Xocas, fala de que, en Castro Cavadoso, pódense ver cinco civilizacións. Non o sei, aínda que castelo e burgo tiñan técnicas construtivas diferentes, a simple vista. Pero durante séculos despois de que o castelo fora derrubado, o territorio xurídico seguiu chamándose Xurisdicción de Castro Cavadoso. Por algo sería. Solicitei máis información para contarvos algo, a ver se hai sorte. Alucinante.

A Ponte do Castro

De alí seguimos pola antiga brea medieval do Castelo. Xa nos faltaba pouco para rematar a nosa escapada no tempo e na Historia. Ao pouco, xa aparecía a fermosa Ponte do Castro, suspendida como en cristal sobre o Arenteiro, nunha fermosa paraxe. De seguirmos a brea, chegariamos a outro lugar fermoso do que xa vos falei: Cabanelas, co seu xudeu en pedra e os seus pazos ao sol. Canta riqueza poden dar os ríos que dan nome á comarca do Ribeiro. En especial, o seu intenso, esvaradizo, vello Arenteiro.

Mapa no interior do post


Visualizar o mapa ampliado

18 Comments

  1. 31 / Marzo/ 2009

    Fermoso todo! Fotos (fantásticas) e o que nos ven ás mentes polo texto (que bo escritor).

  2. 1 / Abril/ 2009

    Im-pre-sio-nan-te

    Yo sí quiero comprar. Ahora mismo me acerco a un banco a pedir dinero….

  3. 1 / Abril/ 2009

    A verdade é que no Ribeiro hai algunhas aldeas paradisíacas. O caso de Paradela, ou de Cabanelas, é incluso máis interesante, xa que no verán están algo máis ventiladas (no Ribeiro pode facer moitísima calor, “parámetros galegos” de calor).

  4. 1 / Abril/ 2009

    Que beleza de lugar! E esse património arquitectónico e natural!!

  5. 1 / Abril/ 2009

    Eso. Parámetros gallegos de temperatura. Y por cierto, no mientes a la “bicha”. He leído a Colineta en relación al cambio climático y Galicia y es pa….. ca…….se
    Saludos

  6. 2 / Abril/ 2009

    Interesante, Fran, aínda que a palma na man dunha das figuras e as dúas figuras pequenas induce máis a pensar que se trata dunha representación de mártires.

    Outra figura interesante do contorno é o león decapitado que está baixo a ponte. No seu tempo debeu estar tirado no río, porque está moi limado, pero se cadra no seu momento formou parte do conxunto, xunto con esa estraña figura do cruceiro.

  7. r.r.
    2 / Abril/ 2009

    Precioso sendeiro e preciosa narración.

    Pero o dos plumóns… (se é que son os mesmos) Iso semella a “herba da Pampa”, que as Autopistas do Atlántico comezaron a usar como elemento ornamental e agora é considerada especie invasora.
    http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2008/12/05/0003_7370747.htm
    E polo visto non é “problema” só de Galicia:
    http://www.elcorreodigital.com/vizcaya/20071015/vizcaya/hierba-pampa-invadido-hectareas-20071015.html

    Iso si: a min tamén me gusta (aínda que agora téñolle un algo de medo e non a poñerei nunca na horta)

  8. Tito Levoso
    7 / Xuño/ 2009

    Os parametros galegos de calor tamen o son no veran homologados cos do resto do pais, no Ribeiro chegamos os 40º con facilidade.

  9. 19 / Maio/ 2010

    Xenial !!!! , pena que non te lera antes de facer a ruta! Descubriría mais cousas das que descubrin, agora quedome con ganas de voltar.
    Pero unha cousa, se non me equivoco, o que contas son os secretos da “Senda do Arenteiro”, se falamos dos PR homologados claro, xa que a de homologada de borboras non pasa por Castro Cavadoso!
    Encantado de lerte! Sau2

  10. 13 / Xaneiro/ 2012

    Hai ho! escribín unha migha sobre a planta pola que preguntas mais o sistema seica o botou ó lixo. Pois non era nada pro-lixo!

  11. 13 / Xaneiro/ 2012

    MIguel, pois non puiden recuperar ese comentario teu. Non aparece por ningures. Unha mágoa.

  12. jesus
    5 / Setembro/ 2013

    Acabo de visitar o castelo de Castro Cavadoso con varios amigos e ficamos abraiados polas súas dimensións e o seu abandono. É unha pasada. Estouche moi agradecido por toda a información que atopo no teu blog. Eu, como podo, fago por difundir todo este patrimonio esquecido entre a xente do meu arredor.

  13. 5 / Setembro/ 2013

    Certamente é un auténtico tesouro do Ribeiro. :-)

  14. 8 / Febreiro/ 2015

    Que boa pinta, Xavier. Hei de ir por alá cando teña un momento!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará