O viño tostado Rosalía Castro da anada 1916


Etiquetas do Tostado Rosalía Castro. Na contraetiqueta apréciese o poema Adeus Ríos, Adeus Fontes do libro Cantares Galegos. Fotos: Xosé Luís Axeitos

Moito me sorprendín cando hoxe á mañá, no transcurso dunha pequena introdución iconográfica que o académico Xosé Luís Axeitos deu sobre a figura de Rosalía de Castro, apareceron estas fotografías que xentilmente me deixa publicar o seu autor, o propio Axeitos. Viñan ao caso despois de falarmos do Avelino Lorenzo e o rexurdimento do Tostado. Trátase dunha botella autenticamente singular: un viño tostado do ano 1916, embotellado por Lago e Hijos (parece que en Vigo) e bautizado como Rosalía Castro. A marca Rosalía de Castro xa se utilizou adoito en datas tan tempranas como valor seguro de marketing, cun certo sentido xa daquela case pop. Un concepto singular, de masiva aceptación popular, con sentidos positivos, ao redor de Galicia e o rexurdimento da súa identidade: todos concentrados nesa figura de muller.

Pero a botella ten tamén un valor de seu para un amante do viño: fala de cando o tostado -¿será do Ribeiro?¿Será do Rosal ou doutra comarca?- era un valioso e singular caldo que se comercializaba como “néctar”, con “solera”. Despois abandonouse, e desapareceu das tendas ata hai poucos anos. Esta foto é como un relampo dunha historia da que coñecemos moi pouco: a das anadas singulares e míticas dos nosos viños: nunca tivemos grandes adegas ao estilo Chateâu Latour e Romanée Conti, que preserven nas súas adegas os viños contemporáneos dos grandes fitos da historia dos pasados dous séculos. Pero, se cadra, si existan, de xeito modesto, as trazas dos elaboradores de calidade nos tempos da Belle Époque e os inicios do XX. Temos unha eiva grande no que sabemos sobre o noso pasado vinícola e, ao mellor, ao remirar nos mobles-bares dos pazos e casas burguesas do país, levariamos unha grata sorpresa.

7 Comments

  1. Xabrés da teixeira
    28 / Marzo/ 2009

    Eii, boas tardes!
    So queria engadir un pequeno apunte. Xa vai moito tempo que le escoitei a un parente meu, que xa pasou a mellor vida, que o verdadeiro tostado, facianno os frades, porque entre eutros, tiñan un deles dedicado exclusivamente a coidar dos acios, hasta que pasificaban. Primeiro na vide, encartuchados, e despois unha vez cortados, tiñan que movelos todolos dias e sacarle os bagos podridos, hasta o momento en que estaban caseque secos detodo. Eiqui viña outro problema que era a cantidade de viño, en relación co normal reducíase mais de un 80 %.
    Tamén le escoitei que aparte da treixadura, unha das mellores castes para esta “delicatessen”, eran as uvas do rei, unha uva con pel case bermella, mais branca, e cos bagos moi separados e cunha gran cantidade de zucre.
    Non sei se será moi cientifica a explicación, mais eu doulle creto a un meu tio-avó.
    Saúdos.

  2. 28 / Marzo/ 2009

    Xabrés, o do rendemento é totalmente certo.

    ¡Uva do Rei! ¿Cal será?

  3. avelino
    15 / Xullo/ 2011

    Sempre me dá apuro escribiche este tipo de cousas. Dou por feito que as sabes.
    O caso é que estou relendo o “Merlín e familia” de Cunqueiro. E xa me fixo botar varios frolos de tostado. Por exemplo no capítulo da “soldadura da princesiña de prata” di:
    “…Consolouse mestre Flute dúas veces co tostado que lle servín, e que era un foro que pagaban a meu amo os sanxoanistas de Ribadavia…”
    E no da “trabe de ouro”…
    En fin, que o Tostado era o viño oficial de don Merlín.

  4. 15 / Xullo/ 2011

    haha! Si, coñecía. Direiche que andiven mesmo detrás dese tostado dos sanxoanistas… :-) Creo que o bo de Don Álvaro se refería ao priorado que estaba en Pazos de Arenteiro, non en Ribadavia. Se tal fora, xa non poderemos probar ese tostado a medias entre a fantasía e a realidade. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará