Ostras a contrarreloxo en El Muelle, no Freixo

No porto do Freixo, na Serra de Outes, hai un bar-restaurante-cafetería ao que tedes que ir se sodes amantes das ostras e do bo peixe. En El Muelle, xusto enfronte da lonxa, o xefe emprega o mellor método de conservación: as ostras están “colgadiñas do mar” ata antes da hora das comidas. Encántame a frase, aínda que eu non lla escoitei en persoa: as ostras consérvanse nunha nasa metida na ría. Chegan directamente ao prato desde a ría de Muros. As ostras son do arrastre, son ostras salvaxes, non cultivadas; máis pequenas -descoñezo a variedade-, pero dun concentradísimo sabor a mar. E diredes, pois como todas. Non. Como todas non. Nestas ostras, de sabor máis rotundo do que é habitual nas cultivadas, considerabelmente musculadas e fibrosas, entra todo o mar das rías galegas: algas, caramuxos, polbos, plancton, nécoras. Todo iso está aí dentro. Agora é un bo momento para ir. A tempada das ostras do arrastre, salvaxes, está a piques de rematar; logo chegarán “as de batea”. Así que, se un non quere perderse o espectáculo, pódeas disfrutar cun albariño Quinta do Couselo do Rosal, coa melancolía de quen despide a unha amante a penas coñecida.

As ostras salvaxes en El Muelle están a 1 euro/unidade. Se vas, ármate de paciencia e vai con tempo, porque o servizo é lento.

2 Comments

  1. Natalia
    20 / Setembro/ 2011

    Ai Dios mio!!!! Ostras en estado puro! E nunca mellor dito! E con Albariño… Xa me falaron de tal lugar e sempre foron loubanzas e boas lembranzas. Se a felicidade non esta ai, pouco lle ha de faltar. Jeje…

  2. Nick Platino
    20 / Setembro/ 2011

    Eu podo dar fé de que ese restaurante e algo excepcional. Como dixestes, as ostras incomparables, pero tamen ten materia prima pa darte unha boa homenaxe a base de marisco do bo. Un dia dos que fun había fora de carta empanada de navallas, que creo q foi a mellor q comin na vida. Tamen moi recomendables os berberechos o vapor e o pulpo a plancha. Nati prometo q te levo…pronto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará