Localizada a Fonte de San Xoán, no Castro Valente

Last updated on 27 / Novembro/ 2012

Subo a última hora do sábado ata Castro Valente, que me ten comido a cabeza. Teño moita enerxía por gastar e dispoño de pouco tempo antes do solpor, así que trepo á carreira o monte enteiro polo cortalumes oriental, ata que os cachotes caídos me fan sentir que xa está aquí a vella e longa muralla que rodea a coroa do monte e o peito parece que se me sae pola boca. Confío, de xeito bastante inxenuo, en poder comprender isto a base de dedicarlle horas, pero sempre que chego aquí arriba o sol está para poñerse e levántanse ventos que sempre veñen xélidos. Malia iso, á fin, consigo localizar, no poñente, a fonte de San Xoán, que é a que vedes na foto. Alguén limpou estes días algo da matogueira e aparece esta curiosa inscrición presidindo a fontiña (hoxe seca). Está nunha das portas da muralla (debía estar más claro a principios de ´seculo), e para Jesús C. Rodríguez está escrita por algún presbítero da veciñanza en 1706, se cadra coincidindo co traslado da ermida a máis abaixo, ao Caeiro, onde hoxe está, á beira da pista que leva á Estrada. Efectivamente, vexo as bases dun edificio aos pés da muralla. A antiga ermida. ¿Sería esta igrexa, a igrexa enterrada chea de ouro das lendas que me contaban na Barcala?

Dou voltas polo castro. Aquí, no poñente, hai máis restos de construción, pero todo o lugar foi unha canteira colosal.

Volverei. Non o dubidedes.

4 Comments

  1. Carmela
    7 / Abril/ 2009

    Reimóndez Portela, na obra A Estrada Rural, recolle algunha lenda sobre o Castro Valente, tamén narrada por Arca Caldas. Se non o coñeces, mándoche un correo co que dín.

    Saúdos, Carmela.

  2. 7 / Abril/ 2009

    Moitísimas grazas, Carmela! Xusto tiña a man o libro e xa lle botei unha visual a todo o que se conta por aí. Contareino nun post estes días. Está claro que o castro é unha fonte inesgotábel de lendas. O que xa é máis raro é que, noutro libriño, A Estrada, a guía turística da editorial Everest, Reimóndez Portela fala de grandes achados no lugar. Achados que non topo por ningures (aínda que había quen falaba dunha ara romana).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará