A tertulia das cinco en Albeida

Last updated on 23 / Marzo/ 2009


As cinco da tarde na ría de Muros-Noia desde Albeida. Fotos: Sole

Camiñabamos a senda verde do Albán, en Outes [localización], baixo o sol suave desta primavera tan ben chegada. Tras subir os muíños, os pasos leváronnos ata a aldea de Albeida. As terrazas caían suaves ata a ría, e o fermosísimo bosque atlántico chegaba ás praíñas solitarias e inaccesíbeis -que poucos sitios quedan onde vermos chegar as fragas de carballos ata o mar-. Alí os laranxeiros estoupaban de froita, e as amendoeiras estaban tupidas de branco, montándose no carrizo verde das pedras dos hórreos. Ao dobrarmos por unha rúa, atopamos a unha manchea de veciñas sentadas en derredor. Ao verlles as caras a todas, os seus sorrisos das cinco da tarde, pensei:

-Que ben se debe vivir aquí.

Os veciños de Albeida, todos os días, ás cinco da tarde sentan xuntos a falaren e a contárense as cousas do día. Labradoras e mariscadoras, as dúas cousas ao mesmo tempo, nesa interesante economía dual que se dá nalgunhas aldeas das Rías Baixas. Algunha aínda marisquea, pero case todas disfrutan do seu tempo canto precisan.

Están todo o tempo a rir e a laretar. A muller máis vella da aldea, Mercedes, con 95 anos, (é a señora da esquerda na terceira foto do post) non foi nunca ao médico. “Ben, si, unha vez, fun a Santiago ao Hospital a unha visita”. Cando vén o mal tempo, métense nun alboio e xogan ás cartas. “Agora só os festivos”, sinala un home. Imaxino esas partidas épicas, sen piedade e de suxa moral tafur á brisca, á escoba ou ao subastado. Xa paramos a falar na tertulia das cinco de Albeida. A pouco máis non botamos unha brisca coas expertas.

Os veciños de Albeida están moi orgullosos do seu máis famoso veciño, o músico Rodrigo Romaní. Romaní dedicoulles o seu primeiro disco en solitario, Albeida, levando o nome da aldea á historia a música galega. Saen elas e eles fotografados no álbum na mesma corniña das súas tertulias das cinco, “menos un que se puxo un pouco separado”, dinme. Vai unha temperatura deliciosa aquí. Varios merlos andan moi preto da xente. Romaní chegou de Irlanda onte, dinnos os veciños.

E abofé que era certo. Ao marcharmos da aldea pasamos por diante da casa do músico; Rodrigo estaba a ensaiar ou a compoñer coa harpa. E por esa banda da aldea, xúrovolo, esvaraban notas coma estas desde as fiestras do vello estudo de pedra ata os xardíns, as froiteiras, as encostas e o mar de Muros e Noia:

A maxia das cinco da tarde en Albeida.

4 Comments

  1. 22 / Marzo/ 2009

    Ai, Outes… que morriña…
    E vostede sabe como se consegue que en Google Maps muden Lantareu por Lantarou e Boal por Boel (dito sexa de paso, lugar de nacemento de Francisco Añón).

  2. Jose
    23 / Marzo/ 2009

    “E por esa banda da aldea, xúrovolo, esvaraban notas coma estas desde as fiestras do vello estudo de pedra ata os xardíns, as froiteiras, as encostas e o mar de Muros e Noia”
    Lástima si non te lee Romaní, Manuel.

  3. 23 / Marzo/ 2009

    Nin idea, Cesare. Supoño que en Google España terán algunha responsabilidade (hai pouco fixeron unha importante actualización e incorporación de topónimos en Galicia).

    E si, a costa de Outes aseméllase bastante a un paraíso. Así de claro.

  4. Olalla Tuñas
    12 / Novembro/ 2011

    Eu son de Albeida, e vaia coincidencia que fun atopar este post de casualidade. Éche un paraíso, o certo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará