Viños portugueses: a primeira impresión non é a que conta


A Quinta Santa Eufemia.

Ultimamente teño bastante contacto cos viños portugueses, e por primeira vez, mercé a The Wine Codex, tento facelo cunha visión analítica. E atopo unha circunstancia moi acentuada neles: a evolución ao longo do tempo. Calquera viño, de calquera parte do mundo, evoluciona desde o momento en que a botella se abre ata que ese viño se perde. O contacto co aire provoca unha oxidación que provoca que o viño desprenda un tipo de aromas ou outros, ou mesmo que se aprecien diferentes matices na degustación.

Unha boa parte dos viños portugueses que teño catado nos últimos días son, ao principio, o que se di pechados. É dicir, de primeiras en nariz non te din moito, por moito que te esforces. Pero hai que deixalos respirar, e aí está o truco. Son viños que van movéndose co paso do tempo. E pode que un tempo despois de abrilo, mesmo despois de axitalo na copa de vagar, ese viño ofreza unha complexidade aromática moi elevada. É dicir, non son viños para cata. Ou non para catas convencionais, nas que o xeito que temos de valorar os viños con frecuencia descoida o factor tempo. Podemos preparar, decantar o viño antes, pero ao final sempre valoramos unha instantánea dun momento determinado do percorrido dese viño, perdendo boa parte da riqueza da evolución temporal dese viño. Gústame que haxa caldos e rexións que, consciente ou inconscientemente, se desmarquen da inercia do mercado e obriguen a contar con tempo.

Parte da explicación do que acontece con isto pode estar na peculiar viticultura que aínda existe en Portugal, nalgunhas quintas antes especializadas en viños do Porto. Esta semana vímolo cos viños da Quinta de Santa Eufemia, no Douro, nunha cata que ofreceu na Viña de Xabi o seu viticultor, Pedro Morais de Carvalho. Cando deron o salto á elaboración de tintos, aproveitaron os vellos viñedos do viño do Porto, que son -como antes sucedía en Galicia- un auténtico labirinto de castes plantadas xuntas e vinificadas sen distinción. Polo tanto, na elaboración dos viños básicos das adegas un pode estar bebendo viño feito a partir de vinte variedades diferentes! Daba a impresión que durante o tempo que estaba aberto o viño, unha variedade tras doutra foran ofrecendo o que tiñan de xeito escalado e ordenado.

Así pasou cun Perene Tinto 07 ou dun SCE Reserva 04, que ofrecían caras moi diferentes conforme ía pasando a cata. Lonxe do monovarietalismo que hoxe domina na banda española da Península, os portugueses son quen de facer excelentes tintos á antiga usanza plurivarietal. O seu Viseu de Carvalho combina unha chea de castes na que sobrancea a Tinta Carvalha, e é un magnífico viño de terroir, obtido dunha parceliña moi concreta e querida na familia. Pedro ofreceunos tamén probar un monovarietal que el fai fóra do amparo da marca familiar: o Compota, no que se desmarca do plurivarietalismo clásico da zona e tenta buscar, en cada anada, a máxima expresión dunha casta portuguesa concreta. O Compota 05, con só 2000 botellas, amósanos a cara potente da Tinta Roriz (tempranillo), nun contexto climático tan duro e estremo coma o Val do Douro, permitíndonos explorar as posibilidades desa uva. É unha marabilla para a que é preciso tempo. Como para saber de viño portugués.

One Comment

  1. 21 / Marzo/ 2009

    Iste pasado verán pasei cinco días en Porto e disfrutei dos seus viños. Mais tamén teño que decir, que as minhas ansias polos oportos da Vila de Gaia perdíanme nesa procura de sensacións… Volver a beber oportos foi como reinventar a festa, transmigrar aos anos oitenta, ao Orzán coruñes, ao Patacón, Tranvía, Kopas, Jazz Filloa, Mandríl…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará