Eses tesouros que non saen das adegas

Son producións limitadas. Mimos, experimentos, autoagasallos dos viticultores que só se proban no frescor das adegas: adoitan ser viños excelentes, incríbeis expresións de pagos ou micropagos, monovarietais de variedades minoritarias, seleccións especiais bago por bago, métodos de vinificación pouco produtivos almacenados na memoria familiar que se perpetúan por sana e digna terquedade. Son tiraxes tan limitadas que a súa comercialización e distribución é un problema. Se tes trescentas botellas, ¿a quen llas das?¿a quen non llas das? Probo na casa o Néctar de Almajara 07, un moscatel da Axarquía malagueña, feito coa contundencia de cando o viño doce era sustitutivo do alimento en terras pobres. Parece que te vai curar un catarro que non tes: é un puro fósil vinícola, relativo a tempos que xa non existen. ¿Saben canto vale? O vello tírao do bocoi que ten na tenda, só un bocoi ao ano, a 2’50€ o litro. Un moscatel doce malagueño desa calidade non nos sae por aquí por menos de 60 euros/litro.

Non falo só do factor exclusivo: obviamente, o feito de tomar un viño único, exclusivo, do que a penas hai trescentos ou catrocentos litros por ano, excita a calquera, hipnotízate. Pero da sofronización enolóxica falaremos outro día. Falo de que, por exemplo, é moi posible que un dos dous ou tres mellores viños galegos non o atopes nas tendas. Hai un mes pasei pola Adega Algueira, en Sober, a miña adega preferida, ao longo dos anos, da Ribeira Sacra. Quería mercar algúns dos seus viños que non chegan ao mercado e conversar con Fernando sobre os novos proxectos (preparádevos para un monovarietal de merenzao e un impresionante plurivarietal branco). Entre eles está o Algueira Pizarra 06. Pisado a pé, nunha única barrica, este viño só se embotella en magnum e só se vende en adega a 50 euros/botella (aínda que supoño que se chamas pódecho enviar). Este viño é pura expresión do que pode dar a mencía en estado puro. Unha mencía profunda, mineral, golosa, que te marabilla segundo a vas tomando, que se vai pegando a ti, que é persistente sobre todo no espírito. Este viño, que non atoparás nunha tenda, debe ser, xunto co Gorvia, unha das dúas marabillas tintas do país.

Os tesouros que non marchan das adegas, ou de produción moi limitada están aí. Obrígante a viaxar, a facer estrada e a obter a benevolencia dos adegueiros para que chos revelen. Pero están aí, revelándonos que, máis alá das guías de viños, das calificacións e dos puntos, hai un mundo subterráneo de excelencia vinícola que só os presentes poden acadar.

One Comment

  1. 19 / Marzo/ 2009

    Tamén é certo que en moitos casos a limitación da colleita conleva unha forte dose de markenting, que lle pregunten a Peter Sisseck. Por certo, prometo non volver a tocar unha botella de Pingus na vida :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará