O Castro de Bexo (Dodro): unha vila prehistórica coas casas a flor de terra

Last updated on 1 / Marzo/ 2011


Ubicación do Castro de Bexo. Fotos: Sole


Base dunha casa castrexa

Desde que estivemos en Castro Valente, fiquei moi intrigado polos Castelos Baleiros, eses espazos acotados por soberbias murallas con nada no interior. Si, quedei cismando, e quedei cismando na ribeira do Ulla. Que souberamos, había outro castro na beira do río que seguía o patrón de deseño de Castro Valente: o impoñente Castro das Cercas, na parroquia de Isorna (Rianxo). Un día contareivos del, que hai moito que dicir. ¿Podía haber un patrón cultural neste tipo de castros? ¿Un modelo moi definido na ribeira do Ulla?¿Por que?¿De onde proviña?

Nun segundo plano, con todo, rumiñaba nalgo que deixou caer Carlos de Rianxo o outro día: no Castro de Bexo (Dodro) aínda se vían as casas. A casualidade quixo que o outro día dera con esta noticia: uns concienciados motocrossistas dedicábanse a esfarelar as ruínas dese castro, ao que os veciños lle chamaban As Murallas.

A curiosidade activouseme de todo. ¿As Murallas? Subimos nunha fermosa mañá de sábado ata o lugar. O Castro de Bexo [localización] atópase na fronteira montañosa natural entre as terras do Ulla e a actual comarca do Barbanza. Non sería raro que no pasado tamén fose unha división, e alí comezase o territorio dos Celtas Praestamaricos, que así lle chamaba Plinio ás xentes que vivían na península arousán. Ao chegarmos, entre emoción, decatámonos de que aquelo que lle dixeran a Carlos era certo, e moi certo.

Ao subirmos ao primeiro parapeto, ao vermos a muralla de pedra, comezamos a observar algo que acontece moi poucas veces nisto da arqueoloxía. Sen excavación previa, malia ficaren maltratadas polos traballos forestais, velaí estaban. Casas, si. Aínda se recoñecían as antigas casas castrexas. Por todas partes. Dous mil anos despois, algúns cimentos aínda en pé. Subimos a un segundo recinto. Ao leste, alí onde non chegaban as máquinas forestais, distinguíase perfectamente a muralla e toda sorte de identificacións. Seguimos ascendendo no castro. A sorpresa máis grande foi no cumio do monte. Mesto de árbores, decatámonos de que tiñamos que ir con coidado para non darnos un tortazo. Alí, no alto, apreixábanse as antigas casas dos nosos devanceiros. Había furados enormes que afondaban, alí onde estivera o centro das casas, cubertos por unha espesa capa de frouma. Aló, máis adiante, sobresaía un bastión.

Contei non menos de vinte casas apreciábeis a simple vista, tal e como as abandonaran hai dous mil anos. E recintos? Intramuros había tres; a segunda muralla percorría todo o outeiro penedento e nela tamén había casas, especialmente na banda norte. No oeste, unha poderosa muralla con curiosas edificacións adosadas polo exterior. E, ao norte, nunha zona chan, na base do recinto, un sospeitoso valado que parecía acotar unha zona de cultivo, ou algo así, aínda que esa zona, a máis accesíbel, está arrasada pola explotación forestal de eucaliptos.

Se non sufrira a continua e actual agresión forestal e as dos tipos do motocross, este castro, lonxe dos núcleos actuais de poboación, sería o mellor conservado da zona.


Bastión SE


Muralla Oeste


Casa no cumio do castro

Actualización: 1/03/2011: Estivemos botándolle unha pequena ollada ao Castro de Bexo e apareceu unha terceira muralla, moi consistente e de carácter monumental, por baixo das que supuñamos. A área do castro multiplícase, e non me estrañaría que superara as 3,5 has., aínda que habería que revisar con atención toda unha zona chea de masa forestal e bastante impracticable que é a que se ve oca na seguinte gráfica. A seguinte gráfica ten unicamente carácter ilustrativo, pero non ten dimensións nin proporcións. Entre esta última muralla máis externa e a intermedia aprécianse restos de muros bastante raros.

O parapeto ubicado máis ao norte co seu muro de terra e foxo para min é toda unha incógnita. Se ese parapeto corresponde á mesma época do resto do castro, poderiamos estar a falar dun oppidum, un tipo de castro moi grande e monumental característico do sur de Galicia e norte de Portugal, pero raro aquí. Cada vez confírmase máis a nosa intuición: este é un xacemento de primeira.

26 Comments

  1. danielo
    17 / Marzo/ 2009

    E isto non compensaba “poñelo en valor”?? Non sei eu sempre penso que a todos os turistas que xa veñen (e aos que poderían vir) gustaríalles ter unhas rutas polo barbanza, Ulla ou whatever para ver o que alí había antes. O Castro de Baroña atrae a moitísima xente cada ano non?
    Arousa Norte ven podía usar isto para captar excursións de xente que vai a Santiago…
    Morremos de fame porque nos dá a gaña

  2. Xabrés da teixeira
    17 / Marzo/ 2009

    Este fin de semana, irei as Frieiras, a facer o vago.
    Dende vai anos teño unha teima co Castelo de Formigoso, na aldea de Santigoso do concello da Mezquita.
    Coido que é un dos castros mais grandes sen por en valor, de toda Galicia, coñecidos.
    Se alguén quere coñecelo, velo, patealo, etc., etc, pódese poñer en contacto conmigo, a través deste blog, se non le parece mal o dono.
    Ten as duas murallas(derruidas) mais grandes, e os fosos mais fondos, así como unha seria de pedras fincadas tamén de bon tamaño. As casoupas tamén, nalguns sitios están as vistas (cando o lume as deixa).
    Apertas, eperdón pola intromisión.

  3. 17 / Marzo/ 2009

    Aaah, Xabrés, ese debe ser o famoso castro do que me falaran a min hai anos, cando a penúltima gran vaga de incendios, de que se notaban moitas das estruturas tamén a simple vista! Que bo o teu apuntamento! Non poderei ir esta ponte, pero hei de facer por visitalo en canto vaia por alá.

  4. 17 / Marzo/ 2009

    Si, Danielo, estes depósitos son moi valiosos, pero ademáis poden ser un interesante vínculo e estímulo para a cultura local. Quero dicir, son recursos turísticos pero tamén recursos para a xente dos concellos. A arqueoloxía, está demostrado, é unha fonte de riqueza e de valor engadido.

    A mágoa especial co Castro de Bexo é que o seu proceso de degradación debeu comezar a iso dos 80. Antes, debía estar tal e coma o deixaran hai dous mil anos. En Galicia temos o privilexio de ter un dos maiores patrimonios arqueolóxicos de Europa. Algúns deses xacementos, ademáis, están case intactos, pero nolos estamos cargando nos últimos vinte anos.

  5. Moncho
    18 / Marzo/ 2009

    Vexo que andivestes pola terra da miña “consorte”…!
    Ese castro xa o tiña eu na miña “axenda de visitas” dende había tempo pero, por unha cousa ou outra, aí estaba pendente… Sabendo o que hai, agora non tardarei en achegarme ata alí.
    Xa vos contarei o que atopei no Castro de Lamiño (Brión), a escasos 500m de onde eu vivo… Pero antes sacarei unhas fotos.

  6. REFLEXF4
    18 / Marzo/ 2009

    Algo me sona, de andar por ahi a os cogumelos, cantos comerián os antecesores, ainda que ben lles iban os berberechos,…..

  7. 18 / Marzo/ 2009

    Estupendo, Moncho, se vas ti (ou calquera), tede en conta que non hai camiños, e ides andar por un monte coas árbores recén cortadas… é moi doado caer ou tropezar, así que coidadiño….

    Reflex, por sorte sabemos ben que marisco comían…aínda estou preparando un post sobre gastronomía castrexa, pero quería facelo en vídeo… a ver que tal sae.

  8. Moncho
    18 / Marzo/ 2009

    Falando de marisco e do Castro das Cercas, contábame un veciño de Isorna que, de pequenos, ían xogar a ese castro e, revolvendo en buracos na terra, aparecíanlles restos de ostras, berberechos…

    Respecto da súa conservación, outro problema que lle vexo ó Castro de Bexo é que -creo- está situado nun monte comunal. De cando en cando están facendo talas masivas por esa zona (Na primeira foto pódese apreciar ben…) e os madeireiros pasan coas máquinas por riba de todo o que lles apareza por diante para chegar ós lugares de corta, aparte de que seguro que nin sequera saben o que alí hai… Desta vez parece que se librou. Para a vindeira esperemos que alguén os advirta!

  9. .
    22 / Marzo/ 2009

    Paseime por ali e xente falaba como se hoxe practicamente non houbese nada alí, dicían que canteiros e particulares lebaran as pedras da muralla, e outra pedras que disque eran moi bonitas.
    Un señor falaba de que hoxe so atopas as casas movendo un pouco na terra, polo que antes debían ter bastante altura, até comentaba que tiña que pasar por baixo de non sei que,que non entendín moi ben, daba enteder que das contruccións; isto todo de cando el era novo.

  10. danielo
    22 / Marzo/ 2009

    Si magago, por suposto, é unha forma máis de apreciar o noso entorno. Ou sería, de poñerse a disposición/coñecemento da xente. Eu estudiei a 20 metros do castro de punta ostreira e nunca o fumos ver nin cun profe de historia, nin de xeografía nin de natureza/bioloxía nin nada. E cant poderíamos aprender aí ó ladiño, e que estimulante non?

  11. 22 / Marzo/ 2009

    ., efectivamente, a degradación do castro nos últimos vinte ou trinta anos tivo que ser brutal. Seica o lugar tiña sona porque as casas aínda se vían todas. Perdimos unha oportunidade arqueolóxica de ouro. Aínda así, o castro chegou ata hoxe en condicións moi interesantes, pero non sei cantas repoboacións/talas máis aturará.

    Danielo, efectivamente. O problema é que, como ben sabes, Punta Ostreira era de propiedade privada e as agresións que tivo o lugar derivaron a unha sonada condena das salvaxadas que se fixeron a alí dictada polo TSXG. Pero, sen dúbida, sería interesantísimo, habida conta de que, segundo comenta o arqueólogo que fixo a cata de urxencia aló, a croa, as vivendas, están en mellor estado do que parecería de principio. E non falemos de falar do propio mosteiro para explicar unha parte da historia de Galicia (a transición Idade Media/Renacemento, a loita entre o poder eclesiástico e o feudal…).

  12. 6 / Abril/ 2009

    O castro de Bexo si que está en terreos da CMVMC Cruz do
    Avelán, pero segundo a lei do patrimonio cultural de Galicia do ano 1995 hai que pedir permiso á dirección xeral de patrimonio cultural para facer calquera cousa (excepto para visitalo) nun xacemento arqueolóxico, aínda que estea na túa propiedade; ademais dende a comunidade de montes sabían que o castro estaba aí, e tamén lle foi advertido nunha asemblea xeral; e si que degradaron o castro coa tala de (puntais) de ecalipto, que é o que había (e aínda hai), xa que lle pasaron por enriba os tractores. Danielo queroche dicir que este castro non está en Arousa Norte, xa que pertence ó concello de DODRO que non está dentro de dita organización.
    Nas proximidades do castro, nun radio duns 500m, hai tamén catro mámoas, un petroglifo e outros dous castros, o de Foxacos (no concello de Rianxo) e outro vinculado co de Bexo e que actualmente está situado no limite entre Dodro e Rianxo.

  13. 6 / Abril/ 2009

    Refoxeiro, a que castro vinculado co de Bexo te refires. ¿Podes dar algunha ubicación xeográfica?

  14. 27 / Abril/ 2009

    ó que se atopa nun montículo ó lado dereito da pista que vai a Teaio, aínda que non se ve pedra ningunha; ademais vese dende o castro de Bexo.

  15. carlos
    26 / Setembro/ 2009

    manolo xa teño localizado o castro vinculado co de bexo(ó baixar para a pista cruzamolo polo medio )

  16. 26 / Setembro/ 2009

    Carlos, que ben! Mándame un correo co teu teléfono, que o volvín perder e vemos cando nos podemos achegar (e así imos tamén a Fruime).

  17. 9 / Febreiro/ 2011

    Van actuar no castro de Bexo, pero aínda non se saben datas. Agora están limpando os petróglifos de Bouza-Abadín, en Imo, e logo van ir ás mámoas da Mina da Balouta. Aínda non temos información do de Bexo, pero hai intención de “poñelo en valor”. Dependerá de quen saia nas eleccións de maio, pois non é unha actuación barata precisamente… (se se fai ben, claro).

  18. 9 / Febreiro/ 2011

    Gran noticia! Sabedes quen promove a actuación?

  19. 9 / Febreiro/ 2011

    O Concello. Hai que falar co concelleiro de Cultura, Abel Tarrío. Estamos a poñerlle un correo…

  20. 10 / Febreiro/ 2011

    Ah, perdón, a arqueóloga que está co dos petróglifos é Beatriz Pereiras, de Arqueoconsulting. Ao mellor coñécela…

  21. 10 / Febreiro/ 2011

    Si, si, o dos petroglifos xa o vin por aí. Pero o do castro é cousa máis seria, no sentido de que é preciso unha infraestrutura maior e máis complexa -e polo tanto, un bo investimento- que a limpeza do contorno do petróglifo e por dous motivos: un, que aquelo é moi grande, e dous, que está moi machacado pola explotación forestal (e aínda así ben preservado). A ver se vos conta algo Tarrío!

  22. carlos
    10 / Febreiro/ 2011

    D.Manuel non se preocupe que esta U.N polo medio e tereino informado en tempo real.

  23. 12 / Febreiro/ 2011

    Grazas pola información! A ver se o concello atopa os recursos para poder facelo!

  24. Tomás
    17 / Abril/ 2012

    Neste sitio arqueològico ainda há mais muralhas das que demarcas aqui, quase desde a base do monte. Também, no mais alto, existem sartegos antropoides escavados na rocha.
    Os canteiros do Aranho tinham este lugar como canteira até há uns poucos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará