Cancións contra a estrañeza

A estas horas da madrugada, nestes barrios periféricos da cidade, os ollos péchanseme. Baixamos lonxe do rebumbio e do via copis da zona vella, tentando reservar algunha enerxía para mañá. Imos no coche e rebumba unha voz que fala dos sereos de Vigo, dos locais que pechan xa de mañá co relente, do mar diante dos ollos. E, aquí na capital, que ninguén diría que é de interior malia estar terra adentro, quero estar ao carón do mar, entre o formigón e os gharitos, levado pola voz de Aíd, e ver espertar o día lentamente a través das brisas, un quinto de Estrella, a cara pálida, a barba medrada e os pantalóns cos baixos gastados por unha noite de loita. Porque escoito a Aíd no coche e síntome ben, síntome emocionado e con enerxías, cando canta ese temazo que é Ai non. E eu sei que é o que me pon a pel de galiña, seino moi ben. Como todos os que falades galego, coma min, e cada vez vos sentides máis estraños neste país, lentamente desprazados de todos os discursos.

Quérennos desprazar do presente, pero eu dígolles Ai, non, porque non teño flow, o que teño é xeito, e porque non vou facer desta canción unha reivindicación lingüística, senón un xeito de vivir, un xeito de ver a noite, de amar, de soñar, de poesía, como debe ser. Esa é a miña reivindicación: o presente, sanguíneo, furibundo, apaixonado. E na miña lingua. A miña lingua tan normal, tan válida, tan fermosa, tan capaz tamén de incorporar o cemento e densidade urbana dun xeito tan natural como hai cen anos verseaba carballeiras.

Subide o volume se queredes disfrutalo.

[audio:ai_non.mp3]

3 Comments

  1. 14 / Marzo/ 2009

    Esta moza anda polos dazaoito anos. En Vigo hai unha movida de música incrible. Non sei cando darán o salto, pero os garitos nos que se escoita música en directo é impresionante: de todo tipo, ademáis.

  2. 14 / Marzo/ 2009

    Si, no caso de Aíd e de Wöyza, da que falei hai nada, o papel de El Puto Coke en todo o que ten que ver con rap e hip hop é importantísimo. Ollo con Vigo, si señor: sempre foi unha cidade de música, por suposto, pero teño a percepción de que está formándose algo moi potente.

  3. Respect!
    14 / Marzo/ 2009

    Véseche moito no tema do rap Gago! coñeces temazo.org?

    Certo que por Vigo andan a traballar ben mais é en Compostela onde está o puto amo do rap en galego (pena que sexa un xénero pouco exportábel, co miolo nas letras). O Hevi! cunha chea de proxectos e en especial o máis seu: Malandromeda (.com). Grandísimas bases, mellores letras, inmensa fonética e qué dicir dos directos e do free-style, pura ambrósia!
    Como dixo un amigo meu nun concerto del: “coido que estou a vivir algo que no futuro será historia”. Un crack o Hevi!

    Ah, e moi identificado co teu sentimento sobre a lingua. Realmente non sei cara onde estamos a camiñar…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará