A corte


Adolph von Menzel, Voltaire na corte de Federico II de Prusia, 1850.

Comeza a ser a frase habitual nos seráns composteláns:

-¡Carallo, canto tempo!

Ata agora, vivín só dous cambios de goberno na capital do país pero, en cada un deles, son máis consciente da silandeira turbamulta de idas e voltas. Nunha cidade tan pequena, é doado percibir a migración de persoas; o poder, como na época medieval, segue a definirse por unha vaga de caras diferentes que ocupan sempre os mesmos espazos. Lugares para cortesáns ao xeito demócrata. Na literatura oral da cidade, xa abondan as lendas urbanas, máis ou menos reais, dos que entraron ás oito da tarde na sede dun partido e remataron ás once, tras unha fuxida discreta, na sede do outro. Nesta nova torna, será que xa levo tempo aquí, o que acontece figúraseme como un vals. Aspìrantes melancólicos, antiguos habitantes da noite compostelanita, que tras a caída popular desapareceran no berce das comarcas resistentes; agora exploran ansiosamente, retornados á corte, cunha copa de albariño na man, este ateigado acto social, facendo un baile circular e cadencioso, parando un anaco en cada persoa. Segundo avancen os días, saberan onde ir. Por agora, son todo oídos.

E saúdan a todo aquel que lembran do seu pasado cortesán.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará