130 mundos xermánicos por catar


Cata de Vins Alemanys en Mas Marroc. Foto: Sole

Teñen botellas como as que se vían antes en Galicia, as de tipo Rhin, de pescozo alongado e sen ombreiros, mantendo unha estética de século XIX que encaixa ben coa filosofía vital destas familias que levan cultivando os viñedos do Rhin durante xeracións. A distribuidora Vins Alemanys organiza todos os anos, a coincidir co Fórum, este evento único. Catrocentos ou cincocentos enogeeks de todo o Estado collen voos, coches ou trens para viaxar ata Mas Marroc, esta masía das aforas de Girona, para poder degustar os mellores vinos xermánicos e logo marcharen, ao remataren ou ao día seguinte, de volta mil ou mil cincocentos quilómetros de volta ás súas casas.

Eu son un absoluto ignorante en temas de viño alemán. Viños de nomes enormes, de nomenclaturas algo complexas, con técnicas vitícolas non moi empregadas por aquí, de pagos moi determinados, coa presenza de azucre residual…Por sorte, andaban por aí Joan Gómez Pallarès, Xoán Cannas e o Viticólogo que, xunto con outros consellos, déronme o máis valioso do día. Quédense con el cando vaian a unha cata dunha D.O. que non coñezan, porque é moi valioso.

-Ti vaite ás mesas onde hai máis xente -aseguraron.

Efectivamente. A min o que me marabillaba é a cantidade de afectos que esperan estes complexos viños brancos, tan ausentes, por outra banda, das cartas dos restaurantes, non só en Galicia, senón no Estado. Como diría Goethe, hai outros mundos pero están neste. Na miña errática navegación polo curso do Rhin, probei auténticas marabillas. Viños secos e doces dunha complexidade que, nesta primeira cata, só chegaba a asexar. Cheiros minerais, a gas, petroleados pero pracenteiros, concentracións de mel, outros estraños, como se o basalto volcánico se endozara, non sei. Unha pracenteira confusión. Centreime en coñecer a evolución dos viños brancos, unha teima na que ano: probei Dr. Burklin-Wolf do 90 -un potente aroma, pero cun corpo en proceso de desaparición-, e avancei ata outro do 96, que era sinxelamente espectacular. Un branco de 12 anos!

Os amantes do viño alemán estaban envoltos nun frenesí por catar estes 130 ou 150 mundos xermánicos. Moitos entraron ás 10 e non saíron ata as 17. Houbo algún atleta da cata que chegou aos 130 viños; eu planteime moito antes, mareado e confuso ante tantos sabores novos, e cun día de exploración da comarca da Garrotxa por diante. Houbo cousas que me gustaron, que me emocionaron. Outras, que parecían espertar moitas paixóns na concorrencia, deixáronme indiferente. Esa noite, ironías do destino, rematamos unha estupenda cea no Divinum da cidade vella de Girona cun Dr. Burklin-Wolf do 98, excelente, que nos trouxo o propietario, un auténtico experto en viños. Sen dúbida, un xeito distinto de ver o viño branco e disfrutalo.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará