Fórum 09: unha inspiradora sesión de intercambio

Asistentes ao Encontro. Fotos: Sole

Quedei ben satisfeito do II Encontro de Bloggers / II Trobada de Blocaires que celebramos no Fórum Gastronómico de Girona. Con 60 blogueiros gastronómicos acreditados e, cando menos, uns 50 presentes no evento, o Fórum é un dos congresos profesionais do Estado, en calquera sector, que presta unha maior atención ao fenómeno blog; grazas a iso conéctase cun gran número de prosumers e consegue unha visibilidade e dimensión enorme en Internet. Por iso chama a atención como Madrid Fusión, por exemplo, non é quen de entrar e abrir paso a este sector cada vez máis importante de consumidores/escritores/amadores.


Francesc Guillaumet e Maribel Ruiz de Erentxun avaliando un enfoque


Marc Cuspinera

A sesión comezou cun obradoiro ao que lle tiña moitísimas gañas: Fotografía gastronómica, entre el documento gráfico y la obra de arte, ofrecido por Francesc Guillamet, Maribel Ruiz de Erentxun (fotógrafos) e Marc Cuspinera (cociñeiro, a man dereita de Adriá en El Bulli), e que son os encargados de realizar os libros de El Bulli. Moitos blogueiros sabiamos, desde hai un ano e algo, que estabamos a entrar nunha nova fase do noso traballo desde o 2007: a preocupación por crear contidos coa maior calidade de edición gráfica, textual, formal, posíbel. E fotografiar comida e produtos con xeito eu creo que é do máis difícil nun bo blog gastronómico. Queriamos introducir no Encontro o consello e a práctica dos profesionais para axudar aos blogueiros a ver/inspirarse/reflexionar/aprender do traballo dos especialistas.

Cuspinera xa o avisou ao inicio do obradoiro: o principal problema en retratar un plato é que, por forza, é moi difícil representar as temperaturas e os sabores. Tes que recorrer a símiles, a xogos para construír esa sensación. Con centos de fotos, fotógrafo e cociñeiro foron analizando a evolución da fotografía de El Bulli, desde unha fotografía máis realista aos pasos máis conceptuais da actual. Foi unha sesión inspiradora. Con enxeño, pequenos trucos e a “caixa da señorita Pepis”, como definiu Cuspinera a unha tupper cheo de texoiras, fíos, reglas, etc, fotógrafos e cociñeiros crean a ilusión da fotografía gastronómica. Todo é sinxelo e barato, simplemente enxeñoso. Aproveitando o metacrilato, Maribel ilumina por debaixo o prato cun foco mentres Francesc saca fotografías a toda velocidade coa súa Canon. A clave: sacar as fotos a toda velocidade, sen dubidalo, un segundo. As fotos fanse durante o servizo de cociña, e raptan a fermosura efímera destes pratos que se estenden con luces, con volumes, texturas e sombras.


Joan Gómez Pallarès, Manuel Gago e Roberto González. Na pantalla, Philippe Regol.

Posteriormente, tras un descanso que moitos blogueiros aproveitaron para catar a cervexa Inedit no stand de Damm, chegou o momento do debate. Trala miña conferencia, abriuse unha mesa redonda na que participaron Joan Gómez Pallarés, editor do grandísimo blog de viños De Vinis. Joan fixo unha exposición moi precisa da súa relación coa escritura dixital. Da súa exposición, quédome coa súa preocupación polo estilo, pola elaboración da mensaxe en cada un dos posts, pola relación coidada entre a imaxe e o texto. Joan preocúpase porque os seus textos sexan lexíbeis para un lector, e tenta adaptalos na súa extensión ao tempo medio de lectura que consulta nas súas estatísticas. Pulcritude, exactitude, concisión para un espazo de profunda liberdade. Joan tamén se detivo na publicidade: “que ninguén aspire a facerse rico con ela”. Tras Joan, Roberto González, El Pingüe, contou a súa experiencia no mundo dos blogs con sinxeleza e paixón, achegando unha perspectiva fermosa e vital sobre o acto de bloguear, a contención e a prudencia, a relación cos cociñeiros. Roberto mesmo é cociñeiro profesional, pero ten unha enorme e íntima valía literaria… Despois, media hora de conversa e debate no que foron saíndo temas relacionados e unha sensación moi grande de bo rollo, de formar parte dunha comunidade con vínculos lixeiros pero moi estendidos.

É curioso ter unha xuntanza destas no ano 2008: un xa non se ve como algo que está nacendo, senón como algo que está, que só pode evolucionar, e con tanta enerxía positiva que se percibía, que só pode ir a mellor. Continuamente buliron proxectos de conversa en conversa. Foi Roberto quen comezou así a súa intervención, así de claro: “Os blogs están para quedarse”, afirmou.

E con gusto quedamos todos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará