Unha hortiña no castro de Vilares

Last updated on 5 / Febreiro/ 2009


O foxo do castro de Vilares

Víchedes algunhas veces as leiras que traballaban as xentes dos castros? César Parcero ensinoume as primeiras no seu laboratorio do CSIC. Eran como as escamas dun dragón. Caen das croas como unllas, evitando os ángulos rectos das divisorias medievais, e vencendo a pendente a través de ángulos curvos. No Laboratorio de Arqueoloxía comprobaran, a través da documentación histórica, como moitas destas escamas se foron dividindo en leiriñas ao longo da historia ata o minifundio actual, nunha continuidade cultural alucinante. Nalgunhas aldeas, a propiedade agrícola segue a ter, en última instancia, raiceiras prerromanas.

Neste sentido, unha gran experiencia que sempre recomendo é visitar un castro dunha zona agrícola cun labrego. O labrego vai saber moito máis dese lugar ca ti. E non pola tradición oral. Non. Vaino entender de labrador a labrador. Vaiche explicar a orientación do vento, a proximidade dos cursos de auga, a orografía, a relación cos camiños. Vai parecer que ese lugar o fixo el. E iso faiche comprender como, moitos castros, foron creados desde unha mentalidade e unha cultura non moi distintas á nosa.


O valo da horta do castro de Vilares

Pero vouvos contar algo que vin o outro día e que me chamou atención. Visitabamos o Castro de Vilares, no concello de Oroso [localización]. É un castro moi interesante, porque parece un calco negativo. Os traballos agrícolas fenderon parte da muralla da croa, así que entre o profundo foxo e o interior non hai o mítico valo (aínda que se perciben os seus restos cunha muralla de pedra). Por outra das bandas, presenta un complexo sistema de parapetos, máis ou menos ben conservados, hoxe convertidos nun peculiar bosque de carballos cos tobos dos raposos e teixugos ateigando as antigas murallas. Pero da banda norte do castro, saíndo dese complexo defensivo e do foxo, atopámonos algo sorprendente -aínda que habitual nos castros desta comarca ao norte de Santiago-. Do foxo e dos parapetos saía un valadiño de orixe castrexa, un valadiño mínimo de terra, que percorre unha área plana, sen defensas. Paseamos por ela, hoxe bosque de piñeiros. E non podo deixar de rirme. Eis a horta deste castro. Aquí habían prantar fabas, chícharos, leitugas, cebolas, correren os nenos, augaren á noite. O muriño tamén fuxía dos ángulos rectos como da peste, pero aí estaba. Na mellor terra ao carón do castro.

Non me importaría que, nesta antiga horta de Vilares -sería precisa unha excavación arqueolóxica para confirmalo- volveran a prantarse as variedades hortícolas da época, e que os escolares e quen quixera puidera ir ver unha horta de hai 2000 anos e poñerlle cara e vida a estes devanceiros que levan desterrados séculos do noso país. Por sorte, sabemos bastante da alimentación castrexa (dentro duns días farei un post específico sobre a gastronomía e o mundo gourmet castrexo, porque é moi interesante), e non sería difícil facer unha proposta hipotética de horta que falase, de xeito vivo, da nosa historia.

6 Comments

  1. lapatianco
    5 / Febreiro/ 2009

    A arqueoloxía da paixase está a facernos mirar con outros ollos, e repensar moitas épocas do noso pasado, incluso do máis recente.
    Hai moitos arqueólogos de recoñecido prestixio que, como saberás, non che están moi pola labor deste eido do coñecemento arqueolóxico, pero eu coido que algo sempre se pode tirar del.
    De feito nas rutas que fago é unha das miñas teimas, e tento aprenderlles ós demais a miraren o territorio e a interpretalo, e a partir de aí tentar ver como era antes (recoméndoche, por poñer só un exemplo) un lugar para ver isto: o pazo de Daneiro, no concello de Zas, transformadas as súas terras agrícolas en finca forestal hai uns 100 anos, na que traballou o famoso enxeñeiro agrónomo Areces (o mesmo que plantou o monte Aloia que agora vemos, ou Figueirido onde agora está o cuartel da aerotransportada), e ver horreos de distintas épocas xa sen o seu uso incial, no medio das árbores.

  2. lapatianco
    5 / Febreiro/ 2009

    E deso falamos, dos distintos usos que se lle a ó territorio a través do tempo, e da transformación da paisaxe que iso conleva.

  3. 5 / Febreiro/ 2009

    lapatianco, moi interesante o do pazo de Daneiro. Haberá que velo.

    Eu creo que o principal función da arqueoloxía da paisaxe está no interese en comprender de forma global un xacemento, en especial no ámbito económico, viario, pero tamén de xeito simbólico. A miña percepción, con todo, é que debe ser unha ferramenta máis para comprender un lugar, pero non a única.

    Pero si, teño estado en bastantes xacementos que podes comprender especialmente a través da paisaxe.

    Estes días ando tolo cun lugar -xa contarei del no blog cando teñamos unhas boas fotos e aclaremos algunhas cousas- nas que a paisaxe é definitiva para entender algo del. Pero as transformacións humanas dos últimos un ou dous séculos furtáronnos claves importantísimas para aclaralo. Xa contarei.

  4. danielo
    5 / Febreiro/ 2009

    Agardo ese post de Castronomía Gastrexa! (ou é ao revés?)

  5. Xabrés da teixeira
    5 / Febreiro/ 2009

    Eu tamén teño algo de manía de patear castros, e similares.
    Gostei moito da túa entrada, e gostarime dar a coñecer un castro, que descubrín este vrao pasado, no pobo de Lubián, no limite de Zamora con Ourense.
    É un castro que non está posto en valor, mais reflexa moi ben todo o que dis do de Os Vilares, pois toda a infraestructura castrexa, foi aproveitada polos labregos, ainda que agora xa está todo abandoado, para sementar aqueles produtos chamados de cortiña.
    No medio da muralla agoara hai, mazairas, guindeiras e demais. Se algún día pasais por alí, e preguntades calquer veciño volo pode amosar, e creo que merece a pena velo.Está case no medio do pobo.
    Saúdos.

  6. 9 / Febreiro/ 2009

    O asunto da horta castrexa, e o derivado da gastronomía, éranlle ben interesantes como proposta de traballo para estes tempos de procurar alternativas.

    Xa verá vostede como, despois de moitas voltas, resulta que as solucións a moitos dos nosos problemas as temos agochadas ao noso lado…

    Algunha recomendación sobre horticultura castrexa “pola práctica”?
    De gastronomía non pregunto, porque teño claro que nos vai ilustrar en breve…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará