A lamprea rechea da señora Rula de Arbo


Lamprea rechea da señora Rula de Arbo. Foto: Sole

Para un viaxeiro curioso, un dos maiores praceres de percorrer Galicia é apreciar os cambios arquitectónicos que gradualmente se van impoñendo cando atravesas orografías. Ao baixarmos da Cañiza a Arbo, de súpeto os tellados comezan a volverse enpunteirados, aparecen bufardas, as casas collen o aspecto de pequenas quintas burguesas de finais do XIX e principios do XX, e o Miño, ao fondo, comeza a dar o carácter de xardín froital a toda a súa beira, unha vez que deixa atrás o Ribeiro. Sen dúbida, a cultura portuguesa traspasa o río e mestúrase coa galega.

Na estrada que nos leva Arbo, unha vez deixamos atrás o concello da Cañiza, atópase o Restaurante da Rula [T: 986 665 181] , un sonado establecemento para degustar a lamprea, agora que estamos no tempo. Coñecimos a lamprea rechea da señora Rula na cea medieval da Festa da Istoria de Ribadavia, e soounos tan saborosa como antiga e intensa. En Arbo, a señora Rula preparou ás escuras -desde o temporal da noite anterior, toda a Paradanta estaba sen electricidade- unha soberbia lamprea á bordelesa, con canela e especias, suave e dixestiva -na medida en que a lamprea pode ser dixestiva. E da Rula trouxémonos esta estupenda lamprea rechea connosco para o xantar de domingo. É prato tan excelente coma difícil de atopar; o peixe, afumado co fume da gramalleira, o touciño, o pemento e a tortilla no seu interior. Servímola como ela a serve en Ribadavia, cunha sinxela ensaladiña rusa, que lle vai de coña para compensar o forte afumado do peixe. Un primeiro excelente.

Con viño da casa (é demasiado ácedo, mellor pidan un mencía), e algo de picar de primeiro, a lamprea da señora Rula saiunos en 30-35 euros por persoa. Se vas, se puntual. E lembra que unha alternativa moi boa e divertida é o Mesón da Lamprea, tamén en Arbo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará