O timo das medias botellas

O outro día estabamos comendo nun restaurante da zona rural, ao que forzosamente é preciso chegar en coche. Creo que non me trabuco se digo que todas as mesas que estaban ao noso carón fixéronlle a mesma pregunta ao camareiro:

-¿Tes medias botellas?

A resposta a esa pregunta na maior parte dos comedores deste país pode ser frustrante. Ou directamente non as ofrecen, ou as poucas das que dispoñen non te interesan demasiado se non tes gustos moi clásicos. As adegas manteñen unha relación incomprensíbel e inexplicábel co formato da media botella. Malia o incremento dos controis de tráfico e das sancións por conducir cun nivel de alcolemia por riba dos niveis permitidos, moi poucas reaccionaron comercialmente á nova situación, ofrecendo aos seus clientes formatos máis asequíbeis como os que solicitaban todos os clientes deste restaurante, que o único que pretenden é poder disfrutar dunha ou dúas copas dun dos seus viños preferidos sen exporse a multaza, retirada de puntos e conseguinte situación bochornosa.

Xunto á escaseza da oferta, o segundo problema é máis grave: trátase da tremenda sensación de estafa que te invade se solicitas unha media botella no restaurante. Se o tamaño normal (75 cl.) dunha marca custa en restaurante 18 euros, a metade deste (35 cl.), custará a penas 14, cun desconto mínimo sobre o prezo normal. Con independencia dos motivos (gravames, custes de embotellamento, etc.), o prezo final é unha auténtica tomadura de pelo. ¿Onde está o custe dunha botella de viño, no seu interior ou no seu envoltorio?

Por iso, cando escoito a voceiros do sector do viño expresando a súa preocupación pola reducción do consumo derivada do endurecemento das normas de Tráfico, gustaríame saber por que continúan tendo un esquema tan ríxido de embotellamento, distribución e produción que os separa cada vez máis do que os seus clientes desexarían deles, e por que non se preocupan en ofrecer, de xeito complementario, medias botellas de boas marcas que poderían ser consumidas con comodidade en restaurantes, domicilios ou por xente que non quere ou non pode gastarse o diñeiro dunha botella de 75 cl. O mesmo acontece cos restaurantes: moitas veces a súa oferta de viños por copa que te ofrecen é nula ou moi escasa, pero esta oferta xa ten moitísimo auxe nestes momentos en Francia, en Italia ou Inglaterra, onde xogan con oito ou nove marcas de calidade e prezo razoábel para ofrecerlle aos clientes que non queren consumir unha botella completa ou queren probar varios viños.

É dicir, customizar, personalizar máis a experiencia de consumir viño e ofrecer o formato máis axeitado para cada momento.

2 Comments

  1. 11 / Xaneiro/ 2009

    Tes que ver a impresionante oferta de viños por copas da meirande parte dos grandes restaurantes berlineses, de Copenhague ou suecos. Con prezos acorde co pais, pero permiten probar moitas cousas moi chulas, e non só unha ou dúas para ir tirando. Recordo un borgoña moi xeitoso que tomei en Berlín por un prezo nada escandaloso, dada a cidade. Se só tivese a opción da botella ou da media ós prezos que comentas eu non o tería probado nin eles o terían facturado.

  2. 12 / Xaneiro/ 2009

    Non podo darche datos concretos, pero para unha adega cunha producción limitada, o formato da “media botella” ten uns custes más elevados do que parece. Na maior parte dos casos, as máquinas de embotellado e etiquetado non son as mesmas para as botellas de 75 cl e as de 35 cl; os custes de corcho, etiqueta, contraetiqueta, etc. son prácticamente os mesmos sexa cal sexa a cantidade de viño que se embotella… e así con todo.

    Igual ahí tes parte da resposta ás túas preguntas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará