A A-8, unha metáfora do peor do país

Descansamos nunha casiña nas proximidades de Oviedo. Chegar aquí desde a Pobra do Caramiñal son case cinco horas de viaxe, máis o que precises parar. Seis horas e pico. Como ir a Madrid. E todo o tempo, como cada vez que vimos por aquí, unha tremenda sensación de déjà-vu: ao noso carón, desmontes e desmontes, barrizal, máquinas paradas. Intermitentemente, entramos e saímos dunha autoestrada, a A-8, que non se dá acabado, que un ten a sensación de que case non evoluciona segundo van pasando os anos. A construción deste vial avanza lentamente, con partidas anuais exiguas por parte dunha Administracións que non presionan, porque sempre hai algo máis prioritario.

A A-8, a autovía que conectará Galicia desde Vilalba ata o centro de Asturias, é unha metáfora do peor do noso país. Se foramos unha sociedade normal, cunha economía robusta, desenvolvida e internacionalizada, a A-8 sería un proxecto estratéxico para moitos axentes económicos e sociais. A ineficiencia administrativa e das construtoras na súa execución sería bandeira dos xornais de ámbito nacional, arma poderosa nas mans da oposición, ferramenta de presión nos plenos dos concellos. E sería así porque a A-8 é a nosa saída natural a Europa. Cando estea rematada aforraremos cando menos unha hora de traxecto ata Irún.

E non só Europa: pensar que temos esta miserábel estrada actual para unirnos ao importante polo económico Avilés-Xixón-Oviedo, e que a ninguén pareza importarlle o máis mínimo é sinxelamente vergonzante. Pensar en clave galega non é facelo só para o noso interior senón, sobre todo, para o noso exterior, ao que sempre miramos a través de prismas intermedios pouco eficientes desde a nosa lóxica xeográfica.

Non estaría de máis pensar que clase de relación temos con Europa, á vista do pouco que nos interesa conectarnos con ela a través dalgo tan simple como unha estrada. ¿Vemos a Europa como unha vaca leiteira que pace en Bruxelas que de cando en vez nos envía billetes que administran os nosos políticos?¿Ou a vemos como un mercado e unha suma de sociedades coas que nós poder prosperar? Moito me gustaría que a segunda pregunta deixara de ser só unha sospeita e unha utopía.

9 Comments

  1. 4 / Xaneiro/ 2009

    Mesmo partilhando que o estado das obras da A-8 é vergonhento… “Coño”, Manolo, que Portugal também é Europa! :D Não é estratégico também acabar de uma maldita vez o Eixo Atlântico Ferroviário (agora dizem que para mais tarde de 2012…), que vertebrará uma comunidade de mais de um milhão de pessoas entre Corunha, Vigo ou o Porto?

    Por outra parte, dificilmente este país pode chegar a Europa se os seus cidadãos não podem chegar a nenhum lugar na própria casa… Cinco horas e pico desde a Póvoa a Oviedo? Da Marinha (como no Leste das províncias de Lugo e Ourense) sabem bem o que é ter umas comunicações desfasadas e dos trabalhos que há para mover-se polo próprio país.

  2. 4 / Xaneiro/ 2009

    Sen dúbida, Galeguzo. Pero este post vai sobre a A8 e as comunicacións co resto do continente.

    O Eixo Atlántico Ferroviario é outro drama compartido e absolutamente penoso, tanto pola banda portuguesa como pola galega e española, incapaces de materializar estratexicamente un futuro común.

  3. 4 / Xaneiro/ 2009

    A A-8 comezouse cando a AP-9 so ía de Coruña a Santiago e de Pontevedra a Vigo. Hoxe pódese ir de Ferrol a Lisboa sen saír da autoestrada, de pago, é certo, pero os da Mariña non temos nin a posibilidade de pagar por movernos con comodidade. Aos que gobernan éncheselles a boca falando de fixar a poboación no rural e ao mesmo tempo non lle prestan a máis mínima atención ao mesmo. Semella que Galicia so é o eixo atlántico e de seguir da mesma maneira acabrá sendo así, e o resto do país territorio abandonado. A Mariña é a zona económicamente máis desenvolvida e activa da provincia de Lugo, pero está illada por estrada, por ferrocarril e por vía marítima. Moitas vilas da comarca non teñen pediatra, por exemplo, e aos nenos ou os atende o médico xeral ou van ata Foz. A lista de problemas non se acabaría nunca, así que non vos estrañe que alí lles importe un carallo o eixo atlántico, o AVE e tantas outras cousas tan exóticas coma o Chop Suey. A prioridade hoxe é a A-8, que permitirá saír con facilidade cara o resto de Galicia e da península. Ferrol, que está á volta da esquina, seguirá no quinto pino.

  4. danielo
    4 / Xaneiro/ 2009

    que A-8? A autovía do Cantábrico que en GZ non vai polo Cantábrico senon que ven cara o interior porque así é máis barata? jeje. É unha vergoña… Coma o Feve, e outras tantas.
    E por riba diso para a saída Compostela-Europa os nosos políticos acordan construir un vial Santiago-Lugo novo ao 100% en troques de converter en autovía os poucos quilómetros que faltan entre entre Santiago-Vilalba.

  5. 4 / Xaneiro/ 2009

    De todas esas, a que a min me vai mal, pero mal, é a nova autovía aprobada Pontevedra-Vigo. Que despropósito! Unha nova autovía creada coa excusa de que “sairá de balde” aos usuarios. E moitos encantados. Unha barbaridade tamén feita coa excusa de que a autopista “está sobrecargada”. Non estaría mal que todos os que afirman iso se deran un paseo polas autoestradas do sur de Francia, as que entran en Italia, as que comunican Frankfurt e Baviera con Berlín, as estradas bretanas e aprenderan dúas cousas: a) o que é realmente que unha autoestrada estea sobrecargada; b) deixar de comportarse como novos ricos, gastando pasta en abrir estradas innecesarias.

    E mentres, temos estes problemas no norte do país. Que dá menos votos e se queixa menos, ou se escoitan menos as súas queixas.

  6. 4 / Xaneiro/ 2009

    O da A-8 non ten nome. Non é só que a conexión por autoestrada con Portugal estea pechada : podes ir ata Lisboa, como di Colineta, e continuar ata Faro e desde alí tomar cara ó Cabo San Vicente ou cara Andalucía. Ou ben en Setubal conectar en dirección Évora e Extremadura. E agora hai a autovía que desde Chaves vai por Vila Real e Lamego ata Viseu. Sen esquencer o antigo IC-1 (Itinerario Complementar. Agora ten outro nome que non recordo) que desde Vilanova de Cerveira baixa ata Porto (gratis) e desde Leiría ata Lisboa, tamén gratis. Falta a conexión desde a fronteira a Vilanova, na que están a traballar, e o tramo Porto-Aveiro-Leiría, do que xa funciona algún tramo en Aveiro e Coimbra. Nese sentido, haberá moito que facer, pero hai conexións.

    Pero o da nosa saida norte… É terrible que case resulte máis tentador tirar por León. Moitos máis quilómetros pero por autoestrada e autovía. Pensar que de León a Oviedo tardas 45 minutos e de Ferrol a Avilés, por exemplo, catro veces máis…

    Para ser xustos, de tódolos xeitos, hai que recoñecer que non é só problema noso, xa que esa conexión cantábrica ten outro tramo sen rematar (e sen comezar): o que vai de Llanes a Unquera (Cantabria), de case 20 Km.

    Pero si, ese percorrido é desesperante e que aínda estea como está indigna a calquera. Só ver o estado das obras en todo o tramo Vilalba – Lourenzá é motivo para cabrearme para varios días.

  7. airadasenra
    5 / Xaneiro/ 2009

    A min o que máis me indigna é que a columna vertebral das comunicacions por autoestrada entre as maiores cidades galegas sexa de pago. Ou pagas a peaxe ou fas unha viaxe a ritmo de turista. Vergoñento e terceirmundista.

  8. Moncho
    5 / Xaneiro/ 2009

    Totalmente de acordo con todo o que dicides! É de vergonza!
    Eu, que xa tiven que ir un par de veces ata Holanda en coche, desespérome por calquera das rutas que tomes: un ano ocorréuseme ir polo Norte e o primeiro día só cheguei ata Irún. O segundo para o resto do percorrido…! Polo Sur (por Burgos), desespera tan sópensar a volta que estás dando innecesariamente…
    Para cando estará rematada esta autovía?? Para cando haberá unha autovía Santiago-Lugo que nos permita saír cara á A-6 decentemente e comunicarnos rápido co resto de España e Europa??

    E, como dicides, cada día a planificar novas estradas innecesarias… A que máis me sorprendeu nos últimos tempos foi unha autovía que, ó parecer, queren abrir entre Sigüeiro e O Milladoiro ou Padrón -non o teño claro- para desconxestionar o tráfico en Santiago: máis asfalto, máis expropiacións, máis destrucción da natureza… Non era mellor abrir otramo de autopista xa existente sen peaxe???

    Por non falar do estado das estradas no rural… Auténticas corredoiras en moitos casos. Si, efectivamente, ós politicuchos moito se lles enche a boca a falar do idílico de vivir no rural. Pero quixera eu saber cantas veces o visitan semellantes urbanitas e cantos estarían dispostos a deixar os seus céntricos pisos en Santiago e outras cidades para se trasladaren a vivir alí…

    Namentres, os cartos que pagamos todos van para outras paridas das que é mellor non falar…

    Perdón polo ladrillo, pero este é un tema que me pon de moi mala uva…!

  9. 5 / Xaneiro/ 2009

    …e por engadir outro detalle. ¿É a miña impresión ou esa estrada está ateigada de Garda Civil? Non coñezo outra estrada que rexistre tanta presencia do Cuerpo. A densidade verdeoliva apréciase máis na zona da “fronteira” entre Galicia e Portugal. ¿Por que exactamente aí?¿Será porque é a zona na que hai máis tramos a 50 nos que a xente, xa desesperada, se descontrola? Continuamente hai radares móbiles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará