Sendeiros de neve para chegar á mina romana da Toca


Fotos: Sole

O Courel está fermosísimo coas intensas nevaradas que cambian a súa fisonomía. Sumámonos a un dos roteiros programados pola organización ecoloxista ADEGA para coñecer esta serra mítica. Deste xeito, baixamos polo Taro, atravesando as ladeiras nevadas e cheas de espesor branco, sen facermos caso especial dos camiños que están ocultos baixo esta manta branca: a neve converte as abas do alto dos montes nun único e arbitrario sendeiro.

Desde o Taro Branco chégase ao resto arqueolóxico romano máis parecido ás Médulas que temos na Galicia actual: a Mina da Toca. O sitio é auténticamente espectacular.


A mina da Toca

O monte foi desmontado na procura dunha veta aurífera. Non é como nas médulas, nas que hai esta terra sinxela de desmontar. Non. Aquí traballouse a pico e pala, abrindo galerías e buscando xeitos de fender esta pedra dunha e doutra banda do val. Porque, se ben a Toca é o exemplo máis grande, da outra banda do río está a mina de Torubio Oeste, tamén unha fenda, un raspazo metido no monte, como unha prolongación da mesma veta. A Toca -un toco é alguén a quen lle falta unha parte do seu corpo-, consérvase moi ben. Está a gran zona de extracción, os depósitos e as canles de auga, todo o sistema da mineria romana alí resumido, a moitos centos de metros de altura.

A mina abandonouse de xeito súpeto, e non se coñecen moi ben as razóns para tal cousa: se cadra, a extracción de mineral deixara de ser rendíbel, se cadra nunca atoparan o cobizado ouro. Hoxe fica este esquelete como unha dentada impresionante na paisaxe do Courel.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará