Historias milenarias e reloxios de sol na Ponte Taboada

Last updated on 23 / Decembro/ 2008


Fotos: Sole

Ao carón da Ponte Taboada, en Silleda, consérvase unha inscrición inusual, na que afirma que a ponte pola que vas pasar construiuse no ano 912. Si, o número non ten un 1 diante. Non é doado atopar restos históricos desa remotísima época medieval. E, nin sequera a ponte actual o é, reedificada continuamente durante máis de mil anos, que se di pronto. De feito, posibelmente a primeira ponte fose de táboas de madeira, de aí o nome de Pons Tabulata. Uns nobres da familia Taboada adoptaron a ponte como base da súa lenda nobiliar e contaron unha versión peliculeira deste estreito paso do Deza: foran os seus devanceiros quen tiraran táboas sobre este angosto paso para fuxiren, nunha espesa noite, dos seus inimigos.

Este lugar está preto e é remoto, ao mesmo tempo. A ponte atravesa o río Deza, no antigo e mítico Camiño Breeiro que proviña do Ribeiro ourensán e da mesma Castela camiño do Santiago e o norte do reino. O lugar é un remanso do tempo entre as múltiples infrastruturas viarias que o rodean, reversionando en clave moderna este camiño milenario que subía ao Norte. Na aldea da Ponte, o pequeno núcleo medieval, pregúntolle a unha vella polas lendas do lugar. Non se me anima a contarmas. Pregúntolle polo demo: sempre nestes sitios hai un demo que che tenta subornar para deixarte pasar. Non está pola labor.

-Pero vouvos contar algo -dixo a vella para compensarnos- Aquí vivía un home que durante a Guerra estivo no bando dos rojos, e o mancaron en combate, e andivo tirado por alí e a súa nai tívoo que ir buscar a onde o deixaran. Volveu coa cabeza trastornada. E todos os días baixaba a esta ponte, aínda que houbera un metro de neve, e bañábase arriba e abaixo en pleno inverno como Deus o trouxera ao mundo. Aquí na aldea escoitabámolo berrar cando se metía na auga, que había estar fría do demo. Logo saía a secar ao sol, e comía as herbas cheas de xiada a puñados coas mans.

A vella pareceu parar a pensar, como necesitando explicar o final desta historia que non ten final.

-E ao final morreu de moi vello.

Non nos quere contar nada dos encantos, pero polos seus silencios sabemos que a Ponte Taboada os debía ter e moitos. Tento insistir de novo co demo.

-¿Non ve que se nolo atopamos non sabemos que lle dicir? -pregúntolle.
-Se o atopas, rapaz, dille que suba aquí a falar comigo.

Baixamos ata a Ponte Taboada, que queda afundida no fondo do canón. Os matogueiros ameazan con devorala. Unha antiquísima calzada preséntaa polas dúas bandas. Nun pedrón está a inscrición desa ponte rematada en marzo de 912, e unhas marcas de cando á ponte lle puñan unhas cadeas, segundo nos contou a vella. Cruzando a ponte, no centro está a cruz que marca a clave e, nun dos muros que se atopa na parte oriental, unha vez pasada a ponte, cabo do chan, esta pequena curiosidade da que aviso porque non é moi doada de atopar.

Alguén gravou, en forma de vieira -por aquí pasa a Vía da Prata-, un reloxio de sol. Imaxínome aos viaxeiros, cos seus cabalos, consultando a hora e decidindo acougar e durmir na aldea da Ponte, onde podían deixar o cabalo na parada das bestas e descansar. Hoxe, esa pousada está transformada en casa de turismo rural. E, se queredes outra curiosidade, na portiña que se abre no sur da ponte, meténdose por ela poderedes ver un túnel aberto a pico na dura pedra para conducir auga ata unha central eléctrica abandonada que está cen metros río abaixo.

Non estaba o demo, pero o lugar está cheo de detalles que testemuñan que, cando menos, a ponte é tan vella coma el.

A Ponte Taboada en Capítulo 0 Mapas

One Comment

  1. Norte
    18 / Agosto/ 2012

    Alguén se me adiantou e deixou un tesouro geocaching na ponte:
    http://coord.info/GC3TV1X
    Espero que iso dea a coñecer a máis xente a esta ponte tan especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará