Viños…de Nadal? Hai unha esperanza

Estes días o típico é que che pregunten por que viño levar para as ceas familiares e festivas. Ben, en realidade, o típico é outra cousa. Unha sorte de advertencia: “pero mira que é en casa dos meus pais”, ou “mira que é en casa dos meus sogros”. Ou sexa, en realidade, o que che están a dicir é “Non me recomendes rollos raros dos teus, confírmame o viño no que estou pensando”. Eu dígolles: Marqués de Cáceres Reserva. Ou algo así. Coto. Faustino. Azpilicueta. Tampouco gastes moita pasta, salvo que saibas que os comensais son uns gourmet.

É directamente imposíbel escoller un viño para a cea de Nadal e pretender que maride con estes exercicios domésticos de pantagruelismo. Máis que nada porque unha cea destas comeza con xamón, aceitunas, segue con langostinos, nécoras, centolas, gambas, percebes, vieiras, bacallau, chuletiñas de año. Ademáis, nestes xantares congréganse bebedores habituais e ocasionais, que reciben co alcol unha bomba de humor que nunca sabes por onde vai estoupar (ben entraren, á altura das carnes, nun sombrizo estado antifamilia política, ben incontrolábeis mostras de euforia tutelar, agasallando inesperadamente con 50 euros a un sobriño atónito polo xesto). Así que hai que desistir o viño perfecto. Nestas ceas, o máis aconsellábel é un caldo honesto, resultón, recoñecíbel, sen demasiada complicación nin gasto. Algunhas botellas do branco máis próximo á túa terra (sacadas da neveira uns quince ou vinte minutos antes de ser servidas), un tinto resultón de froita vermella e toques de madeira, para que ninguén se poña nervioso. A todo isto, estou estereotipando: eu estou convencido de que o Nadal é o tempo no que se che perdoan as innovacións. Así que, se non te atreves cos tintos, aquí vai unha idea para desmelenarse cautamente.

Resérvate para os postres. Cólleos coa garda baixa e unhas cantas copas de viño. E, cando chegue a tarta ou ese biscoito, e estean felices e cargados, lúcete cun viño doce. Xa sabes, sempre te consideraron algo excéntrico. Proba cun tokaji húngaro (Vega Sicilia comercializa o Oremus, por 8 euros) ou cun sauternes (atópase algún barato por 12 euros), ou cun Pedro Ximénez, un Setúbal, un Porto, un Jumilla ou mesmo un Tostado do Ribeiro (coma o de Viña Costeira, a 35 euros a botella). Méteos na neveira tres ou catro horas antes. Que saian algo fríos. Verás como se lles alegra a cara inesperada. E converteraste no tipo que cambiou esa monótona cea de Nadal por unha incríbel excentricidade.

14 Comments

  1. 16 / Decembro/ 2008

    Efectivamente es muy buena idea. Ya está de camino una botella de Oremus Tokaji Aszú 2000 – 3 Puttonyos. Ya tenía yo ganas de probarlo.

    A ver que tal. Me ha entrado la duda con tanto Puttonyos…jejeje

    Un saludo,
    Milu.

  2. 16 / Decembro/ 2008

    :)

    Boa elección. O Oremus é un Tokaji accesible que pode sorprender moito. Xa me contarás. Sácao algo frío (como digo, tres ou catro horiñas antes deberan abondar).

  3. 17 / Decembro/ 2008

    Gracias Manuel por ese voto de confianza que das as tendas especializadas recomendando que a unica aventura nunha noite tan dada a excentricidades como as de noiteboa ou findeano sexa un viño doce ou un Tokaji…

    O pequeno comercio con viños mais economicos que Marques de Caceres, Coto ou Faustino (e na maioria dos casos bastante mellores) agradecemosche o esforzo… E por suposto Carrefour,Eroski, Froiz e Gadis tamen, faltaría mais…

  4. 17 / Decembro/ 2008

    Non son moi dado eu a recomendar excentricidades, José Luis.

    Non gastaría moito diñeiro eu en grandes viños nesas ceas de numerosos comensais nas que hai moitas persoas que, se cadra, non o aprecien, aínda que si, como digo no post, en calquera viño honesto e de prezo asequíbel que che vaia ben.

    Para min, os bós viños tómanse en momentos do ano máis propicios, en grupos máis pequenos e en ocasións propicias. Eu ás miñas tendas de viño mércolles un viño bo cando sei que o van tomar persoas que o saben apreciar.

    Pero ben, eu son un consumidor e ti un vendedor. É lóxico que o punt9 de vista sexa diferente.

  5. 17 / Decembro/ 2008

    ¿E como se supon que a xente en xeral, as persoas en particular, van a comezar a apreciar os bos viños?,¿bebendo Faustino ou Marques de Caceres?

    Mellor sería que probasen, e probasen, e probasen,…. evidentemente gastando canto menos mellor, buscando calidades e prezos, como ti nese Fontal, e despois elexindo…

    A Base de “marcas coñecidas” de 15 millons de botellas o ano malamente ninguen chegaría nunca a apreciar un bo viño, nin na mesa do Nadal nin en calquera outra epoca do ano.

    E sobre o punto de vista, eu son tan vendedor coma ti consumidor. E viceversa…

  6. 17 / Decembro/ 2008

    Por suposto, probando e aventurándose, que é o que defendo sempre. Igual que defendo un viño honesto para fin de ano.

    Pero que queres que che diga. Non serviría un premier cru nunha mesa cun par de postadolescentes que quererían mesturalo con calimocho, unha nora que vai só beber un par de grolos por non quedar mal e un testán parente bebedor de Rioja compulsivo ao que, aos seus cincuenta e tantos, ninguén o vai cambiar (situación ficcional e estereotipada). No con mi dinero!. Iso si, cada casa é un mundo, cada familia máis e cadaquén é libre de gastar a pasta no que queira. Non serei eu o que alente a non mercar viño. E, como puxen no comentario e no post, falo só de mercar viños honestos e que che gusten.

    Iso si, pode que a ese postadolescente o sorprendera outro día, sen que estiveran os seus pais diante e el non tivera a pose de supersabido, cun branco alucinante do Rosal, que á nora non bebedora de viño lle encante o viño doce, e que ao señor testán do Rioja Reserva lle faga beber un magnífico viño do Douro portugués sen que el se dea conta e alucine. Pero serán outros contextos. E poderemos disfrutar a tope do viño.

    A todo isto, eu non vendo viño. Non se me vaia confundir ninguén. :-)

  7. 17 / Decembro/ 2008

    É certo, non vendes viño….

    “Vendes” cultura, “vendes” comunicación e “vendes” experiencia nas cousas como modo de superacion persoal, nun contexto de aprender a partir do ocio que eu apludirei sempre. Por iso me desconsolou a tua postilla anti-bos viños nas mesas do nadal. No entorno pseudo-apocaliptico que propos nesta ultima ocasión eu tampouco sacaria nada fora do mais lamentable do lineal de viños do Super mais cercano… pero me resisto…

    Supoño que ten que haber idealistas de todalas cousas e eu debo ser un deses para os viños… O mellor estou equivocado…

  8. CUBELIÑOS
    17 / Decembro/ 2008

    Estou, por un Porto, un LBV, que non andan mal de prezo, e son extraordinários
    .
    Case todo o mundo o valora, dende a sogra, ata o ” cuñado que entende de viños”… Viños tan próximos e tan descoñecido, salvo os comerciais viños de Porto que traia mamaiña cando se levaban as excursións á feira de ValenÇa.
    Ou se de aforrar se trata, aqueles viños doces que servía Manolo o do café, na Palmeira de fai anos… Que viño sería? Coñeces?.

    Eres un artista Gago, dende que te descubrín, no deixo de visitarte-

    Bo nadal, “veciño”.

  9. 18 / Decembro/ 2008

    Cubeliños, acábasme de abrir un montón de recordos! Eu era moi cativo, pero lembro a señores tomando aquel viño! Terei que investigar, a ver se sabemos que viño doce servía aquel home.

  10. 22 / Decembro/ 2008

    Home, se ben nunca serven para nada as fórmulas sinxelas… Un III Puttonyos ven sendo o de menor calidade de calqueira Tokay. Se cadra este Tokay pode riscar de parecer incluso un viño doce calqueira. Eu recomendaría que ó menos fose un IV ou un V… antes de dicir que o Tokay é malo.

    Na miña familia hai tradición de tomar Tokay e Sauternes nos entrantes (polo tema de acompañar o Foie Gras — que non me chista demasiado). Pero coido que tamén son moi válidos coma postre.

  11. 23 / Decembro/ 2008

    Demasiado clásicas me parecen as túas recomendacións! E boto de menos algún branco, que tamén se bebe moito nestas datas…

    Nós este ano levaremos Tostado de Costeira para as sobremesas (algo máis caro en tenda do que ti comentas, por certo…).

  12. 23 / Decembro/ 2008

    Moraiminha, sobre as recomendacións de tintos e brancos, copipasteo un parágrafo do post:

    “Algunhas botellas do branco máis próximo á túa terra (sacadas da neveira uns quince ou vinte minutos antes de ser servidas), un tinto resultón de froita vermella e toques de madeira”.

    A referencia a marcas refírese a que non é o tempo máis propicio para experimentos que é posible que non sexan aceptados e nos que podes gastar unha pasta inútil.

    Sobre o prezo do Tostado de Costeira, podes consultar a web de Costeira, na que o prezo debe ser 34 euros:

    http://www.vinoribeiro.com/productos.php

  13. 23 / Decembro/ 2008

    Pois como non me chegaron esas recomendacións que me debes, mañá acompañaremos a cousa cun brut R de Ruinart e cos postres un Jorge Ordoñez Nº1.

    E para a seguinte teño aí un Enrique Mendoza Moscatel de la Marina.

    Xa ves, outra vez innovando ;-)

    Boas festas

  14. 24 / Decembro/ 2008

    Gran elección ese Ordóñez, Gourmet. As recomendacións xa chas mandarei cando teña un momento. Nestes meses non teño tempo nin para respirar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará