4 pezas imprescindíbeis (e pouco coñecidas) do Museo do Louvre

Last updated on 9 / Decembro/ 2008


Foto: Sole

Este lugar é incríbel. É coma un armario no que se gardara o ADN cultural da especie humana. E parece tan fráxil. Algunhas pezas están a poucos metros de coches e camións do ateigado tráfico de París. Ao pasear polas salas, especialmente por aquelas destinadas ás coleccións de Sumeria ou do Antigo Exipto, chégate unha sorte de emoción, como cando tentas percorrer cos ollos o código de Hammurabi. Aí, aí estamos todos nós, desde milenios, cos mesmos sentimentos e medos repetíndose en diferentes ciclos culturais e xeografías.

Ademáis das grandes obras mestras (non as vin todas), eu descubrín unhas cantas pezas que non coñecía e que me sorprenderon moitísimo. Non quero encher isto de datos, así que aquí van catro das moitas que me fascinaron.

1. San Xoán Bautista de Leonardo da Vinci

Mentres as hordas turísticas van para a sala contigua na que está a Gioconda, quédate aquí. Se queres mirar un sorriso e un corpo ambiguo, está aquí moito máis que na Mona Lisa. Neste Xoán Bautista que sinala para outro lado, un Xoán Bautista ben sospeitoso, na liña doutros cadros de Leonardo. No canto de ser un varudo e pouco pulcro eremita do deserto, este Xoán parece tamén Xoana… Se alguén quere buscar e tentar entender a Leonardo, este é o cadro. O seu aceno -débese referir a que o Mesías está noutro sitio, pero tamén a calquera outra cousa- é certamente inquedante. Este foi o último cadro pintado por Leonardo, e tróuxoo con el cando se veu a traballar para o Rei de Francia.

2. As 4 estacións de Giuseppe Arcimboldo

Arcimboldo era un cachondo mental. Na corte de Maximiliano de Austria arrasou con estas catro estacións, superfrikis para a época, nas que constrúe toda unha alegoría política arredor da diversidade e da unión das nacións por medio dos protutos agrícolas de tempada. Ver as catro estacións xuntas é toda unha delicia.

3. O Zodíaco de Dendera

Non o coñecía, e quedeime impresionado. A representación do cosmos para os exipcios. A data máis consensuada na actualidade é que este zodíaco, ubicado no templo de Hathor en Dendera, foi construído arredor do 50 a.C., pero sen dúbida recolle toda unha cosmovisión anterior. Están as doce constelacións do horóscopo, os cinco planetas, a división solar do ano exipcio. No Louvre valo ver colgado do teito. Se te pos baixo del, recoñecerás moitas cousas. Mesmo demasiadas. Vaste buscar no Zodíaco e atoparte. Alucinante.

4. Galería de vistas da Roma antiga e Galería de vistas da Roma moderna, de Giovanni Paolo Pannini

Encántanme os cadros de cadros. Na sala 14 pódense ver estes dous, que dialogan entre si. Son dúas vistas de Roma: a primeira contén vistas da cidade romana e a segunda amosa os monumentos construídos desde o Renacemento. É como se o romano Pannini quixera reclamar tamén a fermosura da cidade moderna.

Indicacións prácticas: Desbota a posibilidade de ver o museo do Louvre nun día. Só poderás facelo a base de descartes (na Audioguía que alugas no museo hai un impresionante tour de obras mestras en só 45 minutos). É materialmente imposíbel velo con certo criterio, así que non te fagas o campeón e planifica, ou ben outro día máis, ou deixa algo para a vindeira vez que voltes a parís. Controla tamén, por certo, que hai días da semana que o museo ten horario prolongado (abre ata as 21:30, e non ata as 18h.), factor moi importante.

2 Comments

  1. 9 / Decembro/ 2008

    Na miña visita eu só cheguei ver con certa calma as galería de Mesopotamia e Grecia. Despois carreiras apresuradas para ver algo da ala renacentistas. E pouco máis. Efectivamente, o Louvre precisa cando menos dunha xornada íntegra. Ou dúas.

  2. chexire
    10 / Decembro/ 2008

    Vai tan sobrado de obras de arte que incluso as colocan á saída do metro, é flipante…

    ¿Tiveches que facer moita cola? Para viaxes de varios días é moi práctico o Paris Museum Pass, co que podes visitar máis de 60 museos ou monumentos, sen esperas, salvo para subir ás torres de Notre Dame. E se lle sacas proveito e decides exprimilo, sae ben de prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará