Atravesados pola luz das historias na Sainte Chapelle


Fotos: Sole

Calquera visitante de París interesado na arquitectura e no seu poder evocador debera visitar a Sainte Chapelle, na Ile de la Cité. Trátase dun xoieiro a gran escala erguido en só seis anos polo brillante arquitecto Pierre de Montreuil para Luís IX -despois coñecido como San Luís-. Era un investimento de altura destinado a acoller as reliquias da coroa de espiñas de Cristo e parte do leño da cruz. Pero, en realidade, é unha das obras arquitectónicas máis importantes da Idade Media, o maior exemplo do que foi o estilo gótico. Hoxe está devorada polo Pazo de Xustiza, a enorme e burocrática sede do poder xudicial francés, pero pódese visitar accedendo por unha porta secundaria.

A Santa Capela é un lugar incríbel. A cripta inferior é escura, destinada aos serventes do rei. Pero a parte superior é un lugar fascinante, o paradigma do gótico máis luminoso. Ducias de vitrais, a penas separados os uns dos outros, reconstrúen en vertical a historia da Cristiandade, desde a Xénese ata a Resurrección, seguindo un coidado programa de representacións. É un lugar hipnótico e sobrecolledor. Ao poñerte no centro da capela, se tes sorte e hai luz exterior, vas ser golpeado, por todas partes, por cores e formas de inmumerábeis historias bíblicas filtradas a través do vidro; en certo xeito, por moitas historias que conforman o noso imaxinario. A lectura, ao trasluz, é mareante e difícil, pero por veces identificas pasaxes e escenarios que proveñen da túa memoria nas alturas do vitral. O sol rescátaos do vidro e tráeos de volta a ti.

2 Comments

  1. 7 / Decembro/ 2008

    Totalmente de acordo: un lugar fascinante e evocador. Parece incrible que o acceso estea tan agochado

  2. 8 / Decembro/ 2008

    Quizais me equivoque, pero creo que sae en “Todas as mañás do mundo”, mentres un monago apaga candeas na Semana Santa coas Leccións de Tebras de Couperin de fondo… maxistral!
    (Alguén sumou cantos centímetros de Lignum Crucis hai espallados polo mundo (cristián)?)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará