Practicando o ‘parisismo’ no mercado de Aligre

Last updated on 7 / Decembro/ 2008


Furgonetas de reparto grafiteadas. Fotos: Sole

O mercado de Aligre é un exemplo de mercado popular de París, e a súa visita recomendounola Xosé Manuel con gran acerto (¡grazas!). Cun pequeno recinto pechado que se prolonga a céo aberto na praza e pouco frecuentado por turistas, é un mirador clásico desde o que apreciar as dúas características notábeis dos mercados parisinos: a clara tendencia gourmet dos franceses, con postos con xénero de gran coidado e calidade, mesturando produtos básicos e delicatessen (¿serán cousas diferentes para eles?) así como a intensa penetración doutras grandes culturas gastronómicas, como a do Mediterráneo musulmán, a comida crioula de América, a da África subsahariana ou da asiática, países vinculados a Francia desde a colonia e que concentran a maior parte da inmigración desta cidade xa mestiza. Este mercado popular é un lugar para sentirse ben e apreciar, a prezos populares e pequenos petiscos, a arte de vivir francesa. Hai un par de impresionantes tendas de queixos, unha boa tenda de viños (na praza, fóra do edificio do mercado) na que a señora te asegura a berros que probou cada unha das botellas que ves nos andeis.


Quentin en Le Baron Rouge

Pero se te gusta o viño, hai un lugar indispensábel, a taberna Le Baron Rouge, na inmediata rúa Théophile Roussel. Alí véndese o viño a prezos de barrio, e é un bo lugar para catar o viño que toman a diario os locais; aproxímase moito ao noso concepto de ‘taberna’, así que sabemos por onde comezar, e ten un ambiente moi divertido que, polas tardes, se enche de parroquianos recén saídos do taballo. Mentres tomas o teu viño, ves chegar aos veciños que enchen as súas botellas de viño ao granel (pero que viños, con autor, anada e terroir indicados). Se queres axuda, podes preguntarlle ao bo de Quentin, tras da barra, ou aos parroquianos, xente moi amábel que non se cansa de explicarte as diferencias entre variedades e elaboradores. A Quentin pedímoslle un viño que eu nunca probara pero do que escoitara falar moito, o Beaujolais Nouveau. O primeiro viño do ano, que comezou a comercializarse este ano a partir do 20 de novembro. Chegamos a tempo para catar fresco este viño lixeiro, afroitadísimo como todos os tintos recén feitos.

Dúas Guerras, centos de papeis

O outro vicio do mercado son os anticuarios. Sorprendentes coleccións de estampas, caricaturas, revistas deportivas e políticas da Belle Époque, libros do século XIX e principios do XX que se venden a prezos baratísimos, insospeitados nos anticuarios galegos. Supoño que ten que ver coa abundancia de stock derivada do gran número de papel impreso na Francia do XIX e da Belle Époque, e con que alí non hai unha Cidade da Cultura que dispare o prezo de calquera octavilla anterior a 1936 no mercado. Repasar moitos dos papeis vellos que hai nestes postos é toda unha sorpresa: a sombra das dúas grandes guerras que remexeron Europa no XX case non se aprecian nos anticuarios da Península, pero aquí son o denominador común destas coleccións de papel antigo. Aquí vai un vídeo.

O mercado e Le Baron Rouge pódense localizar aquí

One Comment

  1. 7 / Decembro/ 2008

    Por fin podo deixar un comentario…parece que o estades a pasar de medo por lutecia…alédome…pasadeo mellor ainda no tempo que vos quede, por certo…que embexa de mercado. saúdos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará