Aciveiro, onde a neve candea

Last updated on 30 / Novembro/ 2008

Somos afortunados. Somos moi afortunados. Porque no último ano, cada nova viaxe é unha sorpresa inagardada. Enfiamos -a tarde gris, espesa, chovendo, fría- cara Forcarei, a buscar un castro que logo foi castelo e logo ruína e logo sombra e logo freguesía. Ao subirmos de Silleda, no nacemento do río Toxa, no alto dos montes, aparecían sementes de prata. A neve pousaba sobre os picos do Candán. Cruzando a serra, a auga neve virou en folerpas, o verde gris dos prados tornou en brancos; o coche, el só, baixóusenos pola pequena estrada que leva ata o val de Aciveiro, nas soedades do Candán. Agora entendo a palabra candear.

A neve caía espesa. A Terra de Montes e o val de Aciveiro é unha fermosura baixa esa capa de neve. Todo fica en silenzo. E os signos da modernidade desaparecen, asfalto, estradas -agás o zunido dos avións que baixan a Lavacolla ou a Peinador-. Alí está o mosteiro cisterciense que, como nas películas de Bond, xurdiu do frío, da evanxelización destas terras inhóspitas. Está cuberto de neve. Na igrexa, nesta soedade, de súpeto escóitase gregoriano e palabras lentas, latín e galego mesturado. Non o cremos, pero é real. Chove tan fermosamente que nos dá por rir como parvos. E, baixo a neve, percorremos a PR-G100, o Roteiro das Pontes do Lérez que leva ata o Candán. Nin o río se escoita. Os paxaros voan baixo, como xogando ás carreiras coa neve neste bosque invernal.

Unha vella está feliz, cruzando a aldea e metendo ás vacas nas cortes. Está orgullosa de vivir aquí. Con toda esta neve que nos tapa as enrugas do tempo.

-A neve candea, nenos. Tede coidado.

Penso que á serra do Candán déronlle ese nome por unha mitoloxía dun ser embaucador, que a través da luz da neve, encandea esta paisaxe branca pola que o Lérez baixa coma gotas de aceite.

6 Comments

  1. 30 / Novembro/ 2008

    O vídeo foi gravado cunha BlackBerry, que o fai realmente mal (no prehistórico formato 3gp) , así que a calidade é bastante precaria.

  2. 30 / Novembro/ 2008

    que sorte…fai moitos anos que non vexo a neve. saúdos e apertas

  3. 30 / Novembro/ 2008

    dende logo, non será por cámaras na casa que tes que andar grabando con móviles últimamente… a crisis…. cas imaxes tan chulas que son…

  4. chexire
    30 / Novembro/ 2008

    Hai un par de anos tocoume facer unha (publi)reportaxe sobre o mosteiro durante a miña estancia en prácticas na TVG.

    Cando chegamos xa parara de nevar, pero aínda así a estampa era impresionante, sobre todo cando o xerente nos abriu a porta do cemiterio e vimos aquel espectáculo. Moito lamentei non ter levado cámara de fotos comigo aquel día.

  5. 1 / Decembro/ 2008

    Máis que a crise…o despiste. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará