Mirando cara Xerusalén en San Mamede do Castro

Aproveitei a presentación de Vac.1 en Silleda para liar a Jorge Guitián -moi coñecido pola súa actividade blogastrónomica, pero profesionalmente é historiador da arte- a que viñera ver San Mamede do Castro, a famosa igrexa do asasinato do cura. Jorge está a traballar na lectura da inscrición que aparece na cara sur da igrexa, que non é nada doada. Para facilitarlle o traballo, o día de Defuntos achegámonos, pola noite (si, xa sei que escollimos o día), a tirarlle unhas fotos aplicando a técnica da luz rasante aprendida nos petroglifos de Muros, con este resultado:

Pouco a pouco, esas sombras van aclarando o asunto: esa cruz é a dun bispo, e se cadra os signos da súa esquerda ou dereita sexan as sinaturas do fundador da igrexa. Xa vos contarei cando todo estea máis definido. Entrementres, prestámoslle atención á orientación. As igrexas medievais estaban orientadas nun eixo Oeste-Leste. En realidade, o altar miraba cara a Xerusalén, a tumba de Cristo. Jorge atopou unha curiosa relación que podes ver no vídeo: o promontorio artificial do alto do castro está orientado na mesma dirección, como se efectivamente, no seu momento, tamén houbera alí unha igrexa. ¿Será verdade a lenda?

Podes velo mellor nesta foto de GMaps.

Uns vellos que pasan pola igrexa dannos outra clave. Cando baixaron a igrexa do alto do castro, a tradición conta que algunhas das pedras do templo foron para unha casa da aldea. E velaí: ao marcharmos, vemos unha vella edificación cunha combinación similar á da igrexa: mala pedra da veta do Pico Sacro con granito bo, similar ao da igrexa. Imos sabendo máis. Aquí podes ver anteriores posts sobre San Mamede do Castro

Nota: o vídeo é superprecario a nivel visual. Foi feito cun N70 con serios problemas de memoria.

One Comment

  1. 23 / Novembro/ 2008

    Interesa te sa mamede a aba de acadar a mesma posicción que o demo de anllons, con amigos ooma vos non hai tempo de aburrirse. saúDos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará