Vac.1, unha nova marca de carne para aproveitar ao máximo as explotacións leiteiras

Last updated on 22 / Novembro/ 2008


Martín Berasategui e Flavio Morganti durante a presentación da marca Vac.1

Escoitara o conto algunha vez, pero non sabía ben as súas dimensións. Resulta que moitos becerros das vacas leiteiras galegas son vendidos ao pouco de nacer e criados fóra do país. O caso é que os gandeiros foráneos traen os becerros de volta para os matadoiros galegos, para que a carne poida ser etiquetada como do país, beneficiarse do prestixio do vacún galego e subir os prezos da saída ao mercado. Como xogada non está mal. E trátase dunha picaresca máis habitual do que debera.

Este foi un dos argumentos principais dunha nova marca alimentaria presentada hoxe no marco da Semana Verde de Silleda. Chámase Vac.1 e pretende ofrecer ao consumidor unha carne da máxima calidade, diferenciada de Ternera Gallega. Trátase da saída comercial dunha mellora da cadea produtiva da gandeiría galega bastante enxeñosa, sumando investigacións do Centro Tecnolóxico da Carne, as achegas do sector a través da Mesa da Carne e o financiamento da Consellería de Medio Rural. Búscase aproveitar a infraestrutura das explotacións leiteiras para rendibilizar ao máximo os animais produtores de leite. Resulta que, ata agora, as vacas frisonas que daban leite, cando finalizaban o seu periodo de produción, eran enviadas sen máis ao matadoiro. Un elevado número de vacas ao ano -case 100.000-, mesmo eran desbotadas, xa que non cotizan demasiado ben no mercado -malia á súa gran calidade, afirman. O caso é que, o que se quere facer, é revalorizar esa carne, prolongando o periodo de vida destes animais e dándolles unha coidada dieta -cebo- para que, unha vez pechado o ciclo da leite, o animal engorde e a carne acade un elevado estándar de calidade e crear unha nova fonte de recursos que incremente as rendas das explotacións leiteiras. A xogada tamén se aplicaría con eses becerros que ata agora se vendían ao exterior: ficarían nas explotacións e tamén serían empregados para comercializar a súa carne dentro da etiqueta.

No sector agrario, especialmente, sempre me impresiona o complexo dos ciclos produtivos e económicos. Todo parece posuído por un efecto bolboreta, e a medida que tomes ten consecuencias noutras áreas. Por exemplo, estes animais adscritos ao selo deberán alimentarse cunha forraxe de características específias cando menos nun 50% da súa dieta. Pero esta forraxe hai que cultivala -agora non existe-, e obrigará en teoría a retomar ou poñer en marcha novas terras agrarias destinadas a ela. As previsións de Medio Rural son que en catro anos estean adscritas á marca 30.000 vacas, que suporían 86.6 millóns de valor en primeira venda do animal. Medio Rural calcula que a marca poderá comezar a empregarse en tres ou catro meses, unha vez finalizados os trámites administrativos.

Hai un factor de interese detrás: o rol que debe asumir o agro galego nun contexto como o actual, cunha gran competencia entre múltiples países produtores e materia prima dunha calidade aceptábel de xeito habitual. Esta nova marca parece apostar por crear un ciclo de excelencia, buscando a especialización polo alto. A xulgar pola cantidade de gandeiros que había nesa sala, parece que a iniciativa espertou moitas expectativas. Agora terei que falar con gandeiros a ver como ven eles todo este despregue.

Para arroupar a iniciativa, os cociñeiros Martín Berasategui e Flavio Morganti –cociñeiro do restaurante Galileo– prepararon un menú de pinchos con diferentes cortes de carne e preparacións -desde un tartar, chuletón, albóndigas- de un alto nivel ao que nos aplicamos con devoción a multitude que estaba dentro desa sala. Houbo tempo para profundizar nunha fermosa historia que lles contarei algún día, conversar con blogastrónomos, saudar a Flavio e a Berasategui, aprender uns cantos termos agrarios, tomar un postre de requeixo da Capela, ver a uns cantos coñecidos e mesmo para pararmos, outra volta, na igrexa de San Mamede do Castro, que segue a dar de si.

Por certo, aquí vai o vídeo promo que máis me gustou dos cinco que resumen os conceptos da marca: a sustentabilidade.

6 Comments

  1. 22 / Novembro/ 2008

    Moi interesante iniciativa, agarda que valla a diante con ben. Saúdos

  2. 22 / Novembro/ 2008

    Boa iniciativa, ainda que para o meu entender pouco fundamentada. Si pretenden vender carne de vacas frisonas no mercado galego (coma carne, non coma derivados) vai ser moi complicado. A frisona non é unha raza de aptitude cárnica, e o mercado galego está ben diferenciado do estatal en que prefire produto mais xove. A esto engadimoslle que a maior parte das gandeirias de leite practican unha explotación intensiva que literalmente destroza os organismos das vacas, e non me parece que sexa o mais apetecibel para comer.

    Xa temos unha marca de carne ben posicionada no sector e con diferenciación da carne producida artesanalmente: chamase Ternera Gallega Suprema. E secadrá ahí é onde debemos centrar os esforzos.

  3. 22 / Novembro/ 2008

    Seve, unha boa cuestión a que planteas. Creo que queren ofrecer un produto bastante diferenciado á carne xove de Ternera Gallega. Iso si, é carne para os que son moi amantes da carne, dun sabor moi intenso. Probei diferentes elaboracións de carne Vac.1 tras a presentación e estamo a falar de unha carne de primeiro nivel -aínda que non, desde logo, para o bistec dos nenos á noite.

    Ten en conta que, despois de finalizar a actividade leiteira da frisona, esta vai pasar uns meses nunha etapa de cebo e engorde.

  4. 22 / Novembro/ 2008

    Eu tiven a oportunidade de estar tamén nese acto e probar a carne en diferentes preparacións e si que lle vexo potencial. Non como competencia da carne de animáis máis novos, pero si nun sector no que Galicia non competía habitualmente. Para min está por encima da carne de “añojo” relativamente doada de atopar e pode competir en igualdade de condicións (ou mesmo superioridade) coas pezas de boi e touro habituais noutras zonas da Península Ibérica. Comparte a solidez gustativa das carnes de animais adultos coa suavidade das carnes máis comúns en Galicia. Non será un produto maioritario, pero se son capaces de garantir a calidade que onte poidemos degustar, será un produto cun espazo claro no mercado.

  5. 25 / Novembro/ 2008

    Vexo a diario ás vacas frisonas que van ó matadoiro é a maioría delas polo seu aspecto quitan a calquera as gañas de comer,a maioría delas van deshauciadas,son escasas as que se ceban,non lles dan tempo,o seu precio non compensa nunha explotación intensiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará